DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra 'Overtraz' pode visitarse ata o 30 de xuño

As fotoesculturas de Santi Barreiros Nito Contreras instálanse nos xardíns do campus

Está formada por 14 obras froito da simbiose entre os dous creadores

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 30/03/2023

Coa chegada da primavera as zonas verdes do campus de Ourense están en pleno proceso de floración, de explosión de cores e de muda da súa paisaxe. Uníndose a esta transformación, desde este xoves e ata o 30 de xuño, os xardíns universitarios acollen a mostra Overtraz, do fotógrafo Santi Barreiros e o escultor Nito Contreras, formada por 14 fotoesculturas.  

A exposición que chega agora ao campus está formanda por 15 fotoesculturas, das que seis proveñen dunha mostra anterior celebrada en Lugo e outras nove foron creadas especificamente para encadrar no espazo-xardín do campus de Ourense, desde a entrada pola avenida Afonso Rodríguez Castelao ata o edificio Politécnico.

Segundo indica Santi Barreiros, o proxecto toma o seu nome da palabra inglesa overtraz, “que significa zona autónoma temporal”, recollendo a idea de que se trata dunha mostra temporal que se sitúa nunha zona autónoma, nun territorio concreto como son neste caso os xardíns universitarios. Trátase, detalla, “dunha exposición de fotoesculturas” froito de “unha simbiose, unha combinación, unha sinerxía” entre o escultor Nito Contreras e el mesmo como fotógrafo. “Conceptualmente a historia está na terra, na natureza. Nós intentamos crear uns encontros e uns patróns de pensamento ou de discusión, sexa visual sexa conceptual ou sexa mental, cada un como queira, ou simplemente estético, que tamén pode valer. Pero fundamentalmente o que queremos é intervir o menos posible na terra, non agredila, asentar as obras nela”, explica Santi Barreiros.

Asentarse no espazo natural

O proxecto Overtraz, detallan os seus promotores, “é a continuación dunha idea que naceu hai once anos con Naturalmente, exposición presentada na galería de arte Visol desta cidade, onde creamos unha pequena paisaxe natural que dialogaba coas fotoesculturas dispostas na parede”. Dous anos máis tarde, en 2014, comezaron a intervir no exterior, aproveitando a Fundación Vicente Risco, en Allariz, lugar que os inspirou para crear unha serie de fotoesculturas ao aire libre. “En liña coas vangardas do Land-Art, Arte Ambiental ou Eco-Art, onde o territorio se transforma ou manipula, nós partimos do espazo natural, adaptándonos ao seu ritmo e crecemento cotián para crear puntos de interese visual que ofrezan a posibilidade doutro diálogo co espectador”, sinalan os seus responsables.

Sobre o proceso de creación destas fotoesculturas, Santi Barreiros explica que “unhas veces o escultor ten unha escultura e eu collo e intento adaptarme ás súas formas e busco imaxes gráficas que poidan dar un contido e integrarse coa esa escultura e ao mesmo tempo na natureza”. Outras veces, engade, é o escultor o que ve as súas fotos e desenvolve a partir delas unha escultura. Unha vez expostas no exterior, o fotógrafo recalca que nas fotoesculturas “vai a traballar o aire, vai traballar o vento, vai traballar a choiva e dentro dun mes ao mellor vemos outro tipo de esculturas”. Ademais, engade, na mostra do campus está o engadido de estar no contexto “duns xardíns marabillosos” en transformación pola primavera.