DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O novos libros súmanse aos breviarios de divulgación do saber

Feminismo, cambio climático e astrofísica amplían a colección ‘Esenciais’ do Servizo de Publicacións 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Lingua Galega
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 11/10/2021

Esenciais: Breviarios de divulgación do saber incorpora tres novos volumes á colección que o pasado mes de marzo lanzou o Servizo de Publicacións da UVigo. O feminismo, O cambio climático e A astrofísica son os libros de pequeno formato cos que a colección segue a apostar pola divulgación en galego, ofrecendo ao público, tanto especializado, coma non, unha serie de pequenas e concisas introducións a conceptos esenciais do saber dos diferentes ámbitos do coñecemento. “Tiña a idea de que os primeiros temas fosen de importancia social e puntos fortes da nosa Universidade, da nosa oferta formativa en todos os ámbitos”, explica Jorge Luis Bueno, director do Servizo de Publicacións, que incide ademais no carácter pioneiro desta iniciativa, única en todo o Estado.

Logo de que a colección comezase coa publicación de A ciencia política de Argimiro Rojo e As enerxías renovables de Maite de Castro e Xurxo Costoya, agora súmanse ao proxecto Feminismo de Beatriz Suárez Briones e María Jesús Fariña Busto; O cambio climático de Diego Fernández Nóvoa, Marisela Des Villanueva e Moncho Gómez Gesteira e A astrofísica de Ana Ulla. Como xa sucedera cos dous primeiros volumes, nesta ocasión tamén foi o director do Servizo de Publicacións quen, coas suxestións do Consello asesor científico, propuxo os temas e autores, “polo de agora cunha excelente e entusiasta acollida por parte das e dos autores”, recoñece Bueno en relación cos novos volumes que, como os seus antecesores, teñen un formato 11X17, unhas 100 páxinas e un prezo simbólico de 5 euros.

Viaxando polo feminismo, un cambio climático afectado polo ser humano e o estudo da natureza das estrelas

“Este libro preséntase como unha viaxe con parada en tres estacións: a primeira onde se expoñen os intereses e as temáticas máis relevantes das que consideramos as teorías feministas que supuxeron unha verdadeira revolución do propio concepto de ‘muller’, ao abrir á diversidade o suxeito político do feminismo, as ‘mulleres’; a segunda onde se traza un percorrido pola historia de vida das mulleres e pola súa ininterrompida reivindicación de dereitos; e a terceira onde se examinan dúas cuestións de imprescindible reflexión, a violencia e a linguaxe”, detallan as autoras de Feminismo, Beatriz Suárez Briones e Mª Jesús Fariña Busto sobre o volume, que consideran constitúe unha pequena guía para transitar polo complexo e apaixonante territorio dos feminismos.

Pola súa banda, Diego Fernández Nóvoa, Marisela Des Villanueva e Moncho Gómez Gesteira destacan en relación co seu volume que “os cambios no clima sucedéronse ao longo da historia do noso planeta debido a mecanismos naturais. Non obstante, o cambio climático actual ten a singularidade de estar tamén afectado polo ser humano. Este efecto antropoxénico potencia o quecemento global, incrementando a velocidade dos cambios e limitando a capacidade de adaptación das especies ás novas condicións”. Neste sentido, os autores de O cambio climático sinalan que mesmo variacións pequenas, como décimas de grao na temperatura, poden ser desfavorables para moitas especies, levando á extinción dalgunhas delas. “O coñecemento dos cambios climáticos, tanto os pasados coma o actual, permite desenvolver ferramentas de mitigación e adaptación para enfrontarse aos cambios futuros do mellor xeito posible”, explican.

Tras lembrar que astrofísica é unha palabra de orixe grega, de aster = estrela e physis = natureza, Ana Ulla apunta que “as persoas tamén somos parte do universo e, se o queremos entender, convén ver as estrelas no ceo de noite e facérmonos preguntas sobre elas. Como non sería realista propoñer todas as preguntas posíbeis deste vasto campo de coñecemento, este libro inclúe unha sucesión limitada delas: sobre a morte das estrelas, a evolución do universo, a busca de vida extraterrestre... na esperanza de contribuír, seica, a abrir algunhas de reflexión na materia”, explica a autora de A astrofísica

Positivo balance e próximas publicacións

Con cinco volumes na rúa, Jorge Luis Bueno fai un balance moi positivo de Esenciais. Breviarios de divulgación do saber. “Estanse a mover ben nas librarías e nas redes sociais, mais penso que aínda non están presentes como colección, por iso queremos presentar conxuntamente estes cinco primeiros volumes dun xeito especial e anunciar o que está por vir, como algo que teña continuidade no tempo”, explica o director do Servizo de Publicacións da UVigo, que avanza que para 2022 están en marcha A linguaxe de Fernando Ramallo; As telecomunicacións de Manuel J. Fernández Iglesias, O bilingüismo de Xoan Paulo Rodríguez, O galeguismo de Xosé R. Quintana e As vacinas de África González, Mercedes Peleteiro e Andrea Fernández.