DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No concerto que ofrecerá este sábado no Pazo da Cultura

O grupo de música tradicional do campus compartirá escenario con Carlos Núñez

Trátase da terceira ocasión na que o músico convida ás aulas e grupos do campus

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/12/2025

O grupo de música tradicional do campus de Pontevedra acompañará este sábado 20 de decembro a Carlos Núñez no concerto que ofrecerá no Pazo da Cultura. Os seis integrantes desta agrupación compartirán escenario co músico vigués e o seu grupo en seis das pezas dunha actuación inserida na xira de 30 de aniversario da publicación de A Irmandade das Estrelas. Trátase ademais da terceira vez na que as aulas e grupos inseridos na programación cultural da Vicerreitoría do campus son convidados a participar nunha actuación de Núñez na cidade.

O concerto presentado este xoves no Concello insírese na xira conmemorativa do 30 aniversario do lanzamento dun disco que “transformou para sempre o xeito no que desde fóra se miraba cara a música de Galicia”, como sinalan os seus promotores. Nesta xira, Carlos Núñez comparte escenario tanto con “músicos históricos daquela época”, como con outros que “aínda non naceran cando o disco saíu á rúa”, sinalan. Desta volta, o gaiteiro e o seu grupo estarán acompañados tanto polo grupo de música tradicional do campus como pola banda ferrolá Agarimo de Catabois.

“Isto significa un empurrón para a consolidación do grupo”, sinala o director da área adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres. Creado en 2023, co obxectivo de ampliar o labor da aula permanente de música tradicional do campus, trátase dunha formación centrada na preparación dun repertorio, co obxectivo de ofrecer concertos cunha compoñente didáctica, que está dirixida pola gaiteira Marina Fernández Vigo. A súa creación insírese no impulso dunha “estrutura de dous niveis” nas actividades culturais de carácter permanente do campus, na que as aulas e obradoiros de música, baile ou teatro combínanse con grupos que poidan fornecerse de membros das aulas e representar á Universidade en diferentes eventos. De feito, tanto a aula de música, como os grupos de música e baile tradicional e o coro polifónico do campus participaron en decembro noutro concerto de Carlos Núñez, quen xa convidara a aula permanente de música tradicional a acompañalos na interpretación dunha peza nun concerto no Pazo da Cultura no ano 2021.