DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun proxecto de intercambio de experiencias en innovación docente

A Facultade de Historia tende pontes co alumnado de Educación Secundaria

Na iniciativa participaron estudantes do CPR Padre Feijoo-Zorelle de Ourense

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI Ourense 12/05/2022

A Facultade de Historia acolleu este xoves a celebración de Tendendo Pontes. Xornadas de intercambio de experiencias en innovación docente no Ensino Secundario e a Universidade. Esta iniciativa, que celebrou a súa segunda edición, trouxo a estudantes do CPR Padre Feijoo-Zorelle de Ourense a expor no campus de Ourense diferentes proxectos de investigación histórica.  

A primeira edición deste encontro celebrouse en 2019 e recuperouse este curso académico despois de dous anos de interrupción por mor da pandemia da covid-19. O obxectivo principal deste proxecto é espertar a curiosidade polo pasado entre o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria a partir do desenvolvemento de pequenos proxectos de investigación histórica. Na benvida este xoves á Facultade de Historia, Julio Prada, decano do centro, destacou que actividades coma esta forman parte “do noso traballo nos institutos e colexios para espertar a curiosidade do alumnado pola xeografía e a historia” apostando, indicou, por levar a cabo “iniciativas novidosas” que impliquen ás e aos estudantes no seu desenvolvemento. Estas accións, engadiu, “tamén permiten pór en contacto profesorado da universidade con profesorado do ensino secundario” e establecer un diálogo de interese para ambos.

De Ucraína a Venezuela

Nesta edición de Tendendo Pontes, participaron estudantes de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria do CPR Padre Feijoo-Zorelle e a súa profesora Beatriz Nieto. Elas e eles traballaron sobre temáticas de grande actualidade, desenvolvendo os proxectos A guerra de Ucraína: de verdade rematara a Guerra Fría; A Venezuela chavista na actualidade; O conflito Israel-Palestina e A Guerra de Siria. Nunha primeira fase da iniciativa, explicou a docente responsable, “estableceuse, de forma colaborativa, a estrutura do traballo e os pasos para darlle forma, comezando por unha clase de aproximación teórica aos diferentes conflitos/procesos a analizar”. A continuación, engadiu, o alumnado realizou unha investigación inicial en Internet á que seguiu unha pequena investigación bibliográfica para realizar un pequeno estado da cuestión e obter información fiable. Tamén empregaron recursos hemerográficos como paso previo para realizar unha análise crítica da información obtida a través dos diferentes medios que permitise formular as hipóteses previas.

Segundo explicou Beatriz Nieto, tras establecer novas responsabilidades nunha segunda rolda de debate grupal, o alumnado desenvolveu un traballo máis intenso de investigación e de recolección de información, seleccionando e ordenando a información máis relevante para logo sintetizala en forma dunha presentación que se expuxo na aula co obxectivo de recibir a retroalimentación dos seus compañeiros e compañeiras e da profesora. Tamén se traballaron as técnicas de oratoria para a exposición oral. Na última fase de Tendendo Pontes, celebrada este xoves no campus de Ourense, as e os escolares defenderon o seu traballo de investigación na Facultade de Historia e recibiron unha pequena masterclass a cargo de profesorado especialista. Dada as temáticas dos traballos expostos, foron elixidos os profesores Luis Velasco e Pablo García, que imparten a materia de Mundo Actual no Grao de Xeografía e Historia do campus de Ourense.

“A iniciativa foi de novo marabillosa, estamos moi contentos co seu desenvolvemento”, indicou Beatriz Nieto. As e os alumnos participantes, sinalou, foron os mesmos que participaron na primeira edición e este ano tiveron a oportunidade de amosar como foron madurando e levar a cabo con éxito “traballos máis serios e que lles achegan ao traballo de investigación universitaria”. “Realizaron un traballo moi destacado de análise de fontes, de busca de información, de abordar as raíces históricas dos conflitos e de análise crítica”, afirmou a profesora. Parabéns que tamén lle foron trasladados aos rapaces e rapazas por parte do profesorado da Facultade de Historia que participou na xornada deste xoves.