DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na segunda 'Érték Conference', un evento promovido por alumnado de CCSS e da Comunicación

O fenómeno ‘influencer’ abre tres días de relatorios virtuais sobre publicidade e márketing

Cun coloquio sobre a creación de contidos para redes sociais

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 17/11/2020

A creación de contidos para redes sociais, as relacións coas marcas patrocinadoras e coas comunidades de seguidores, a planificación do traballo e as principais fontes de ingresos foron algunhas das cuestións abordadas con tres influencers na apertura da segunda edición da Érték Conference. Promovido por un grupo de estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas, o evento que, dada a situación sanitaria, se desenvolve este ano de xeito virtual, busca achegar o alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ás experiencias dunha serie de profesionais do márketing e da publicidade. Retransmitido a través da plataforma Twitch, o evento, que conta co patrocinio da facultade e de diferentes empresas, reúne no seu programa 15 conferencias e a "mesa de influencers" coa que botou a andar na mañá deste martes.

Moderado polo estudante Lucas Peteiro, este coloquio reuniu a Manel Rozas, Force, que suma máis dun millón de subscritores na súa canle de Yotube; Irene Rodríguez, Ireniusx, con máis de 700.000 seguidores en TikTok; e a xornalista freelance de moda e tendencias Patricia Goméz, que acumula 17.000 seguidores no seu perfil de Instagram. Neste faladoiro virtual as e os participantes abordaron os seus inicios neste eido, que no caso de Force combina coa participación en “batallas de freestyle”, competicións de rap improvisado. Foi de feito, apuntou, o seu propio interese “por atopar este tipo de contidos en Youtube” o que o animou a crear unha canle centrada nestas batallas. No caso de Ireniusx, sinalou, foi “o aburrimento durante o confinamento" o que a levou a compartir unha serie de “vídeos artísticos sobre debuxos ou manualidades”, mentres que Gómez continuou en Instagram a difusión dunha serie de contidos sobre “moda, tendencias e viaxes” que previamente realizaba nun blog, o que lle serviu “para crecer profesionalmente e ir abríndome portas”. 

A elección e xeración dos contidos que suben ás redes foi outro dos temas abordados neste coloquio, no que Rodríguez, que conta con vídeos con máis de nove millóns de reproducións, puxo o acento en que este é un proceso no que está presente “o medo a facer o mesmo e que acabe aburrindo”. Mais, como engadiu Force, máis aló do que poida acontecer “a nivel individual”, a xeración de contidos para redes sociais “vai seguir indo cara arriba durante bastantes anos”, xa que se trata, opinou, de algo “co que as novas xeracións, que consumen máis Youtube e Instagram que televisión, se senten moi identificadas”. Nese mesmo senso, Gómez subliñou que “as redes sociais van seguir aí, o que cambiarán son os perfís que interesen”, motivo polo que incidiu na importancia de “ter a capacidade de achegar contidos de valor”. 

Tres días, 15 conferencias 

Esta mesa viuse precedida por un vídeo de presentación, no que alumna Sara Piñeiro deu conta dos contidos e novidades desta segunda Értek Conference. O evento acolle esta tarde unha conferencia de Miguel Conde, responsable da axencia Quattro IDCP; seguida dun “primeiro encontro co mundo da moda”, da man de Cristina Rey e Patricia Ferreira, de Mekkdes, “que nos falarán de como crear, crecer e comunicar en tempos de crise”, pechando esta xornada un relatorio sobre neuromárketing e emocións na publicidade, a cargo de Juan Graña, CEO de Neurologyca.

Mañá, mércores, Jaime Conde, de Quattro ICDP, afondará en “como crear unha axencia de publicidade”, mentres que a responsable de comunicación de Coca-Cola en Galicia, María Troncoso, “falaranos de sustentabilidade”, completando a mañá un relatorio do community manager do RC Celta, sobre “adaptación ao cambio” nestes tempos marcados pola covid-19, explicou Piñeiro. Pola tarde, Itziar Oltra, de Airhopping, abordará “como crear unha comunidade en redes sociais”, mentres que Carmela Serantes, fundadora de The Good Shop, falará de emprendemento e o responsable de produción do Resurrection Fest, Ángel Piñeiro, deterase na organización de festivais.

Por último, a Érték Conference acollerá o xoves un coloquio con Alfonso Molinelli e Óscar Parada, da axencia Tony Le Brand, sobre a importancia de “romper cos tópicos”; un relatorio do responsable de márketing de Krack, Sebastián Troyas, e unha conferencia sobre organización de eventos a cargo de Jordi Lauren e Andrés Lamosa, de PlayPlan. Pola tarde, o evento completarase, sinalou Piñeiro, cunha conferencia sobre “márketing e comunicación turística en tempos de covid-19”, a cargo de Sergio Couto, de Edition; cun coloquio de Fernando Rábade e David Serantes, de Mondo Fashion Show, sobre a “descentralización da moda en España”; e cunha segunda abordaxe á organización de festivais, de man de Carlos Domínguez, fundador de O Marisquiño.