DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza celebrada en Santiago de Compostela

O Foro Económico de Galicia reúnese co gobernador do Banco de España

Pablo Hernández de Cos analizou a conxuntura económica a curto e medio prazo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Transferencia
DUVI Ourense 04/11/2021

Membros do Foro Económico de Galicia, encabezados polo seu presidente, Emilio Pérez Neto, e o seu director, Santiago Lago Penas, catedrático da Universidade de Vigo, mantiveron este xoves un encontro co gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos. Á sesión asistiron medio centenar de convidados, membros da entidade organizadora e representantes do sector económico galego.

Segundo indican en nota de prensa desde ao foro, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), “o encontro co gobernador do Banco de España foi moi positivo para ambas as partes”. O gobernador, indican, explicou como se ve a conxuntura económica a curto e medio prazo, incidindo nas oportunidades e desafíos aos que se enfronta. Pola súa banda, os membros do Foro Económico de Galicia puideron transmitir ao gobernador a súa percepción da conxuntura, as particularidades da estrutura económica de Galicia e as diferenzas na reacción á pandemia, así como no que respecta á reactivación económica. Pablo Hernández de Cos destacou na súa intervención, segundo sinalan desde a entidade organizadora, que a economía española atópase nunha fase de recuperación, aínda que esta é aínda incompleta e sometida a riscos á baixa. Aos riscos derivados da evolución da pandemia, apuntou, sumáronse máis recentemente os pescozos de botella nas cadeas globais de subministración e as presións inflacionistas derivadas do incremento dos produtos enerxéticos. Todo iso, sinalou, configura un escenario no que o papel das políticas económicas en España resulta clave para afianzar a recuperación.

A sesión, que tivo lugar en Santiago de Compostela e contou coa asistencia do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, finalizou cunha comida de carácter privado á que se sumaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente económico, Francisco Conde.