DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio coa psicóloga Olegaria Mosqueda en Ciencias da Educación e do Deporte 

Futuros docentes achéganse aos protocolos de intervención psicolóxica tras unha emerxencia

A actividade centrouse en como actuar nas situacións que poidan darse en centros educativos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 09/05/2022

Promovido polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) ten como obxectivo prestar atención psicolóxica ás persoas que poidan verse afectadas por situacións de emerxencia, accidentes e outra serie de incidentes críticos. Un dos ámbitos de actuación deste grupo, que presta asistencia ao conxunto da comunidade galega ao abeiro dun convenio coa Xunta, son aqueles accidentes ou sucesos que poidan ter lugar ou afectar directamente aos centros educativos. Co propósito de dar a coñecer o seu labor, os protocolos de intervención existentes e informar aos futuros e futuras docentes sobre como xestionar nas aulas unha situación de crise, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu na tarde deste luns un coloquio da psicóloga e membro do GIPCE Olegaria Mosqueda. 

Organizada polo Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación, en colaboración co Máster en Necesidades Específicas de Apoio Educativo e financiada pola facultade, esta actividade tiña como obxectivo, como explica a profesora Martina Ares, “informar sobre como xestionar nas aulas dos diferentes niveis educativos unha situación de crise ou un incidente crítico”. Nese senso, Mosqueda buscou en primeiro termo informar do modo de funcionamento dun grupo que "está ao servizo de toda a sociedade" e que se mantén operativo “as 24 horas do día e os 365 días do ano”, así como dos seus protocolos de activación. Partindo deste marco xeral, esta psicóloga detívose a continuación no labor que desenvolven nun ámbito, “no que pode parecer que nunca sucede nada, pero no que hai múltiples situacións que se poden producir”, como é o dos centros educativos. 

Neste ámbito, puxo o acento na importancia de ter en conta que as e os menores “requiren un tratamento diferente” nunha situación de emerxencia, así como no feito de que este tipo de incidentes esixen non só atender aos nenos ou mozos, senón tamén ao propio persoal dos centros. Con esa idea, Mosqueda presentou aos e ás asistentes ao coloquio o protocolo elaborado polo grupo para a intervención en centros de diferentes etapas, xunto cunha guía de axuda para os menores e as súas familias. “na que recollemos os síntomas que poden presentar despois dun incidente crítico”, incidindo neste punto na importancia de “recorrer a un especialista” se este tipo de síntomas, como poderían ser problemas para durmir ou falta de apetito, persisten pasado un determinado tempo. 

Responder aos menores e deixar que se expresen 

No referido á intervención psicolóxica ante incidentes críticos que poidan afectar a unha comunidade educativa, Mosqueda puxo de relevo a necesidade de ter en conta de que esta non vén motivada exclusivamente por emerxencias no propio centro, senón tamén por outra serie de sucesos que lles afectan directamente, desde o falecemento dun compañeiro ou compañeira a un accidente nas súas proximidades. “ O afrontamento dese impacto emocional é diferente, ao igual que o nivel de comprensión e entendemento das situacións. Temos que adaptarnos ás distintas idades”, subliñou esta profesional, que explica que se ben “o acompañamento é o mesmo, os menores requiren un tratamento diferente”. 

Nese senso, un dos aspectos nos que puxo o foco a responsable da área de documentación e comunicación do GIPCE é na importancia de deixar que as e os menores “expresen as súas emocións ou medos, que formulen as súas preguntas, ás que trataremos de dar resposta”. Neste punto, Mosqueda incidiu na necesidade de informar do acontecido “dunha maneira, clara, breve e precisa”, con información veraz e “non demasiado detallada”, así como “permitir que expresen as súas opinións, dando normalidade á tristeza, ao choro, á rabia, á incredulidade...”, á vez que puxo o foco na importancia de “tratar de evitar o impacto visual” en accidentes que poidan darse no propio centro ou nas súas proximidades.