DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Educación apoia o rexistro de Ponte… nas Ondas! como modelo de boas practicas de salvagarda do Patri

A facultade forma parte desta iniciativa desde o ano 2002

Alumnado do centro traballou arredor dos seus 27 anos de historia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 01/12/2022

No marco do 17 Comité Intergubernamental da Unesco que se celebra estes días en Marrocos, a candidatura galega e lusa de Ponte…nas Ondas! presentouse este xoves para a súa inclusión no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO, sendo finalmente aprobada esta tarde. Culmina así un traballo de 27 anos realizado desde o eido educativo, entre outros centros desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, para preservar o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués implicando ás novas xeracións na súa transmisión.

Co gallo desta candidatura, alumnado de primeiro curso do Grao en Educación Primaria da facultade ourensá estivo traballando estes días no marco da materia de Historia da Educación arredor desta experiencia educativa. Os materiais elaborados foron expostos este xoves na entrada do Edificio de Ferro, respondendo así ao convite da asociación de Ponte…nas Ondas! para que os centros implicados na iniciativa compartisen tamén a emoción de ter chegado a este momento en Rabat.    

Esta inscrición, lembra Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, é a primeira para Portugal e Galicia. De Ponte…nas Ondas!, o decano explica que “son xa 27 anos de traballo en equipo de moitísimos mestres, mestras e centros, facendo a través da radio escolar todo un traballo de recuperación do patrimonio inmaterial da contorna de cada escola, fundamentalmente da raia galego-portuguesa, e de achegamento á xente nova para mantelo vivo”. Neste senso, o docente subliña a importancia deste feito tendo en conta que o patrimonio inmaterial en moitos casos estase perdendo.

Facendo historia

Ponte…nas Ondas!, lembra Xosé Manuel Cid, é “unha experiencia que empezou entre dous pequenos concellos da raia de Salvaterra e Monção no ano 1995, que foi medrando e medrando e que hoxe é un modelo para todo o mundo”. Segundo apunta, cada 13 de febreiro, coincidindo co Día Mundial da Radio, primeiro a través da radio e na actualidade tamén a través de Internet, emítese un día de programación feita polas escolas arredor do patrimonio cultural inmaterial. Porén, subliña o docente, “non se trata do traballo dun día, ese día visibilízase o traballo que realiza moito profesorado e alumando de moitas materias distintas de maneira interdisciplinar ao longo do ano”.

Segundo explica o decano de Educación e Traballo Social, a participación deste centro nesta experiencia remóntase ao ano 2002, cando se realizou a candidatura de Ponte... nas Ondas! a patrimonio cultural inmaterial da Unesco. “No ano 2005, esta candidatura non chegou a bo porto porque non foi elixida obra mestra pero en realidade si chegou a bo porto porque centos de escolas estiveron co gallo desta proposta traballando sobre patrimonio inmaterial, con toda unha recollida de material por parte de xente feita con respecto intercultural e interxeneracional”, subliña. Ponte...nas Ondas!, recalca, ten polo tanto “unha dimensión histórica que aínda hoxe non estamos en condicións de valorar pero probablemente está á altura de calquera movemento de renovación pedagóxica que puido haber ao longo da nosa historia e para nós, como facultade, é unha honra e un luxo ter compartido esta experiencia con esta xeración histórica de profesorado doutros niveis educativos”.

Ao longo destes anos, o alumnado universitario, sinala Cid, participou na programación radiofónica desta iniciativa, da súa recollida de patrimonio inmaterial e das súas actividades. “Démoslle entrada primeiro participando nós na programación e segundo entendendo que era un modelo importantísimo para a formación dos nosos futuros docentes, promovendo que as e os futuros mestres coñecesen nos seus estudos de grao e mestrado este proxecto e o tomaran como modelo para traballar”, comenta. Neste senso destaca que Ponte... nas Ondas! é “un modelo para o mundo, para traballar o patrimonio cultural inmaterial nos centros educativos” facendo fincapé na importancia de que “o patrimonio se rexenere, que as novas xeracións continúen alimentándoo e recreándoo”. “Ponte nas Ondas! é un proxecto de renovación pedagóxica emblemático e único no século XXI”, conclúe o responsable académico.