DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na celebración do Día das Letras Galegas

Florencio Delgado Gurriarán: o soño e a súa testemuña. Por Anxo Angueira.

O profesor e escritor traza neste artigo un percorrido pola traxectoria do poeta de Valdeorras

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Institucional
DUVI 16/05/2022

A Universidade de Vigo leva días celebrando nas súas escolas e facultades actos nos que, dun ou outro xeito, se lembra e homenaxea a figura de Florencio Delgado Gurriarán, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. O acto oficial de conmemoración tivo lugar o pasado martes na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e nel o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución e escritor Anxo Angueira trazou un percorrido pola traxectoria  do poeta da terra de Córgomo, en Valdeorras, unha persoa “comprometida co proxecto cultural e político galeguista”. Na conmemoración desta data o Duvi retoma o texto íntegro da súa intervención, unha particular homenaxe a Delgado Gurriarán e a todos aqueles autores, “outros galeguistas e republicanos” que, coma el, tiveron a oportunidade de “criarse intelectual, política e literariamente” nun período de auténtico rexudir da cultura galega, un período que foi “tronzado polo fascismo e os horrores da guerra” e que levou a todos estes intelectuais camiño do exilio, neste caso, “ao México solidario de Lázaro Cárdenas”. Vaia para todos eles. 

Florencio Delgado Gurriarán: o soño e a súa testemuña. Por Anxo Angueira*

Tanto a nivel académico como a nivel popular, designamos co nome de rexurdimento un período situado na segunda metade do XIX, eminentemente literario, protagonizado por Rosalía de Castro, que o encabezaría, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. Porén ningún destes autores escoitou nunca tal palabra nin tivo nunca acceso a idea con ela asociada. A nosa historia cultural vixente, así como a onomástica que a designa, é unha construción, relativamente recente, de hai corenta anos, os que leva vixente o ensino do galego e da súa literatura.

O estudo da historia da palabra rexurdimento, seguindo as proposta de le mot et l´idée da École des Annales (Lucien Febvre) demostra, digámolo xa, que a única época histórica na que a sociedade galega e os seus protagonistas creron vivir un proceso de rexurdimento ou renacenza e utilizaron estas mesmas palabras para designalo foi o período 1916-1936, o período en que se xestou un poderoso proxecto político, cultural e literario que tiña como principal obxectivo, precisamente, o rexurdir de Galicia. E ese é o período en que se criou intelectual, política e literariamente Florencio Delgado Gurriarán.

A partir da fundación das Irmandades da Fala prodúcese unha mudanza estrutural dun calado extraordinario. Desde o noso punto de vista, foi clave nese sentido o salto teórico e práctico que supuxo entender Galicia como nación, así como a converxencia nun mesmo proxecto de diferentes sectores, a confianza nas propias forzas e unhas expectativas favorables de futuro. Galicia vive o período como un verdadeiro rexurdimento ou renacenza, que responde perfectamente ó paradigma historiográfico de Jules Michelet (1855) e Jacob Burckhardt (1860). A nosa Renaissance era vivida coma un período de florecemento que supuña a superación de toda unha longa decadencia e a recuperación dos vínculos cunha época de esplendor perdido, no noso caso a da Idade Media. Este rexurdimento vivido entre 1916 e 1936 tiña as súas raíces no século XVIII, o da Ilustración e de Sarmiento, e tiña os seus precursores no XIX de Faraldo e a xeración de Rosalía.

Van ser os autores protagonistas deste período que vai de 1916 a 1936, como Delgado Gurriarán, os que testemuñan sobradamente o que aquí defendemos. Son eles, coma moito antes Silvio Pellico no Risorgimento ou Víctor Balaguer na Renaixença, os que están vivindo a forza dunha recuperación, dunha rehabilitación, dunha rexeneración que é todo un proxecto nacional. Iso si, en Italia, Cataluña e Galicia, con cadansúa cronoloxía e cadansúa lóxica cultural, literaria e política. Desde os primeiros números de A Nosa Terra ata os derradeiros de Guieiro, o voceiro das Mocedades Galeguistas; desde os escritos de Antonio Villar Ponte ós do mociño Francisco Fernández del Riego, aínda máis novo có noso autor, os testemuños escritos de que para a Galicia das Irmandades e da II República o tempo histórico que estaba vivindo era o dun rexurdimento son abrumadores.

Florencio Delgado Gurriarán viviu este tempo, especialmente no período da República, comprometido co proxecto cultural e político galeguista. E desta época son tamén as súas iniciais publicacións poéticas en prensa, logo coroadas co seu primeiro libro de poemas, Bebedeira de 1934, editado por Ánxel Casal en Nós, bandeira desta renacenza. Un libro vinícola, como a súa terra de Córgomo en Valdeorras. Poesía crítica, no político no social e mesmo no sociolingüístico. Un canto alegre e desenfadado á vida, ó viño e á vendima, á paisaxe e ás tradicións da súa terra, seguindo as pautas do estilo imaxinista de Amado Carballo, como pode verse no poema Muiñada:
 
O sol, baril muiñeiro,
pingotas de choiva moe,
o arco da vella pineira
fariña de sete cores.
 
Os brancos foles das nubens,
a lombos das serras, van
cara o muiño do ceo
para moelo seu gran.
 
A siñora lúa,
branca muiñeira,
que anda noutra banda
coas mozas estrelas,
 
ao chegala noite
de tornar se lembra
porque ten gandaia
e nón quer perdela.
 
Os ventos, mozos de pobo,
polos agros a cantar,
terán de rubir ao ceo
pola noite a rebuldar.
 
O sol muiñeiro,
de pan un anaco,
que moéu de día,
farto de traballo
ao ban do poente
vai asubiando,
amata o candelo
e fica deitado.

Pero esta alegría de Bebedeira e este momento tan esperanzado na historia contemporánea de Galicia, especialmente despois do triunfo do Frente Popular en febreiro do 36 e da aprobación do Estatuto de Autonomía en xuño dese ano, víronse brusca, dramática, traxicamente tronzados polo fascismo e polos horrores da guerra. O rexurdimento construído e vivido ata aquel ano foi destruído, desfeito, asasinado. A esperanza deu lugar ó terror, á represión e ó exilio: á longa noite de pedra. Delgado Gurriarán consegue fuxir por Portugal cara á Bordeos e en 1938 xa está en Barcelona e á beira da República, con Castelao e Líster. Gurriarán combate cos seus versos. 

Amencer
(Na emposta da chegada dos Katiuskas a Madrid)

Fóra, Popes das sombras,
fóra, Zar do silencio!

Non devesas da noite,
latifundios de medo,
non moedas de estrelas
nin burgueses luceiros!

Sol e lus para todos,
para todos ar ledo!

Gume de lúa, fouce,
circia pena, martelo,
e roibén da alborada
estandarte vermello...

Células de anduriñas
a xantar o hino obreiro
que o amencer camarada,
leva a VITORIA aos ceios!

Pero non houbo tal vitoria e un ano despois comeza o éxodo a Francia, en cuxa organización o noso poeta participa. A bordo o Ipanema, con outros mil refuxiados políticos, marcha con destino ó exilio americano. Os máis dos setenta galegos que van a bordo, ó pasaren por Fisterra, botan unha botella ó mar con esta mensaxe: “Á vista de Finisterre, recibide pobo galego, o saúdo garimoso dos que niste intre dooroso van cara o exilio. Non perdades a esperanza, mantede o esprito ergueito que non tardará en cair o treidor que perante tres anos encheu de mortos Galiza e de loito os seus fogares. Viva Galiza Ceibe. Viva a Repúbrica. Abaixo Franco”. Barcos que chegaron ó seu destino coma o Ipanema e outros que non puideron zarpar, coma o bou Eva, no Berbés de Vigo. Naves que xuntaban a galeguistas, republicanos, socialistas, comunistas e anarquistas. Naves - República que fuxían ou eran abatidas no propio porto. A alborada de groria que cantara Rosalía e que Galicia vivía con forza antes do 36 tornouse unha “alborada de dor”, como dixera o poeta emigrado na Arxentina, Ramón Rey Baltar, no primeiro libro en galego editado despois da guerra: A gaita a falare (1939): “Unha noite sin estrelas / vén cando o día pintaba...”.

O camiño do exilio levou a Delgado Gurriarán, coma a outros galeguistas e republicanos, ó México solidario de Lázaro Cárdenas. E alí, principalmente desde Guadalaxara en Nova Galicia, mantivo viva a esperanza e o soño, organizado, en permanente activismo político e sen sucumbir ó desalento. 

Son de considerar especialmente a publicación Saudade (1942-1944), con Ramón Cabanillas fillo, Ramiro Illa Couto e Carlos Velo. Logo despois Vieiros. Revista do Padroado de Cultura Galega de México (1959-1968) con Luís Soto e Carlos Velo, unha referencia extraordinaria de toda a historia do exilio galego. E tamén o memorable Cancioneiro da Loita Galega (1943), do que foi o impulsor e principal poeta. Estando en Pontevedra non podemos esquecer o soneto dedicado a Alexandre Bóveda:

Acesa lus dun malogrado abrente,
circio mestre, de circia mocedade,
siso, pulo, paixón, saber, bondade,
corazón xeneroso, limpa mente.

Varudo paladín na loita urxente
–viñera o tempo da maturidade–,
man na fouce, segache a nosa herdade,
á chamada dos bardos, obedente.

A túa vida foi curta e non puideches
cumprir, daqueles, o mandado inteiro,
mais, ao dar o teu sangue, ti soupeches,

mártir e loitador, trunfar da morte
e conquerir o posto de guieiro
da Galiza inmortal, enfesta e forte.

Galicia infinda (1963) ese é o título dunha obra na que o Miño é substituído como río da patria polo Gulf Stream, onde Portela, Cesures, Arcos, habitan á beira de Michoacán, Uruapan e Tacámbaro. Os ollos volven a Córgomo e a Valdeorras, o pensamento á relixión das mallas e dos castiñeiros. Pero velaí tamén os “Poemas mexicanos”, unha das máis orixinais achegas do noso poeta, hibridación única na que entran en galego as terras e culturas mexicanas:

Hai sede na Nova Galicia

Sede nos ermos outeiros
e nas poeirentas chairas,
nos arpados nopaleiros,
sede nas enxoitas airas.

Nas lagúas enlamadas
de arneiro xabre cinguidas.
Sede nas irtas valgadas.
Sede nas terras íspidas.

Sede nas mortas aldeias,
nas congostras, nos carreiros
e nas queimantes areias

dos escoados regueiros.


Nas árbores desfolladas
que erguen, en mudo queixume,
súas ponlas estordegadas,
fogueiras a arder sen lume.

Sede o coiote ouveante,
sede a cobra pezoñenta
de axóuxere alporizante
e sede a iguana cincenta.

Os carneiros tosquiados,
o armentío famento,
os pegureiros coitados...
Sede, ¡universal tormento!:

Da teixa, enrugada terra,
do azur, de cote a brilar,
do vento ardente que berra,
da natureza a esligar!

Os remuiños inxentes
-como brasfemias ou pregos-,
cara os ceios incrementes
ruben, nun pulo, dos regos.

Sede en min nunca amatada,
sede en min xamáis dormida,
da verde Terra arelada,
a das choivas benquerida.

Florencio Delgado Gurriarán regresou a Galicia en 1968. Fíxoo de novo en 1976, pero non puido regresar de vez, definitivamente. En realidade, non había regreso posible. Nunca o hai. A espiral resitúanos a todos noutras coordenadas no seu xiro cando cremos regresar, porque todo pasa, todo flúe, nada permanece. 

E ben, dese período final son as súas obras Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986, un ano antes da morte). Teñen vocación recopilatoria. Pero tamén teñen un espírito poético que, desde 1976, comezou a ser xulgado como anacrónico. A Galicia poética e a Galicia política posterior á morte de Franco estaba lonxe, moi lonxe daquelas esperanzas anteriores a 1936. El mesmo así o recoñece, con humor e sarcasmo, en poemas coma este “Ditos do pobo galego”: 

(Carrillo é antileninista,
González antimarxista,
o Iribarne antigranquista!
Seica o Rosón, falanxista,
hoxe en día é galeguista!:
Deus nos asista!

Pois no Pacto da Moncloa
(que xunta a auga co aceite,
que mestura viño e leite,
caldo e mel, roscón e broa)
o desleixo vai co enfeite:
Vaiche boa, Vilaboa!

Morreron as ditaduras
e trunfou a Democracia?
Vencen as ideas puras?
O fascismo está en desgracia?
Non andamos xa ás escuras?
Tenche gracia!

Está xa todo arranxado?
A “Vox populi” é “Vox Dei”?
Será o voto respeitado
e o pobo fará a súa lei
sen medo aos “Golpes de Estado”?
Non che sei!

Ou o que nos din é conto
e non estamos de embora?
Inda non hai final pronto
pra as inxustizas de outrora?
Hai, ho optimismo, desconto?
Meigas fóra!

Que vaia ao demo a argallada!
Que, do mal, non fira, os espeto,
á Democracia coitada!
Que á boa fe deamos creto!
Que se acabe a trapallada!
Que haxa paz e veña un neto!

O franquismo non fora unha paréntese nin a denominada Transición erguía os fachos da ruptura e da República. E aínda así, o soño permanecía, o soño do guieiro, o soño do rexurdir de Galicia, ese que nos move desde Sarmiento e que nos impulsa con forza desde Rosalía, ese que tan encamiñado estaba e que tronzou o fascismo en 1936, ese que Delgado Gurriarán viviu como privilexiada e tamén ferida testemuña. O soño do guieiro no título do seu derradeiro libro e no corazón do republicano e galeguista que entregara toda a súa vida, nas horas de esperanza, pero tamén nas da derrota e nas do exilio, á causa dunha Galicia digna, ó horizonte dunha Galicia xusta, ó soño dunha Galicia ceibe. 

 

*Texto lido no acto da Universidade de Vigo con motivo das Letras Galegas 2022