DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ciencia escolar foi un dos temas abordados nun ciclo virtual sobre innovación en didáctica

Un garavanzo é un ser vivo?

Afondouse tamén nas metodoloxías de investigación e na aprendizaxe integrada de idiomas 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/11/2020

Un proxecto centrado en levar as aulas de infantil ou primaria propostas de experimentación científica, unha análise de como a combinación de metodoloxías de investigación permite dar resposta a problemas reais e exemplos de como diferentes contidos curriculares poden ser abordados dunha forma conxunta. Con estas tres propostas botou a andar, na tarde deste mércores, o ciclo de conferencias virtuais promovido polo Máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria. Dirixido a achegar experiencias concretas en diferentes ámbitos abordados no mestrado, o ciclo coordinado por Uxío Pérez abriuse cos relatorios da profesora da Universidad de Almería María Rut Jiménez, dos docentes da Universidade da Coruña Belén Toja e Miguel Ángel González e da profesora do IES Valle-Inclán Ana Santos.

Xerar nos nenos aprendizaxes “que non se esquecen”

Organizado coa colaboración da profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires, o primeiro relatorio estivo centrado no proxecto Sensociencia, que desde 2013 promove o grupo de Investigación e Innovación en Educación Científica e Matemática da Universidade de Almería. Dirixido a fomentar o desenvolvemento de competencias científicas nos diferentes niveis de ensino, esta iniciativa articúlase a través dunha serie de “sensopíldoras”, preguntas relacionadas con ciencias e matemáticas ás que nenas e nenos dan resposta a través da experimentación. Unha delas, a de ser un garavanzo é ou non un ser vivo, foi formulada por Jiménez aos e ás participantes nesta actividade. “É algo para o que non temos unha resposta que alguén nos ensinara, temos que pensar”, salientou a docente, que a través das diferentes preguntas que se foron formulando foi guiando a actividade ata unha proba final, comprobar que os garavanzos respiran empregando un sensor que mide o CO2.

Sensociencia busca “a investigación chegue a aula” a través de experiencias que amosan “que é posible facer ciencia con nenos desde idades moi temperás” e que buscan contribuír ao labor que realizan as e os docentes “para que os nenos aprendan de maneira vivencial”. Non en van, no ámbito das ciencias, lembrou Jiménez, “moitas veces quitámoslles a sorpresa e a paixón que supón experimentar ao contarlles nada máis que a resposta final, que para eles non é nada significativo”, mentres que unha metodoloxía centrada en “aprender ciencia facendo” achégalles coñecementos “que non se lles esquecen nunca”· 

Combinar metodoloxías para entender unha realidade

Nun segundo relatorio, Belén Toja e Miguel Ángel Vázquez abordaron o proxecto sobre hábitos de vida saudables das e os escolares galegos, que desde hai anos desenvolven xunto coa profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Marián Fernández Villarino. Esta liña de investigación caracterizouse co paso dos anos por “un modelo de enfoque metodolóxico de carácter mixto”, coa que buscaban “dar resposta a unha realidade”,  salientou Toja. Nun primeiro momento, levouse a cabo un estudo lonxitudinal a través de cuestionarios en diferentes centros de ensino, dirixidos a coñecer os índices de actividade física do alumnado de primaria e secundaria. “Partimos dunha metodoloxía máis cuantitativa, que logo fomos acoutando a traballos máis cualitativos, empregando os mesmos suxeitos”, explicou a conferenciante, que incidiu en como esta “metodoloxía mixta” lles permite abordar “a globalizade dun obxecto de estudo afectado por moitos aspectos e coñecer mellor o que está pasando”.

Deste xeito, aos cuestionarios sumáronse análises de casos concretos que abranguían non só o alumnado e o profesorado, senón tamén ás familias e á contorna do centro, á vez que se abría, “case en paralelo”, unha segunda con alumnado universitario e profesorado de Educación Física. Non en van, a mellora dos niveis de actividade física das e os escolares pasa tamén, lembrou, por “saber tamén que pensa ese futuro docente e que concepto ten da educación física e do que é un alumno alfabetizado fisicamente, con hábitos de actividade física saudables”. 

“Transversalidade” nos centros de ensino

Coa colaboración do profesor Carlos Valcárcel, a xornada pechouse cun relatorio no que Ana Santos deu conta das súas vivencias coa metodoloxía AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Lingua Estranxeira), no seu caso, impartindo en francés a materia de educación física. A profesora do IES Valle-Inclán buscou así mesmo pór o foco no valor da “transversalidade no campo das seccións bilingües”, a través dunha serie de experiencias de proxectos levados a cabo neste instituto e que implicaron a diferentes departamentos. Concretamente, Santos falou dun proxecto levado a cabo, cos departamentos de xeografía e historia, coas escolas embaixadoras do Parlamento Europeo, dun proxecto de innovación educativa Erasmus K3 e dúas iniciativas levados a cabo na plataforma Etwinning, “nas que implicamos aos departamentos de tecnoloxía, xeografía, bioloxía e informática”. Con estes exemplos, Santos buscaba subliñar como “a colaboración con outros departamentos faite ver que a ensinanza non son materias illadas”.

Tras esta xornada, o ciclo continúa o mércores 11 coa conferencia-taller do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Ramón López Facal, Investigar en Didáctica das Ciencias Sociais: alén da innovación educativa, e pechase o 26 de novembro cun relatorio sobre busca de recursos, a cargo de Marta Gutiérrez, subdirectora da Bibliorteca Centrla do Campus.