Celebrouse este xoves na Facultade de Ciencias
O foro Ágora Termal arranca a súa actividade cunha xornada técnica sobre xestión sostible do recurso termal
Nela afondouse na lexislación sobre perímetros de protección aplicables en Galicia
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración dunha Xornada técnica sobre xestión sostible do recurso termal, organizada polo foro Ágora Termal. Nela abordouse a lexislación sobre perímetros de protección aplicables en Galicia e a súa visión desde a óptica xurídica, da industrial termal e da administración pública. A iniciativa enmárcase no Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
Na súa inauguración, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou a importancia de, con iniciativas coma este foro e esta xornada, reunir a especialistas do mundo empresarial, xurídico, académico e da administración para “traballar a prol do termalismo”, termalismo que, lembrou, constitúe unha das liñas de especialización do Campus Auga. Do mesmo xeito, Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias, destacou a importancia da posta en marcha do foro Ágora Termal. Sobre a xornada celebra este xoves subliñou pola súa banda a pertinencia de abordar como se reflicte na lexislación a natureza dos recursos termais.
A programación arrancou cunha conferencia sobre a lexislación sobre perímetros de protección aplicable en Galicia a cargo de Sofía Salgado, coordinadora da Revista Científica de Dereito, Auga e Sostibilidade da Universidade de Vigo. De seguido, Javier Soto, director xerente de Caldaria Termal, e José Ángel Cid, director de proxectos de Xeoaquis, explicaron a visión da industria termal sobre estes perímetros. Polo que respecta á óptica da administración pública foi exposta por Elena Galindo, xefa de Proxectos Técnicos-Augas Minerais e Termais, do Instituto Geológico y Minero de España, e por Diego Casal, subdirector xeral de Recursos Minerais da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Moderou a xornada Roberto Bustillo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo.
Ágora Termal
O foro de debate e divulgación científica Ágora Termal naceu o pasado mes de marzo a instancia dun nutrido grupo de persoal docente e investigador do Campus Auga da Universidade de Vigo “coa vocación de contribuír ao desenvolvemento do termalismo e propiciar o aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos de Ourense”. Con sede na Facultade de Ciencias e tendo como presidente ao catedrático emérito da UVigo José Luis Legido, está conformado por preto de 30 profesionais procedentes de diferentes ámbitos da universidade, a sanidade, a administración pública e o mundo empresarial privado. Entre os seus fins están crear un foro aberto de reflexión e debate sobre termalismo e aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos; contribuír á divulgación e transferencia do coñecemento e a investigación en materia termal; adoptar unha visión multidisciplinar e transnacional no desenvolvemento dos seus cometidos; asesorar a institucións públicas e operadores privados na toma de decisións concernentes ao aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos e xerar propostas útiles para a acción no ámbito do desenvolvemento termal.