DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de acadar a certificación da ACSUG á implantación do seu sistema interno

Fisioterapia convértese no segundo centro do campus en obter o selo Q de calidade

A decana defíneo como un “garante” do correcto funcionamento do centro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Calidade
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/03/2023

Tras acadar recentemente o certificado Fides-Audit á implantación do seu Sistema de Garantía de Calidade, a Facultade de Fisioterapia converteuse no segundo centro de campus ao que a UVigo recoñece co selo Q, unha distinción propia coa que a institución académica busca visualizar o traballo desenvolvido no ámbito da calidade por facultades, escolas, servizos, laboratorios ou centros de investigación. Trátase, como explican desde a Área de Calidade, “dunha iniciativa senlleira nas universidades españolas, coa que pretendemos promover, identificar, harmonizar, recoñecer e divulgar as actividades e resultados” acadados neste ámbito e que Fisioterapia obtén despois de que un comité externo avalíase a correcta implantación dos diferentes procedementos recollidos no seu sistema interno, referidos tanto á docencia como á xestión do centro. 

“Demostra que se están facendo as cousas dun xeito correcto, que se está traballando ben en todos os ámbitos”, sinala a decana en funcións, Mercedes Soto, que lembra que os procesos de calidade implican “revisar todo o que se fai nunha facultade”, polo que son un “garante” do correcto funcionamento do centro. Nun proceso de carácter voluntario, promovido pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Fisioterapia someteuse en 2022 á avaliación dunha comisión externa, encargada de verificar o correcto funcionamento no día a día da facultade do seu Sistema de Garantía de Calidade. A finais de decembro, a ACSUG emitiu finalmente un certificado, cun período de validez de cinco anos, que recoñece que este sistema foi implantado conforme ás directrices establecidas polo programa Fides-Audit, converténdose no segundo centro do campus pontevedrés con esta distinción, tras a Escola de Enxeñaría Forestal, e o décimo cuarto no conxunto da UVigo. A obtención desta certificación da ACSUG motivou á súa vez que a Comisión de Calidade da UVigo acordase nos últimos días conceder a Fisioterapia o selo Q, que a facultade poderá empregar en toda a documentación ou información pública relacionada cos ámbitos nos que se outorgou, como, por exemplo, páxinas web, documentación institucional, folletos promocionais ou material de papelaría.

Procesos que contribúen á mellora continua 

“Traballamos moito para obter esta certificación, o que á súa vez serviunos para mellorar”, salienta Soto, que incide en que os procesos de calidade obrigan "a unha avaliación de todo o que se está facendo”, que garanta que os diferentes procedementos relacionados tanto coa docencia, como coas instalacións ou co persoal cumpren cuns estándares mínimos. “Isto é o que fai que poidas mellorar”, sostén a decana en funcións, que lembra que o sistema de garantía interno proporciona “unha visión xeral de como estamos e de cara onde queremos ir”, de tal xeito que a implantación deste conxunto de procedementos “reflíctese na calidade dos estudos”. 

Neste punto, Soto pon en valor o traballo realizado pola Comisión de Calidade do centro, “na que hai representación de todos os grupos de interese”, tanto profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos, como representantes dos titulados e tituladas, dos empregadores e da sociedade. Mais, ao mesmo tempo, resalta tamén a importancia que nestes procesos ten a participación tanto do alumnado como dos egresados e egresadas, a través das enquisas de satisfacción, “que son unha ferramenta para que poidamos mellorar”.