DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserido na XXVI asemblea xeral do Grupo Compostela de Universidades

O Green Campus preséntase nun foro internacional sobre universidades sustentables

Permitiu dar a coñecer a metodoloxía de traballo e algunhas das actividades realizadas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 23/09/2020

O papel das universidades na promoción da sustentabilidade foi un dos eixos temáticos da XXVI asemblea xeral do Grupo Compostela de Universidades, para o que unha das experiencias seleccionadas foi a do programa Green Campus do campus pontevedrés. O evento organizado por medios telemáticos pola Universidade de Minho, completouse cun debate sobre universidades sustentables e outro sobre o impacto da covid-19 nas institucións de ensino superior, e para o primeiro foron convidados o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o director do Green Campus e Campus Crea, Carlos Souto, xunto con Ross Renton, vicerreitor da Universidade de Worcester británica, e o ex-alcalde da cidade estadounidense de Austin Will Wynn.

Ademais de participar nun debate sobre universidades sustentables, moderado polo profesor da UMinho Paulo Cruz, Souto presentou neste evento a metodoloxía de traballo e algunhas das iniciativas levadas a cabo no marco do proxecto Green Campus. “Ofrecéronnos a posibilidade de explicar a nosa experiencia, o que é un recoñecemento ao traballo que estamos facendo en materia de educación ambiental e sustentabilidade”, salientou Souto do convite a participar neste foro promovido por un grupo do que forman parte máis de 60 universidades de diferentes países, entre as que se atopa a UVigo. Esta presentación inseriuse, na tarde  deste martes, nos Diálogos Compostela na Educación Superior, que tiveron como eixos temáticos a sustentabilidade e o impacto da covid-19, para os que foron convidados responsables de varias das institucións académicas que integran unha rede nacida en torno aos valores de cooperación, solidariedade ou multiculturalidade asociados ao Camiño de Santiago.

Participación da comunidade universitaria

Na súa presentación, Souto abordou en primeiro termo a metodoloxía de traballo dun programa que permitiu a Pontevedra ser o primeiro campus de España en obter a bandeira verde que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education) a través da asociación ADEAC. “Para min a primeira clave é facer unha boa ecoauditoría, é dicir, analizar correctamente cales son os puntos débiles ou onde podemos traballar máis”, salientou Souto, que destacou así mesmo como outro “aspecto clave” do programa o traballo das comisións ambientais das diferentes facultades e escolas e a participación de profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado.

Souto deu conta así mesmo dalgunhas das iniciativas incluídas nos plans de acción do programa, como a instalación de paneis fotovoltáicos nas facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte, as iniciativas levadas a cabo para promover unha redución do consumo de auga nas diferentes facultades e escolas ou os traballos para a futura posta en marcha dun grupo de consumo. O director do Green Campus abordou tamén outras actuacións como a instalación de fontes de auga nos centros e o reparto de bidóns para evitar o consumo de plástico, a instalación de caixas niño, a posta en marcha da senda do arboreto do campus e o aproveitamento dos residuos orgánicos xerados nos comedores para a xeración de compost, que se leva a cabo coa colaboración do Concello.