DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentou no Congreso un informe para a reforma do financiamento autonómico

O Foro Económico de Galicia recomenda un federalismo corporativo e a cogobernanza

Entre os autores do traballo está o catedrático da UVigo Santiago Lago

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 24/06/2024

O Foro Económico de Galicia, entidade coordinada desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este luns no Congreso dos Deputados, en Madrid, o documento Propuestas para España: la Reforma de la Financiación Autonómica. Nel recomenda, entre outros moitos aspectos, “un federalismo corporativo e a cogobernanza”.

A presentación estivo encabezada polo presidente do foro, o empresario Emilio Pérez Nieto, e o seu director, Santiago Lago, catedrático da Universidade de Vigo. O traballo foi elaborado polos economistas Santiago Lago (UVigo); María Cadaval, Xaquín Fernández Leiceaga (Universidade de Santiago de Compostela) e Jorge Martínez (catedrático emérito da Georgia State University e experto en federalismo fiscal e descentralización). O acto contou tamén coas achegas doutros tres especialistas: Ángel de la Fuente, da Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea); Ana Herrero, da Uned, e Francisco Pérez, do Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas (IVIE).

Petición dunha “axenda reformista”

Segundo explican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, no documento presentado os expertos “aínda que recoñecen a notable transformación institucional, económica e social do último medio século en España, sinalan que coexisten desafíos territoriais e institucionais que claman por unha ampla axenda reformista”. Entre estes retos os especialistas apuntan: a "escaseza global" de recursos para as comunidades autónomas, as "disparidades arbitrarias" no financiamento per cápita do sistema, a "limitada capacidade tributaria, a falta de incentivos" para o seu uso efectivo e a "excesiva complexidade" para que a cidadanía comprenda o sistema e asigne correctamente as responsabilidades políticas e, por último, os problemas de "estabilidade fiscal" no chanzo autonómico. Todo iso, engaden, “enmárcase nunha débil andamiaxe institucional que precisa dunha reforma estrutural para dar consistencia territorial ao país”.

Os autores da análise engaden nela que mellorar a descentralización financeira implica fortalecer as institucións de gobernanza propias das comunidades autónomas e fomentar unha maior adopción da “cultura federal” que avance cara a un federalismo cooperativo que promova a cogobernanza efectiva e solidaria. O documento identifica a equidade e a nivelación interterritorial como as áreas máis complexas do sistema de financiamento. En particular, sinalan os expertos, “o consenso político á hora de decidir se a nivelación debe aplicarse de maneira plena ou parcial, constitúe un punto crucial de cara ás negociacións de reforma do sistema”. Recomendan que, en coherencia con esta elección, débese avanzar en relación co statu quo e o criterio de ordinalidade. Para iso, apuntan que é decisivo identificar e resolver tres problemas. En primeiro lugar, sinalan que o sistema de concerto/convenio e, en menor medida, o réxime especial canario, deben revisarse e os seus cálculos teñen que adaptarse ás novas regras de redistribución. En segundo lugar, comentan que a "arbitrariedade resultante no presente da aplicación do sistema común ten que ser corrixida". Por último, indican que a metodoloxía de cálculo dos habitantes axustados precisa adecuarse para garantir unha distribución máis equitativa dos recursos.

En relación co concerto vasco e o convenio navarro, o documento afirma que “representan unha anomalía sen parangón no panorama internacional”. Os expertos, sinalan desde o Foro Económico de Galicia, advirten que a eventual extensión deste modelo a outras comunidades autónomas “implicaría unha redistribución dos fluxos fiscais que acabarían por configurar un sistema totalmente diferente do actual e que, posiblemente, ameazaría a viabilidade futura do país”. Por iso, subliñan, “é esencial previr e evitar que os tratamentos asimétricos sexan a semente de futuros problemas e xeren sentimentos e realidades de agravio, de forma que calquera solución de reforma que se adopte debe ser aceptada desde o ámbito de cada comunidade, pero tamén desde a perspectiva do conxunto do sistema”.  

Outras propostas

Ademais, os académicos do Foro Económico de Galicia recomendan a reforma e impulso do Fondo de Compensación Interterritorial co obxectivo de promover a converxencia económica e o reequilibrio territorial, sen perder de vista a eficiencia e a rendibilidade social dos investimentos públicos. No que respecta aos mecanismos extraordinarios de financiamento, o informe indica que é necesario fixarse dous obxectivos complementarios: por unha banda reducir as posibilidades de acceso ata a súa final desactivación e, por outra, facilitar a metabolización do endebedamento acumulado, asegurando un trato xusto e equitativo para aquelas comunidades autónomas que non teñan utilizado os mecanismos ou que o fixeron en menor medida que as outras. Os analistas lembran tamén a “necesidade perentoria” de definir a repartición vertical e horizontal dos obxectivos de déficit ao albor da entrada en vigor das novas regras fiscais europeas, e implementar mecanismos de axuste máis áxiles para adecuar as contas autonómicas á realidade, evitando "as distorsións" na programación financeira autonómica.