DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na xornada técnica que este venres promoveu na EE Forestal

O grupo de innovación Biofore Plus pon de relevo o papel da biomasa na economía circular

Os diferentes socios presentaron os resultados dun proxecto centrado en masas sen valor comercial

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/11/2021

Explorar diferentes vías para dotar dun maior valor a biomasa forestal residual procedente de masas arbóreas sen valor comercial era o propósito central de Biofore Plus, un grupo de innovación que este venres presentou na Escola de Enxeñaría Forestal os resultados das investigacións desenvolvidas ao longo deste 2021. A xornada técnica Experiencias de aproveitamento de biomasa residual forestal en Galicia, na que interviñeron os diferentes socios do proxecto, serviu así mesmo para afondar no papel que este recurso pode xogar na “bioeconomía circular”, como sinalou o director da EE Forestal, Juan Picos. 

Cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, no proxecto Biofore Plus, coordinado pola empresa Foresin, participaron a EE Forestal, a Fundación Conde del Valle Salazar, da Universidad Politécnica de Madrid, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e as empresas fmC e Greenalia. O seu obxectivo era probar a eficacia dun cabezal acumulador de biomasa Nisula 285 e+ sobre maquinaria habitualmente empregada nos montes galegos e valorizar o produto obtido en ámbitos como o enerxético, labor no que se centrou ou traballo do Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas da EE Forestal, ou o na redución das emisións contaminantes nas fosas de xurro, que será o eixo da actividade que o grupo levará a cabo o vindeiro venres no CIAM. Así o anunciou a coordinadora do proxecto, Érika Martínez, na inauguración desta xornada, na que estivo acompañada por Juan Picos e por Ignacio Lema, director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia.

Unha “ventá de oportunidade” 

Na súa intervención, Lema puxo de relevo como, nun momento no que se están a observar no sector empresarial problemas “como a falta de abastecemento producida polos problemas loxísticos” ou uns “incrementos históricos” nos prezos das materias primas, estase tamén abrindo “unha ventá de oportunidade para a biomasa”. A actual situación, engadiu, contribúe a pór en valor “a produción económica de proximidade”, o que pode contribuír a incrementar o uso con fins enerxéticos da biomasa forestal. Neste punto, Lema lembrou que se trata dun produto “que encaixa perfectamente co que é a economía circular e do que xa hai unha certa introdución comercial” en diferentes ámbitos. Mais, ademais de “fomentar na demanda”, salientou , tamén é necesario promover unha maior investigación, co obxectivo de “potenciar a obtención dos recursos que temos preto e facelos máis eficientes”.

Nese mesmo senso, Picos incidiu na primeira conferencia nas posibilidades de recursos como a biomasa para “substituír produtos da economía fósil”, facendo énfase en que ese potencial pasa precisamente pola substitución e non por que sexan un complemento a outro tipo de combustibles, “o que nos leva ao famoso debate do decrecemento”. Neste punto, o director da EE Forestal puxo de relevo a necesidade de falar de “bioeconomía circular” e de traballar con “produtos que non proveñan da economía fósil”. Previamente, incidiu na "capacidade de crecemento" que o uso da biomasa forestal con fins enerxéticos ten en diferentes sectores, desde a produción de calor á xeración de enerxía e a produción de biocombustibles para o transporte. Por último, no referido á súa importancia no sector forestal en Galicia, lembrou que o informe sobre a industria que a EE Forestal elaborou con Xera cifra entre 70 e 100 millóns os ingresos deste “subsector” en 2020, aos que habería que engadir os xerados pola venda de leña para uso doméstico.

Diferentes posibilidades para biomasas residuais 

Tres masas arbóreas sen valor comercial, unha afectada por un incendio, outra con exemplares de baixo crecemento e unha terceira ocupada por especies invasoras centraron os estudos realizados no marco de Biofore Plus. Os resultados dos traballos de caracterización enerxética e obtención tanto de carbón vexetal como de biochar realizados na EE Forestal coas mostras obtidas nestas plantacións de piñeiro, eucalipto e acacia foron presentados polo profesor Óscar González Prieto. O estudo que levou a cabo xunto co catedrático Luis Ortiz e Antonio Vázquez, nun prototipo de forno pirolítico de deseño propio, permitiu constatar a viabilidade de xerar con estas tres especies biochar, un produto que debe presentar unha concentración de carbono de cando menos o 50% e con múltiples posibles aplicacións, explicou, alén da enerxética. 

Entre eles atópase o seu uso nas fosas de xurro das explotacións gandeiras, co fin de reducir as emisións de gases contaminantes como o amoníaco, eixo dos estudos que presentou o investigador do CIAM Juan Castro. Previamente, o profesor da Politécnica de Madrid Eduardo Tolosana deu conta dos resultados da parte centrada no “aproveitamento mecánico” destas masas coa maquinaria empregada, xunto cos obtidos no proxecto precedente, Biofore. A xornada completouse coas conferencias sobre o potencial da biomasa como fonte de enerxía, de Mauro Coucheiro, de Greenalia, e sobre biocombustibles sólidos, do presidente do Clúster da Biomasa de Galicia, Francisco Javier Álvarez, así como coa presentación, por parte de Martínez, do proxecto que dará continuidade a este grupo de innovación.