DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O novo grao en FAGE procura un enfoque aplicado coas prácticas como ferramenta fundamental

Futuros titulados e tituladas no Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española con competencias centradas no ‘saber facer’

A titulación tamén pon o foco na aplicación da filoloxía ao ámbito tecnolóxico  

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Lingua Galega
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 19/07/2021

“No deseño dos graos de humanidades, sobre todo os estudos filolóxicos, adoitaban dominar as competencias que se centraban en que o estudantado ‘soubese’ e non tanto en que ‘soubese facer’, e no Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE) apostamos porque todas as competencias de ciencia básica, de coñecemento teórico, estean determinadas pola súa finalidade e posibilidade de aplicación”. Esta é, segundo Alexandre Rodríguez Guerra, docente e investigador do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, unha das características máis salientables do novo grao en FAGE, que comezará a impartirse o vindeiro curso na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A esta aposta porque todas as competencias estean determinadas pola súa finalidade e posibilidade de aplicación, engádese tamén a da que o alumnado adquira as competencias filolóxicas necesarias co emprego das máis modernas ferramentas da tecnoloxía dixital, “atendendo”, sinala Miguel Cuevas, docente e investigador do Departamento de Lingua Española da UVigo e secretario da FFT “a unha demanda social e a unha necesidade das propias titulacións humanísticas, reivindicando o seu lugar no mundo actual e o seu potencial en traballos interdisciplinares”.

A titulación, que dá continuidade e renova os estudos de galego e español, que se remontan na institución académica viguesa 40 anos atrás, distribúe os catro anos do plan en dous ciclos: un primeiro de dous anos de formación básica e obrigatoria, e un segundo de formación máis especializada, orientada a cada unha das linguas centrais do grao: galego e español, permitindo ademais ao seu alumnado cursar dous idiomas modernos a elixir entre: alemán, francés, inglés ou portugués. Así mesmo, a incorporación da lingua de signos, nun módulo optativo de especialización, converte a este grao no primeiro do Sistema Universitario Galego en dispor desta formación.

Un amplo abano de saídas profesionais e unhas prácticas cun enfoque aplicado

Desde o momento no que se iniciou a elaboración da memoria do grao en FAGE, as e os seus promotores recoñecen que os guiou darlle resposta a unha pregunta: que deben saber facer as e os nosos titulados? A resposta, segundo Alexandre Rodríguez, “pasa necesariamente por un enfoque aplicado e nel, as prácticas constitúen unha ferramenta fundamental porque conectan a universidade coa sociedade, porque son o camiño máis directo para coñecer dende dentro as posibles saídas laborais e porque permiten adquirir experiencia mentres continúa o proceso formativo”. Neste sentido, o docente e investigador a UVigo salienta a existencia das prácticas en FAGE, porque, explica, non é habitual que existan, “máis ben o contrario, nas titulacións filolóxica do SUG”, ao tempo que incide en que se realizarán todas as xestións para que o abano da oferta formativa sexa a máis ampla posible e non se limite só ás entidades de prácticas consideradas máis “tradicionais”.

Deste xeito, as prácticas non se ofertarán só en centros de estudo, ensino e investigación en humanidades ou editoriais, senón que tamén estarán dispoñibles en empresas, organismos, institucións en que adquire un papel relevante a comunicación, a planificación, o asesoramento lingüístico, así como tamén arquivos, museos e fundacións, asociacións socioculturais, escolas e federacións, gabinetes de diverso tipo e colexios profesionais. “Por suposto, tamén existirá a posibilidade de que o estudantado realice peticións concretas para, se fose posible, asinar convenios con institucións, empresas ou organismos non considerados nun inicio”, aclara Alexandre Rodríguez.

En canto ás saídas profesionais do novo grao, ademais de manter as consideradas “tradicionais” do ensino ou o traballo editorial, as e os promotores de FAGE destacan que xorden ou poténcianse enormemente todas as que teñen que ver coas novas tecnoloxías, con profesións de presente e futuro, non só nun eido máis institucional, senón tamén no da empresa privada, “que valora moito e ben a capacidade creativa, resolutiva e multilingüe do noso estudantado”, asegura o docente vigués. Así, o mercado laboral relacionado coas empresas que demandan profesionais especializados na comunicación e o relacionado co ámbito tecnolóxico e coa comunicación multimodal e multilingüe en Internet; o asesoramento a empresas tecnolóxicas cuxas aplicacións necesitan do coñecemento lingüístico e de capacidades creativas para o seu desenvolvemento e as relacións internacionais, tendo en conta a importante carga de contido de linguas estranxeiras que inclúe o novo grao, son algunhas das saídas profesionais máis diferencias que, respecto doutras titulacións do seu ámbito, ofrece, segundo os seus impulsores, o grao en FAGE.  

Filoloxía e tecnoloxía, un entendemento necesario 

Partindo da evidencia de que as interrelacións entre tecnoloxía e filoloxía son cada vez máis vivas e enriquecedoras, e mesmo imprescindibles nalgúns casos, Miguel Cuevas asegura que “non estamos no momento de formar filólogos ao uso senón persoas que, coñecendo profundamente as linguas e literatura do noso país, xunto con dúas linguas estranxeiras máis, sexan capaces de incardinarse na sociedade tecnolóxica do século XXI cunha formación que lles vai converter en profesionais ben formados e con gran flexibilidade para adaptarse ao mundo laboral actual, sen esquecer, por suposto, as saídas profesionais tradicionais”.

No grao en FAGE hai dous eixos nos que as tecnoloxías están presentes. O primeiro está relacionado coas novas formas de facer filoloxía, é dicir, a aplicación da tecnoloxía ao procesamento de textos, á edición dixital, análise da linguaxe e de obras literarias a través de corpus informatizados, á minería textual, ao ensino de linguas e as súas literaturas, a como se produce e se analiza a voz con, por exemplo programas de análise acústica ou de utrasóns, ou á transcrición de textos antigos. E a segunda liña é a ten que ver coa aplicación da filoloxía galega e española ao ámbito tecnolóxico. “Neste sentido, traballaranse as aplicacións das filoloxías nas tecnoloxías de recoñecemento e produción da fala, o uso do coñecemento semántico e pragmático no desenvolvemento de ontoloxías para o seu uso, por exemplo, na web, ou o procesamento sintáctico da linguaxe natural para diversas aplicacións tecnolóxicas, ou o traslado da literatura ao mundo dixital, coa xeración de novos formatos multimodais”, detalla Cuevas, que tamén destaca o papel esencial da linguaxe na comunicación empresarial e institucional e a aplicación de coñecemento filolóxico no ámbito social e cultural e a súa relación coas tecnoloxías, dende a normalización lingüística mediante páxinas web, ao estudo da linguaxe a través de tecnoloxías para detectar precozmente enfermidades, como a demencia ou alzheimer.

“A filoloxía non podería quedar aos marxes das vantaxes que nos ofrecen todas estas ferramentas, especialmente cando estas mudaron os hábitos comunicativos das persoas, permiten xerar e almacenar gran cantidade de textos orais e escritos en soporte dixital e un tratamento e análise de datos lingüísticos e literarios a gran escala. Quizais é esta parte a que, dun xeito radical, mudou a forma de facer filoloxía e a converteu nunha ciencia máis empírica que pode traballar cun volume de datos enorme”, asegura o docente e investigador da FFT, para quen, en definitiva, a filoloxía benefíciase das posibilidades que ofrecen as tecnoloxías pero, do mesmo xeito, estas tamén se enriquecen coa incorporación de coñecemento filolóxico.