DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con epicentro no edificio Redeiras en Vigo e actividades nas sete grandes cidades galegas

Unha G-Night máis a ciencia saíu dos laboratorios para reencontrarse coa cidadanía

Para a reitora da UVigo “a universidade pública debe xerar coñecemento, pero tamén compartilo”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
  • Reitora
  • Investigación
DUVI 25/09/2026

A ciencia botouse ás rúas das principais cidades galegas, por sexto ano consecutivo, este derradeiro venres do mes de setembro co gallo da celebración da G-Night. Un cento de investigadoras e investigadores da UVigo, de todos os centros Atlanttic, CINBIO, Cintecx e CIM, coa colaboración doutras entidades como a Fundación CEER, o IIS Galicia Sur e os centros interuniversitarios Citmaga e Ecobas, ademais de persoal investigador en fase predoutoral, foron quen de trasladar a súa actividade a diversos emprazamentos de Vigo, Ourense e Pontevedra, onde centos de persoas descubriron de xeito aberto e participativo os principios e aplicacións do seu labor. 

Con epicentro no edificio Redeiras e na praza do Berbés en Vigo, onde se concentraron a maior parte das 40 actividades da G-Night desenvolvidas polo persoal investigador da UVigo, a institución académica viguesa volveu coordinar a Noite Galega das Persoas Investigadoras, na que participan, ademais das universidades da Coruña, Santiago de Compostela, os institutos do CSIC —IEGPS, IEO, IIM, Incipit e MBG—, os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía, así como outros centros e organismos de investigación galegos, entre eles o Cesga, Citmaga, Ecobas, FCEER, IDIS, IISGS e Inibic. 

A reitora da UVigo, Carmen García Mateo, realizou unha visita institucional á feira na praza do Berbés, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; o vicerreitor de Transferencia, Rafael Comesaña; a directora de Gain, Carmen Cotelo; e as tenentes de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva e Ana Mejías. “A G-Night representa moi ben a aposta da Universidade de Vigo por achegar a ciencia á cidadanía e por mostrar o valor e o impacto da investigación que desenvolvemos e permítenos explicar dun xeito próximo en que traballan os nosos equipos, que preguntas se fan, que problemas intentan resolver e para que serve a ciencia no día a día”, asegurou a reitora que destacou a importancia dunha iniciativa coma esta para que nenas e menos poidan achegarse á ciencia e á investigación. “Unha universidade pública debe xerar coñecemento, pero tamén compartilo e facelo comprensible e útil para a sociedade e a G-Night permítenos facelo de maneira aberta, participativa e en colaboración co conxunto do sistema galego de investigación”, explicou García Mateo.

A celebración da G-Night, que hoxe se desenvolve en máis de 450 cidades de Europa, conta coa colaboración en Vigo do Concello e coa achega do Consello Social da Universidade de Vigo.

Feira científica, charla sobre o cancro e paseo en barco en Vigo

Convertidos en grades espazos de experimentación científica, o edificio Redeiras e a praza do Berbés, permitiron ao público asistente achegarse a ámbitos como a bioloxía, a química, as matemáticas, a enxeñaría, a intelixencia artificial, a robótica, a aeronáutica, a exploración espacial ou a alimentación funcional. Un teatriño de títeres sobre o papel das nenas e das mulleres na ciencia, acompañado dun obradoiro de microscopía e acuicultura, foron outros dos atractivos para o público máis novo, que tamén puido descubrir as aeronaves e foguetes deseñados polo alumnado de UVigo Aerotech, o monopraza de UVigo Motorsport ou prototipos de satélites e robots destinados á exploración de covas lunares.

As actividades en Vigo completáronse coa charla Novos retos en cancro, na Biblioteca Xosé Neira Vilas, que a investigadora principal do grupo CellCOM do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, María Mayán ofreceu na Biblioteca Neira Vilas e co paseo en barco para coñecer os fondos da ría a bordo de Inndaga, a embarcación do Centro de Investigación Mariña, CIM. 

Ourense súmase á G-Night con dúas charlas

A cidade de Ourense sumouse a esta edición da G-Night con dúas charlas na cafetaría Ceres 1894, no centro da cidade. A primeira levou por título Poden ser sexistas as campañas institucionais contra o sexismo? Organizada polo Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT), a actividade abordou co público o "sexismo institucional nas campañas contra a violencia machista mediante unha metodoloxía participativa baseada na visualización, a análise e o debate de campañas". A charla centrouse en identificar estereotipos sexistas, formas de culpabilización ou revitimización das mulleres e representacións que individualizan a violencia. 

A segunda charla, do Grupo de Colaboración e Innovación para a Equidade Educativa e Social, titulouse Estudar e traballar: reto ou oportunidade? Neste caso propuxo "unha aproximación divulgativa e crítica á formación dual universitaria, un modelo que busca conectar a formación académica coa experiencia en contextos profesionais reais". Nunha primeira parte explicouse de maneira sinxela en que consiste a formación dual, cales son as súas principais características e por que está adquirindo unha presenza crecente na educación superior. A continuación, presentáronse os dilemas que xera a súa implantación.

Das pegadas de Lorca en Pontevedra á ciencia no bar
 

No caso de Pontevedra, a G-Night botou a andar seguindo os pasos de Federico García Lorca pola cidade, nun roteiro organizado en colaboración co Colectivo Xurelo e guiado polo escritor Quique Mauricio e a profesora da UVigo Ana Acuña. Esta proposta levou ás persoas participantes a percorrer os espazos que o poeta visitou nas dúas viaxes que realizou a Pontevedra en 1932, o que á súa vez permitiu abordar a pegada Lorca nos escritores e escritoras contemporáneas.

As actividades promovidas pola UVigo na cidade continuaron cos dous coloquios na taberna Nasa, baixo o nome de Ciencia no bar, actividade que contou coa participación da vicerreitora do campus, Marián Fernández. Na primeira das charlas, a investigadora do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) Paula Frieiro abordou os resultados dunha investigación sobre a conduta suicida na mocidade galega, incidindo nos principais factores de risco e de protección e desmontando algúns mitos frecuentes. A continuación, a investigadora do Post-Growth Innovation Lab Cristina Míguez reflexionou sobre o grao de cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible por parte dos municipios españois, presentando algúns dos resultados do proxecto Plataforma ODS.