DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este venres en Santiago de Compostela

O Foro Económico de Galicia analiza a organización do territorio, a mobilidade e as novas cidades

Reuniu a unha decena de especialistas de diferentes universidades estatais e lusas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 16/09/2022

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), celebrou este venres na sede do Consello Económico e Social en Santiago de Compostela, unha xornada centrada na análise da ordenación do territorio e o sistema de cidades. A iniciativa, que forma parte do grupo de traballo Galicia 2040, pertencente a este foro, reuniu a unha decena de especialistas das universidades de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Politécnica de Madrid e Porto.

Galicia 2040, explican desde o Foro Económico de Galicia, é un grupo constituído co obxectivo de proxectar escenarios en cinco eixos fundamentais de cambio: a dixitalización, os procesos de urbanización, a demografía, os retos medio ambientais e o contexto xeoestratéxico. O grupo está dirixido polos profesores e membros do Foro Económico de Galicia Xosé Carlos Arias (Universidade de Vigo), Domingo Docampo (Universidade de Vigo), María Cadaval (Universidade de Santiago de Compostela), e José Francisco Armesto.

Desde o Foro Económico de Galicia destacan en nota de que prensa que “esta semana nove cidades galegas de moi diferente tamaño (A Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra, Lugo, Lalín, Tui, As Pontes e Paradela), veñen de aprobar as súas axendas urbanas e rurais aliñadas a axenda 2030. Un compromiso de planificación estratéxica urbana e territorial sintomático do cambio de modelo que se está a producir na planificación urbanística”. Neste contexto, indican, “de cara ao 2040, Galicia debe comenzar a prepararse para un escenario novo no que a vivenda, a mobilidade e o traballo están a mudar radicalmente”.

Programa

A xornada deste venres arrancou co relatorio do profesor da Universidade da Coruña Manuel G. Docampo, baixo o título A organización do territorio. Sistemas de cooperación, agrupación e aproveitamento de recursos, completándose coa intervención de Antón Baamonde. O segundo relatorio, presentado por Carlos Nardiz, tamén profesor da Universidade da Coruña, foi O futuro das infraestruturas. Da mobilidade branda a ocasional, e contou cos comentarios de Daniel Hermosilla, do Grupo Rodiñas. Xa pola tarde, a profesora María José Mantiñán, da Universidade de Santiago de Compostela, centrará a súa intervención nos Novos modelos residenciais. Cidades, barrios e casas, contando a conferencia cos comentarios da profesora Filipa Guerreiro, da Universidade de Porto. Finalmente, a xornada culminará co relatorio do arquitecto Luciano Alfaya, coordinador da xornada, que presentará as súas propostas Avanzar cara as estratexias. Superar a clasificación estática do solo, contando cos comentarios de Sonia de Gregorio, da Universidade Politécnica de Madrid.