DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co lanzamento dun libro dedicado a este profesor e un novo número da Revista Galega de Educación

A Facultade de Educación e Traballo Social rende homenaxe a Filgueira Valverde e á radio escolar

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este xoves a presentación do

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Académica
DUVI Ourense 26/03/2026

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este xoves a presentación do número 93 da Revista Galega de Educación, editada por Nova Escola Galega e que leva por título A radio escolar, e do libro Filgueira Valverde, profesor humanista innovador e director dun instituto modelo (Pontevedra, 1939-1976).

O novo número da revista consiste nun monográfico coordinado por Sergio Pascual e Lucía Abarrategui e que conta con 15 colaboracións que exploran a radio escolar dende perspectivas teóricas e prácticas, dedicando especial atención a iniciativas como Ponte... nas Ondas! Na presentación celebrada esta mañá, moderada pola profesora do centro Ana Mª Iglesias, participaron Raquel Rey (Nova Escola Galega/ Ponte... nas Ondas!/UVigo); Santiago Veloso (Ponte... nas Ondas!); Sergio Pascual (coordinador do número) e Antón Costa e Xosé Manuel Cid (ambos do consello editorial da revista). No acto, Santiago Veloso tamén entregou a Xosé Manuel Cid un recoñecemento polo seu compriso de tres décadas co proxecto Ponte...nas Ondas!

No exemplar presentado este xoves indícase que “dalgún xeito, falar de radio, educación e vida, é un proceso de deconstrución da última xa que, coas ferramentas, aprendizaxes e coñecementos adquiridos, ondas e ensino son alicerces na formación de calquera persoa”. Para abordar todas esas aprendizaxes, neste novo número desde a súa organización destacan que se convida ao público a “mergullárense con nós nas diferentes perspectivas educacionais, radiais, vitais, que neste monográfico amosamos”. Trátase, subliñan, dun monográfico para “explorar distintos xeitos de facer a radio dende a escola e entender o sentido da súa vixencia no contexto actual, porque a radio e a educación forman un binomio que aínda ten moitas historias por contar”. 

A figura de Filgueira Valverde

Xa esta tarde, a Facultade de Educación e Traballo Social organiza a presentación do libro Filgueira Valverde, profesor humanista innovador e director dun instituto modelo (Pontevedra, 1939-1976), editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. No acto, que contará coa colaboración musical do Coro Universitario de Ourense, participará o autor da obra, Xermán Manuel Torres de Aboal, e Xosé Manuel Cid, X. Fernando Filgueira e Antón Costa, estando moderada a conversa por Nazaret Blanco.

O libro que se presenta é unha biografía intelectual e educativa do profesor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde baseado na tese de doutoramento de Xermán Manuel Torres de Aboal, presentada na Universidade de Vigo e dirixida por Xosé Manuel Cid. Nela faise “unha descrición pormenorizada e unha análise da función docente e directiva desempeñada por Filgueira Valverde no Instituto de Pontevedra, que foi declarado instituto modelo en 1957 e no que o profesor Filgueira, durante moitos anos, desempeñou un labor digno de consideración”.

O estudo desta figura baséase “nunha fonda investigación básica de carácter cualitativo, por medio da indagación arquivística e documental, dos que destacariamos tres arquivos: o arquivo documental e gráfico do Museo de Pontevedra, o arquivo do IES Sánchez Cantón de Pontevedra e o arquivo da Universidade de Santiago”. O seu autor sinala que se manexaron na súa elaboración fontes primarias, secundarias e terciarias e unha abondosa bibliografía, destacando especialmente “a importantísima colaboración da familia Filgueira-Iglesias que en todo momento nos facilitou o acceso a canta documentación, bibliografía, documentación gráfica e información nos foron necesarias e útiles”, agradecendo a autorización da familia para utilizar todos os materiais aos efectos da tese e das publicacións sobre o profesor Filgueira Valverde.

Despois da revisión da ampla documentación manexada, a publicación recolle que “chegamos á conclusión de que o profesor Filgueira Valverde foi un docente humanista innovador polo seu labor docente e directivo. No seu instituto tiña moita importancia unha educación que transcendía o muro das aulas polas actividades educativas e culturais que se desenvolvían no Instituto de Pontevedra nesta etapa histórica”. Filgueira Valverde, subliña na obra Xermán Manuel Torres de Aboal, “pretendía un ensino activo e creativo da lingua e da literatura, promovía a lectura e a escritura, os comentarios de texto, as conferencias, as declamacións, a utilización do teatro escolar, do cine e daba moita importancia á música, á educación física e ao deporte, ás excursións”.