DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta a inscrición en sete talleres de Extensión Universitaria, dirixidos a toda a cidadanía

Fotografía, gravado, piragüismo e robótica educativa renovan a oferta de obradoiros do campus

O abano de propostas complétase con risografía, escalada e linguaxe de signos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Deportes
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/09/2021

Enerxías renovadas! é o lema co que se presenta a programación de obradoiros de Extensión Universitaria impulsada pola Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre. Abertos tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, trátase de sete talleres que se desenvolverán entre outubro e xaneiro e que desde este luns manteñen aberta a súa inscrición na plataforma Campus Activo. Con esas 'enerxías renovadas', cinco destes sete obradoiros ofértanse este curso por primeira vez no campus e permitirán achegarse ao piragüismo recreativo, á realización de reportaxes fotográficas, ao fotogravado, á robótica educativa e á impresión risográfica. Este programa formativo complétase coas novas edicións dos obradoiros de escalada en rocódromo e iniciación á lingua de signos.

Ata o 7 de outubro permanecerá aberta a inscrición nesta serie de actividades, que teñen un prezo de matrícula de 40 euros, cun 35% de desconto para as e os integrantes da comunidade universitaria. “Os obradoiros son sempre unha oportunidade para saír das aulas e investir o tempo nalgunhas facetas que cobren ocos importantes na formación integral do alumnado”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto, desta serie de talleres, que ofertan en conxunto máis dun centenar de prazas.

Do barco dragón ao Escornabot

Unha das novidades é o obradoiro Iniciación ao barco dragón: piragüismo recreativo e terapéutico, dirixido polo profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Iván Martínez. Inserido, como sinalan os seus responsables, na “alianza” que manteñen esta facultade, a Federación Galega de Piragüismo e a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra este curso de iniciación a esta modalidade deportiva, á súa metodoloxía de adestramento e ao seu “potencial terapéutico e inclusivo”, desenvolverase entre o 9 e o 16 de outubro. 

Tamén en outubro arrancará o único obradoiro de carácter virtual, Reportaxe fotográfica, un taller dirixido pola profesora de Belas Artes Mar Caldas, que o impartirá xunto co fotógrafo Antonio Fernández Vacas. O taller, que se desenvolverá entre o 13 de outubro e o 22 de decembro a través da plataforma Zoom, ten como obxectivo “crear un hábito metodolóxico para a realización de reportaxes fotográficas”, incidindo na súa aplicación en ámbitos como o comercial, o social ou o comunicativo. 

Combinando as sesións presenciais, en Ciencias da Educación e do Deporte, coas virtuais, entre o 8 e o 22 de novembro terá lugar o taller Habilidades maker para educación con Escornabot: robótica educativa, deseño e imprensión 3D e programación. Impartido polas as docentes Almudena Alonso e Ainoa Zabalza e o maker Miguel Gesteiro, o taller busca reflexionar sobre as posibilidades da robótica educativa dun xeito práctico, desenvolvendo “habilidades maker" e guiando ao alumnado na montaxe dun robot Escornabot.

Gravado e risografía, en xaneiro

Xa en xaneiro, Belas Artes acollerá por primeira vez o obradoiro Gravado non tóxico. Fotogravado pon Solarplates, dirixido polo profesor Ignacio Pérez-Jofre, que o impartirá xunto coa artista e egresada Gloria Alonso, que dirixe en Berlín o taller de gravado Künstlerhaus Bethanien. Trátase, sinalan, dun obradoiro de iniciación técnica do fotogravado con placas de fotopolímero, unha “alternativa menos tóxica para a creación de matrices”, que se “preparan expoñéndoas a unha luz ultravioleta”, e que permite “conseguir imaxes tratadas dixitalmente, desde fotocopias, debuxos, colaxes ou imaxes fotográficas, cunha fina escala de grises”. Tamén en 2022, o profesor Marcos Covelo impartirá nesta facultade Corta, pega e debuxa. Iniciación en procesos manuais de reprodución en Riso, unha actividade que dá continuidade a talleres anteriores dirixidos a explorar as posibilidades dunha copiadora Riso SF9530. As particularidades deste sistema de impresión, as posibilidades que achega en materia de autoedición e a recuperación de “procedementos tradicionais” para “abrir un diálogo entre métodos, manuais, mecánicos e dixitais” forman parte dos contidos do taller, que terá lugar entre o 17 e 21 de xaneiro.

Dúas propostas xa consolidadas

Esta programa de obradoiros complétase con dúas actividades xa consolidadas na oferta de Extensión Universitaria do campus. Por unha banda, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá, entre o 11 de outubro e o 1 de decembro, a cuarta edición de Comunícate coas mans, un taller dirixido pola profesora Ana Fernández Soneira, que propón unha iniciación na lingua de signos española, xunto cun achegamento ao contexto social, lingüístico, cultural e educativo da comunidade xorda. Por outra, entre o 5 e 21 de novembro terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a quinta edición de Iniciación á escalada en rocódromo, un taller dirixido polos docentes Águeda Gutiérrez e Diego Alonso. Coa participación do técnico de escalada Juan José Domínguez, o obradoiro busca achegar ao alumnado as técnicas básicas da escalada e os equipos e medidas de seguridade, para que, unha vez finalizado, poidan practicar este deporte con autonomía.