DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha mesa redonda virtual este venres ás 16.30 horas

A Facultade de Filoloxía e Tradución reivindica a traxectoria de Xela Arias como tradutora

A escritora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2021 foi alumna do centro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
M. Del Río DUVI 23/02/2021

Muller, escritora, poeta… e tamén tradutora. Esta última faceta, quizais a menos coñecida de Xela Arias, é na que se centrará unha mesa redonda que terá lugar este venres 26 de febreiro organizada por docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución. Arias, á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2021, foi alumna do centro, onde comezou os seus estudos de Filoloxía Hispánica en 1991, para posteriormente rematar a carreira na USC. O obxectivo da xeira deste venres é recuperar a memoria da Xela Arias tradutora, un labor que permitiu ler en galego, por exemplo, o Drácula, de Bram Stoker; O derradeiro dos mohicanos, de James Fenimore Cooper; Venus Negra, de Angela Carter; As bruxas, de Roald Dahl ou Dublineses, de James Joyce.

A mesa redonda, titulada Letra a letra con Xela Arias. Colaboración e tradución, contará coa participación de tres persoas que traballaron con ela nese eido: Débora Ramonde, tradutora; Lidia Iglesias, profesora e Rafael Ferradáns, tradutor. O encargado de moderar o debate será o escritor e docente Manuel Bragado, que tamén traballou con Xela Arias en Xerais.
A idea de organizar esta xornada xorde da escritora María Reimóndez, tamén antiga alumna da FFT e membro da plataforma de crítica literaria A Sega que en 2019 lle dedicou o Día das Galegas nas Letras a Xela Arias. Contactou cos profesores Ana Luna e Alberto Álvarez Lugrís para argallar un evento que servise para poñer en valor “a faceta de tradutora de Xela Arias, xa que “no ano das letras convén amosar os seus diferentes perfís e facetas”, relata Ana Luna. De feito, Arias formou parte do comité de redacción da revista de tradución Viceversa, da que son responsables os dous docentes da FFT. Como avanza Luna, en setembro lanzarán un número especial dedicado á Xela Arias tradutora, que será editado polo Servizo de Publicacións da UVigo xunto con Edicións Xerais. 

A Xela Arias tradutora

A mesa redonda deste venres conta coa presenza de tres das persoas que traballaron con Xela Arias nalgunhas traducións, ben como tradutoras man a man, ben como revisoras ou correctoras. “Queremos que se estableza un diálogo no que se recupere a memoria de como traballaban, de como se escollían os textos, de como resolvían as dúbidas, de como era o proceso de tradución de cada un dos proxectos nos que Xela se implicou, que foron moitos”, relata a profesora Luna. Esta faceta de tradutora supúxolle a Arias varios galardóns ao longo da súa carreira, como a Medalha do Premio de Traduçao Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro, póstumo. Visibilizar este destacado labor, remarca a docente, é importante para o alumnado da facultade viguesa e para toda a comunidade universitaria en xeral, “para que saiban que aínda que non puidese cursar a carreira de Tradución e Interpretación, porque daquela non existía en Galicia, puido acometer tarefas propias dunha profesional da tradución, revisión e corrección durante moitos anos nunha editora de prestixio como Xerais”. Puntualiza Luna que isto implica que “a formación e a práctica van da man; Xela fixo o seu camiño, en parte como autodidacta, cando deixou os estudos en COU; pero logo retomou a carreira e chegou a superar unha oposición para ser docente nun instituto. Nese momento tivo que baixar o ritmo de traballo como tradutora, pero sempre estivo implicada na defensa da lingua, na normalización cultural do país”. 

A quinta muller á que se lle dedica o Día das Letras Galegas

Rosalía de Castro foi a protagonista do primeiro Día das Letras Galegas en 1963. Pero tras ela, tan só outras tres mulleres foron homenaxeadas o 17 de maio ao longo da historia: Francisca Herrera en 1987; María Mariño no 2007 e María Victoria Moreno en 2018. Así, Xela Arias será a quinta muller á que se lle dedica esta efeméride, dun total de 59 autores. Isto demostra, como recoñece a profesora Ana Luna, que “estamos ben lonxe de acadar a igualdade, en todos os espazos sociais, e xa que logo, no ámbito laboral”. Pon como exemplo a Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, na que “semella que a presenza da muller é moito máis numerosa ca dos homes” ata que se analizan polo miúdo os datos sobre postos de responsabilidade, promoción académica, etc. “Claro que queda moito por facer, e Xela Arias niso foi pioneira (muller, escritora -poeta- en galego), transgresora e moi independente. Mágoa que desaparecera tan nova, seguro que nos acompañaría en moitas ocasións na facultade e poderíamos gozar da súa amizade e competencia”, conclúe.