DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Titulado 'Paleonautas', está ilustrado por Iago Araújo

Do fósil á viñeta: o novo cómic de Mapas Lab achega a ciencia á mocidade

A publicación está dirixida a centros educativos, bibliotecas e actividades de divulgación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 16/07/2025

Desvelar as incógnitas do pasado para anticipar os cambios futuros do planeta é unha da premisas do grupo Mapas Lab da Universidade de Vigo, liderado pola investigadora Sara Varela. Pero a divulgación é tamén unha das patas fundamentais do traballo deste equipo interdisciplinar e unha das súas novas propostas neste eido é o cómic Paleonautas. Esta publicación ten como obxectivo achegarse á infancia e á xuventude para poñer ao seu alcance os avances en paleobioxeografía e faino a través dunha narrativa visual atractiva e contidos lúdicos e accesibles que facilitan a comprensión de conceptos científicos complexos.

O cómic está ilustrado por Iago Araujo e insírese no proxecto Mapas (H2020 947921), financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), o Centro de Investigación Mariña (CIM) e a iniciativa Paleo no Barrio: ciencia de proximidade (FCT-23-19134).

Ciencia que cobra vida

As ilustracións de Iago Araujo converten o cómic nunha “verdadeira expedición científica”, como detallan dende Mapas Lab, que leva os lectores por un percorrido no que visitan tanto traballos de campo en terra e no mar como laboratorios de investigación guiados polos propios investigadores do grupo. A través dunha proposta visual clara e lúdica, mestúranse investigacións sobre a especialización ecolóxica ou sobre o gradiente latitudinal de biodiversidade, explicando adaptacións, migracións e extincións ao longo de millóns de anos. Tamén se abordan as conexións entre ecosistemas, amosando como os cambios climáticos influíron na evolución da vida, así como a análise de bases de datos fósiles para estudar procesos de diversificación e extinción.

Esta nova publicación, explican dende o grupo, está dirixida a centros educativos, bibliotecas e actividades de divulgación, establecendo unha ponte entre a Universidade e a sociedade e animando á infancia a interesarse pola ciencia dende moi cedo. O cómic estará dispoñible de forma gratuíta en formato dixital na web do grupo (https://paleobiogeography.org/) e en versión impresa para escolares na sede do grupo na UVigo.

 A divulgación, na esencia de Mapas Lab

O grupo Mapas Lab (Macroecology, Paleoecology and Society Lab), que botou a andar en 2020, emprega paleontoloxía, bioloxía, xeoloxía e ciencias ambientais para estudar a biodiversidade ao longo do tempo. Paralelamente, moitos dos seus membros están fortemente implicados no eido da divulgación, participando en actividades que achegan a ciencia á cidadanía, como obradoiros, visitas a centros escolares, charlas e iniciativas Paleo no Barrio: ciencia de proximidad, ás que agora se suma tamén Paleonautas.