DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Área de Benestar, Saúde e Deporte abre o prazo para solicitar os abonos

Faite Muver e deixa atrás o sedentarismo!

Permite o acceso a salas de fitness, actividades dirixidas, pista de atletismo e ofrece descontos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
M. Del Río DUVI 02/10/2020

Despois dos meses de confinamento e do verán xa é hora de regresar a unha rutina saudable de práctica deportiva. Para iso a Área de Benestar, Saúde e Deporte acaba de abrir o prazo de solicitude dos abonos cos que conta a UVigo e que permiten facer un uso regular das súas instalacións. Por unha banda, a modalidade básica dá acceso aos vestiarios, armarios e pista de atletismo e, por outra, o Abono MuVer permite o uso dun un amplo abano de instalacións e ofrece vantaxes para practicar deporte nos tres campus. 

Os abonos poden adquirirse tanto cuadrimestral como anualmente e mesmo tamén de xeito puntual para o verán. O MuVer permite o acceso ás instalacións deportivas da Universidade nos tres campus durante o todo o seu horario de apertura, incluíndo as salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). Contar co abono tamén dá acceso gratuíto ás actividades dirixidas de fitness e o seguimento técnico e médico-deportivo dos programas de adestramento, así como a participación de balde nas actividades do equipo de carreiras populares da UVigo.

No que se refire aos prezos, o abono MuVer conta con distintas tarifas que varían segundo a duración e a persoa que o solicite. Para os membros da comunidade universitaria, o prezo anual é de 60€, para persoas pertencentes entidades privadas dos campus como Citexvi ou Cusa e titulados da UVigo é de 90€ e para persoas alleas á institución é de 180€. Para quen prefira o abono cuadrimestral, os prezos varían entre os 35€, os 50€ e os 100€ respectivamente e para o de verán entre 10€, 15€ e 30€. 

A actividade deportiva vai retomando o pulso

Ademais do Abono MuVer, o resto de actividades e programas deportivos dos tres campus tamén van regresando paseniñamente á normalidade. Esta semana abriuse o prazo de matrícula para o programa de actividades acuáticas Augaventura e tamén arrancaron os adestramentos das seccións deportivas de carreiras populares e carreiras de orientación do campus de Vigo así como os da escola deportiva de tenis nos campus de Ourense e Vigo.

A vindeira semana está previsto que arranquen as actividades dirixidas dos tres campus e se retomen os servizos de medicina deportiva e fisioterapia tanto en Vigo, como en Ourense e Pontevedra. Dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte están tamén a traballar para comezar coas reservas das zonas de tenis de mesa dos tres campus e para volver poñer en funcionamento a parede de escalada e a actividade de bádminton. 

Remate da temporada 2020 de tenis e comezo da 2021
 

Tras un ano moi complicado pola covid-19, os equipos absolutos de tenis da Universidade de Vigo remataron esta pasada semana a tempada dunha das mellores formas posibles: o equipos masculino B como finalista na 1ª División e quedando entre os catro primeiros postos tanto o equipo feminino en División Ouro e o equipo masculino A en División Prata, logrando ambos equipos masculinos os respectivos ascensos a División Ouro e Prata.

Deste xeito remata, en palabras do adestrador Jorge Comesaña, “unha grandísima tempada”, acadando algo que no se tiña feito nos 24 anos da historia do tenis da Universidade de Vigo, ter na tempada 2020-2021 a todos os equipos nas máximas categorías posibles: Absoluto Feminino División Ouro; Absoluto Masculino A División Ouro; Absoluto Masculino B División Prata e Veteráns +35 División Ouro.

Sen tempo para o descanso, esta fin de semana comeza xa a nova tempada, co partido entre o equipo +35 da UVigo en División Ouro e o Tenis Ponteareas como visitante.