DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores arrancou o VII Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil

Falando dun mundo e dunha literatura sostible con Xabier Domínguez e Alba de Evan

Estes mestres e creadores falaron no campus da súa editorial e contos de temática ambiental

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 07/10/2021

A temática e o lema da sétima edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que este mes acolle o campus de Ourense é Para ler (n)un mundo sustentábel e para falar dun mundo e dunha literatura máis sostible este mércores achegáronse ao campus de Ourense os mestres e creadores Xabier Domínguez e Alba de Evan. Coa súa intervención arrancou a programación dunha iniciativa que pretende establecer un diálogo directo entre as e os futuros mestres que se forman na Facultade de Educación e Traballo Social deste campus e autoras e autores de literatura para o público máis novo.

A iniciativa está organiza como en anteriores ocasión pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo Isabel Mociño, contando co apoio das profesoras Verónica Pousada e Eulalia Agrelo. Para a súa realización, o ciclo volve a ter o apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, da Facultade de Educación e Traballo Social e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua, que colabora con esta actividade ao abeiro do convenio que ten coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Á súa inauguración asistiron Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, e Beatriz Maceda, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua, ademais das responsables da actividade.

Na primeira sesión do ciclo, Xabier Domínguez e Alba de Evan ofreceron unha conferencia titulada Gozar e aprender. Salvar o mundo a través da LIX. Os dous abordaron para o alumnado presente a súa traxectoria como mestres, creadores e fundadores en 2020 a Editorial Antela, sendo coautores da serie de contos Naturizo, con temática ambiental, e da novela infantil Maxia de pedra. Na súa intervención falaron da súa traxectoria, do vínculo entre a súa condición de mestres e a creación literaria para público infantil e xuvenil e do enfoque ambiental e de sostibilidade dos seus proxectos.

Máis programación

O ciclo continuará o mércores 13 de outubro co escritor Ramón Caride, que falará sobre Onde sustentamos as nosas ficcións? (Ciencia, tradición e actualidade na miña obra). Caride, indican desde o ciclo, “é un dos autores clásicos da literatura infantil e xuvenil galega”. Biólogo e docente xa xubilado, sinalan, “foi un dos primeiros que nos anos 90 fixo obras narrativas onde abordaba ese mundo futurista de destrución”. É ademais, engaden, un autor “comprometido coa desigualdade no mundo e coas diferentes infancias que hai no mundo froito desa desigualdade”, preocupación tamén recollida na súa obra. Tamén se achegará ao campus de Ourense a filóloga e escritora Andrea Maceiras o día 20 de outubro para falar de Palabras para o mundo verde. Dela, a organización do ciclo destaca que “a pesar de ser unha escritora moi nova ten recibido numerosos premios de literatura infantil e xuvenil, tanto a nivel galego como estatal”. Na súa traxectoria, indican, inclúense “obras futuristas, distópicas, onde se ve tamén o compromiso da autora coa natureza e co mundo”.

Por último, a programación pecharase o 27 de outubro cunha intervención do ilustrador Federico Fernández titulada Tecnoloxía arcaica. Ao igual que as edicións anteriores do ciclo, a iniciativa rematará este ano coa intervención dun ilustrador, co obxectivo de enriquecer a ollada do público sobre a literatura infantil e xuvenil abordando tamén a parte visual, unha parte moi relevante das obras dirixidas aos rapaces e rapazas. Deste relator, desde a organización comentan que na súa obra tamén ten un protagonismo salientable o mundo tecnolóxico e o seu papel no mundo.