DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha xornada analiza na FFT as opcións laborais neste sector en Galicia máis aló do eido literario

O galego como porta de entrada a un mercado global de tradución e interpretación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/10/2020

Aínda que a tradución de libros é a parte máis visible do traballo das e dos tradutores, existen outros moitos eidos nos que poden desenvolver a súa profesión, como a tradución médica, a publicidade ou os servizos audiovisuais. Todo un mundo de oportunidades laborais que este venres os estudantes da Facultade de Filoloxía e Tradución puideron coñecer na mesa redonda Das Lagoas a Silicon Valley: vivir da tradución e interpretación en Galicia. A actividade, organizada pola profesora Ana Luna Alonso co apoio da Comisión de Extensión Cultural do centro, serviu tamén para conmemorar o Día da Tradución que, como explicou o decano, José Montero, tivo lugar hai xusto un mes, pero pola crise sanitaria e falta de espazos dispoñibles “non puidemos celebrar ata hoxe”. 

Na súa intervención, o decano remarcou que “tradución en Galicia significa Vigo, é unha titulación única na que se forman excelentes profesionais dende hai case 25 anos, como os tres que hoxe nos van falar aquí”. Mentres, Lara Domínguez, profesora da FFT encargada de presentar o evento, explicou que o obxectivo é “amosar outros ámbitos da tradución, máis aló do editorial ou literario, nos que hai bastante traballo”. Para iso mesa redonda contou coa participación de tres profesionais formados na facultade viguesa que traballan en campos moi diversos e pouco coñecidos como a tradución para o terceiro sector, a tradución médica ou a tradución tecnolóxica.

O galego como punto de partida

Miguel Braña, Rossana Couto e Ruth Layús relataron aos presentes, tanto presencialmente como a través de UVigoTv, como desenvolveron a súa carreira despois de rematar os seus estudos en Vigo e os tres coincidiron nun aspecto: o galego abre moitas portas no campo da tradución. 

É o que sucede no eido da tradución na economía social, no que o galego “é unha porta de entrada ao mundo laboral que é moi interesante explorar”, relataba Miguel Braña. “A min resultoume moi útil cando comezaba a buscar axencias de tradución coas que colaborar”, xa que no terceiro sector “é unha lingua de prestixio, as empresas e organizacións teñen moita sensibilidade coas linguas minorizadas e, aínda que non sexan galegas, están moi interesadas e consideran importante recoñecer a importancia do local, da diversidade”. Tamén Ruth Layús, que se especializou no sector das tecnoloxías, remarcaba a importancia que tivo a lingua propia no seu desenvolvemento profesional e recoñecía que “tanto traballando no cadro de persoal das empresas como de autónoma, a porta de entrada a estes traballos foi o galego”. 

Un paso máis aló ía a tradutora médica Rossana Couto, que quixo defender non só o galego como lingua normalizada na tradución, senón tamén o feito de traballar na propia terra. “Aínda que da FFT saíron persoas que foron traballar a un lugar tan emblemático como Silicon Valley, gustaríame destacar que vivindo en Galicia se pode traballar con clientes de calquera parte, porque o noso mercado é o mundo”. Entre as vantaxes de facelo, lembraba que esta fórmula permite aos profesionais da tradución traballar con “tarifas do estranxeiro, que desafortunadamente son mellores que as que temos en Galicia e podemos seguir vivindo aquí, sen a morriña que nos caracteriza aos galegos, gozando da vida en Galicia, contribuíndo ao desenvolvemento do país e traballando para que o galego sexa unha lingua de traballo normalizada”. 

Da contorna social a Google

Os tres participantes na mesa redonda representan tres exemplos ben diferentes do que pode ofrecer a tradución. Miguel Braña traballa como tradutor autónomo dende 2007 e é un dos socios fundadores da editorial galega Catro Ventos, especializada na tradución e edición de libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable, dereitos humanos e educación alternativa. Brañas explicou que o seu traballo se centra na tradución cara a economía social, un ámbito ao que chegou a través do  activismo social e a participación en moitas asociacións. Neste sector atopou moitas oportunidades traducindo para ONG, fundacións, asociacións cooperativas, empresas de inserción, etc. realizando traducións de textos especializados, como documentos legais (contratos ou textos de protección de datos), sitios web ou textos científicos, por exemplo informes sobre cambio climático ou sobrepesca. 

Un ámbito ben distinto é no que traballa Rossana Couto que, tras rematar a súa formación en Filoloxía Inglesa e Tradución e Interpretación, cursou un mestrado en Tradución Médicosanitaria. Traballa como tradutora autónoma dende 2000 e dedícase á tradución profesional de documentación de ensaios clínicos, produtos sanitarios e documentos de rexistro farmacéutico e tamén realiza revisións e validacións lingüísticas de avaliacións de resultados clínicos. Tras 20 anos de experiencia quixo facer fincapé en que “se pode vivir da tradución, e pódese vivir ben, dignamente” fuxindo así da idea catastrofista de que “aos tradutores non nos dá para moito”. Con todo, recoñecía, “hai que traballalo, pero os integrantes desta mesa redonda podemos demostrar que se pode vivir da tradución dignamente”.

Pola súa banda, Ruth Layús comezou a súa traxectoria profesional traballando por conta allea en Madrid e Santiago e leva xa 14 anos como autónoma, centrada na provisión de servizos lingüísticos xunto con outras profesionais en tradRLQ. Servicios lingüísticos.  Os seus ámbitos de especialidade máis frecuentes son a localización de software, sector no que colabora con industrias tecnolóxicas e, dende 2015 é a responsable do equipo lingüístico de galego de Google dende unha empresa encargada das revisións en todos os idiomas. A este respecto aclarou que o seu traballo non ten nada que ver con Google Translate. “A tradución automática fana as máquinas”, pero para a tradución dos seus produtos e servizos Google contrata unha cantidade grandísima de profesionais de todos os idiomas que traducen Chrome, YouTube, Android, etc. “O meu traballo consiste en xestionar o equipo de revisores de Google e coordinar os distintos equipos de tradución que hai. En definitiva, o que teño que facer é asegurarme de que a calidade cumpre os estándares que espera Google, que son bastante altos”. 

Con todo, recordaba Layús que cando estudaba tiña claro que non quería dedicarse á tradución e “pasarse oito horas ao día diante dun ordenador dándolle voltas a un texto”. Pero “algo fallou”, explica, e “acabei carreira, busquei traballo e comecei en Madrid traducindo ao galego e descubrín que me encantaba estar buscando información, documentándome, aprendendo todos os días, mellorando as miñas habilidades lingüísticas e decidín que quería ser tradutora”.