DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 'Nesobasis rito' forma parte dun xénero endémico deste arquipélago

O grupo EcoEvo describe unha nova especie de libélula en Fixi

Atopada na illa de Vanua Levu no marco dunha investigación sobre a diversidade de comportamentos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/01/2022

Os estudos que o grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) centra na diversidade de comportamentos de diferentes especies de libélulas fixeron nos últimos anos do arquipélago de Fixi un interesante campo de traballo para os investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal. Nestas illas poden atoparse numerosas especies de libélulas do xénero endémico Nesobasis, ao que agora se incorpora unha nova especie, a Nesobasis rito, que os investigadores do grupo Anais Rivas, Adolfo Cordero e Olalla Lorenzo Carballa describen por primeira vez nun artigo publicado na revista Zootaxa

Os resultados da análise, tanto morfolóxica como xenética, realizada dunha serie de exemplares recollidos en diferentes localidades da illa de Vanua Levu nos anos 2005, 2009, 2011 e 2018 preséntanse neste estudo, que Cordero, Rivas e Lorenzo Carballa realizaron xunto con Bindiya Rashni, da ONG NatureFiji-MareqetiViti; Hilda Waga-Sakiti e Marika Tuiwawa, da universidade fixiana de South Pacific; e Christopher D. Beatty, da Cornell University estadounidense. “Non foi un traballo dirixido a buscar novas especies, pero si que fora un dos obxectivos da viaxe”, recoñece Anais Rivas, que realizou xunto con Cordero e co apoio dos investigadores locais uns traballos de campo que tiñan como propósito “estudar o comportamento das especies fixianas, xa que non se sabía nada delas”. Posteriormente, tanto Rivas como Lorenzo realizaron a análise xenética que permitiu confirmar que se trataba dunha especie nunca descrita, da que formaban parte tamén, como puideron constatar, algúns espécimes recollidos en expedicións anteriores por Cordero e Beatty.

Diferencias morfolóxicas e xenéticas

Esta nova especie do xénero Nesobasis recibe o nome de rito coa idea, explican, de honrar “os rituais da comunidade local da vila de Drawa, dos que gozamos antes de atopar os espécimes”, pero tamén como un acrónimo dos apelidos de Rivas Torres que servise como “agradecemento” á súa familia. Neste artigo descríbese a Nesobasis rito e compárase coas especies máis próximas, como a Nesobasis comosa e a Nesobasis heteroneura, presentes noutras illas do arquipélago e das que se diferencia principalmente pola forma do seu apéndice caudal, máis longo e delgado e dotado dun dente basal, ausente noutras especies. 

Este “status específico” viuse posteriormente confirmado polos resultados da análise xenética, “xa que non podemos apoiarnos só na morfoloxía”, subliña Rivas. A comparación dos resultados obtidos nesta análise cos doutras 16 especies de Nesobasis e oito espécimes pertencentes a especies aínda non descritas permitiu, explica, constatar como os diferentes exemplares analizados da Nesobasis rito “se asemellan moito entre si xeneticamente”, á vez que son “claramente diferentes” dos doutras especies do xénero.

Un xénero con incógnitas por despexar

Formado por 333 illas, o arquipélago de Fixi é o único lugar do mundo onde está presente o xénero Nesobasis, do que se teñen descrito máis de 30 especies diferentes ata a data. “Pensamos que aínda poderían descubrirse máis”, recoñece Rivas, que lembra que “as illas adoitan ser fábricas de especies”. Nese senso, “como o grupo leva tempo traballando en Fixi, temos varias especies por describir e esta é a primeira”, recoñece a investigadora, feito ao que se suma tamén, explica, que outros entomólogos traballan tamén actualmente na descrición de novas especies.

A este respecto, os autores deste artigo poñen o foco en que este traballo constitúe “outro paso” máis de cara a documentar "a diversidade deste grupo” e poder así afondar nos “factores que a produciron”. Nese senso, Rivas incide en que un dos aspectos que levaron ao grupo que coordina o catedrático Adolfo Cordero ao estudo deste xénero de libélulas é o feito de que dalgunhas especies só se teña detectado a existencia de femias xa que, sinala, “queríamos saber se podería haber partenoxénese”, a posibilidade de que se reproduzan sen necesidade de machos.