DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Xornada de Empregabilidade que o centro promoveu co patrocinio do Consello Social

Fisioterapia amosa aos futuros e futuras graduadas diferentes camiños para o seu futuro profesional

Coa participación de profesionais de diferentes especialidades

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 07/05/2026

Amosar aos futuros graduados e graduadas diferentes opcións laborais, a través da experiencias dunha serie de profesionais, é o obxectivo da Xornada de Empregabilidade que a Facultade de Fisioterapia promovía este xoves, co apoio do Consello Social. A segunda edición desta iniciativa, que dá continuidade ás mesas de saídas profesionais que este centro promove desde hai máis de 20 anos, achegou o estudantado ás experiencias e traxectoria de profesionais especializados en fisioterapia deportiva, respiratoria, rehabilitación, uroxinecoloxía ou obstetricia . 

Como sinalou na súa apertura a secretaria académica da facultade, Rocío Abalo, o propósito desta actividade é mostrar aos e ás asistentes “diferentes opcións de traballo que poderedes atopar no mundo laboral”. Para iso, contou coa participación de catro fisioterapeutas, que afondaron “na súa visión do mundo laboral e nas súas experiencias, dende como montar o seu propio centro, a traballar nunha UCI a divulgar o coñecemento científico en redes sociais”, salientou Abalo.

Do apoio da Universidade á divulgación en redes sociais

Punto de inflexión, tempo de reflexión era o título da conferencia que abriu esta xornada, a cargo da directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, Maruxa Álvarez, quen afondou na necesidade de reflexionar sobre as múltiples opcións que se abren na saída ao mercado laboral, á vez que presentou as iniciativas de apoio ao emprego e emprendemento que se promoven desde a Universidade.

A fisioterapia cardiorrespiratoria na UCI foi o eixe do segundo dos relatorios, impartido por Francisco José García, cuxa traxectoria permitiu tamén pór o o foco nesta edición noutra faceta das e dos profesionais, como é “a divulgación científica a través das redes sociais ou da organización de xornadas e coloquios” que permitan achegar á cidadanía diferentes cuestións relacionadas coa saúde. Este evento contou así mesmo coa participación de egresados como Hugo Ogando, especialista en fisioterapia deportiva e director de ClínicasON, con quen o alumnado puido abordar “a experiencia de traballar por conta propia”, sinalou Abalo. Tamén exalumna da facultade, Laura Salán centrou a súa intervención na fisioterapia uroxinecolóxica e obstétrica, mentres que Alfonso Frieiro, supervisor do Servizo de Rehabilitación no Complexo Hospitalario de Pontevedra, abordou o traballo das e dos profesionais da fisioterapia no Servizo Galego de Saúde. 

II Xornada de Exercicio Terapéutico en Fisioterapia

Tras esta xornada de empregabilidade, a facultade acollerá o vindeiro xoves 14 a segunda edición da Xornada de Exercicio Terapéutico en Fisioterapia, dirixida a pór en valor a investigación sobre a prescrición de exercicio físico na abordaxe de diferentes patoloxías e a darlle visibilidade aos estudos que se desenvolven no centro neste eido. Con esa idea, no seu programa inclúese a presentación dos resultados dunha selección de traballos de fin de mestrado, realizados en anteriores edicións do Máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia.

Nomeadamente, para esta segunda edición foron seleccionados os estudos de María Albina Rojo, Orlando Ángel Carrillo, Gloria María Cascallar e Andrea Ínsua, centrados en cuestións como os efectos do exercicio terapéutico no bruxismo, na funcionalidade dos membros superiores en persoas afectadas por cancro de mama ou na prevención de lesións no judo. As súas comunicacións veranse precedidas neste evento, que se desenvolverá entre as 16.00 e as 20.00 horas, por unha conferencia da investigadora da Universidad Rey Juan Carlos Sofía Laguarta sobre exercicio terapéutico en pacientes de covid persistente.