DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo da investigadora lusa Ana L. Oliveira, os relatorios celebraranse a próxima semana 

O grupo de Novos Materiais espalla o coñecemento sobre biofabricación cun ciclo de conferencias 

Dirixido a persoal investigador, alumnado e profesionais do ámbito biomédico e ciencias da saúde

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 01/07/2022

A biofabricación é un ámbito de coñecemento multidisciplinar que involucra a tecnólogos, persoas expertas en biomateriais, procesos de fabricación e bioimpresión e tamén a especialistas en bioloxía, farmacia e medicina, que dominan as técnicas de cultivos celulares in vitro e modelos animais, coa finalidade de obter produtos orientados a enxeñería de tecidos e a medicina rexenerativa. “Estas tecnoloxías van permitir o crecemento e fabricación de organoides e tecidos biolóxicos que, a corto prazo, poderán utilizarse para o ensaio de novos medicamentos, estudios toxicolóxicos e modelos do comportamento e evolución de tumores”, explica o catedrático do Departamento de Física Aplicada e integrante do grupo de Novos Materiais da UVigo, Pío González, que tamén avanza que “a posible utilización en humanos aínda se ve distante debido aos estritos procesos regulatorios e altos costes”.

Co obxectivo de achegar dous temas de actualidade na biofabricación e con interesantes aplicacións na biomedicina, como son o desenvolvemento de novos materiais para o tratamento de feridas crónicas e os avances dunha nova tecnoloxía orientada á biofabricación e esterilización de dispositivos, biomateriais ou tecidos biolóxico, o grupo de Novos Materiais organiza os vindeiros 4 e 5 de xullo un ciclo de conferencias, impartidas pola docente e investigadora da Universidade Católica Portuguesa Ana Leite Oliveira. “No grupo de Novos Materiais contamos cunha liña de investigación consolidada sobre biofabricación, na que traballamos no desenvolvemento de biomateriais e scaffolds orientados á enxeñería de tecidos e medicina rexenerativa”, explica González, en relación coa razón para organizar este ciclo de relatorios, dirixidos a persoal investigador, alumnado de bioloxía, química, farmacia ou medicina, así como a profesionais do ámbito biomédico e de ciencias da saúde. Sobre Ana Leite Oliveira, Pío González destaca a súa ampla experiencia investigadora en biofabricación, como responsable do grupo de Biomateriais e Tecnoloxías Biomédicas e coordinadora do Mestrado en Enxeñería Biomédica da Universidade Católica Portuguesa no Porto. “Nos últimos anos temos colaborado activamente co seu grupo na realización de proxectos científicos, no intercambio de estudantes de mestrado ou doutoramento e en varias publicacións conxuntas”, engade González.

As conferencias celebraranse no salón auditorio de Cintecx ás 13:00 horas e tamén poderán seguirse de xeito virtual. 

Proposta para implantar un mestrado pioneiro a nivel nacional  

Logo de establecer nos últimos anos numerosas colaboracións no ámbito da biofabricación ao abeiro da Rede Galega de Biomateriais e do proxecto Iberos (Programa Poctep-Interreg), coa participación dos grupos máis salientables de Galicia e o Norte de Portugal, o grupo de Novos Materiais presentaba recentemente unha proposta para implantar un mestrado en biofabricación no curso 2023-2024, impartido polas tres universidades galegas e que sería pioneiro a nivel nacional. Un título que, segundo o catedrático da UVigo, “cubriría un dos perfís do catálogo 2030 da Xunta sobre as profesións de interese para a próxima década en Galicia, sendo un campo profesional incipiente, pero con moi boas previsións de crecemento no sector da biotecnoloxía vermella, na que Galicia ten unha posición relevante a nivel nacional”, explica Pío González.