DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación dun equipo da Universidade de Vigo

O Grupo Operativo Resfo avanza na avaliación do potencial de uso da resina galega en cosmética, perfumaría, pinturas e vernices

A iniciativa busca mellorar o aproveitamento deste produto

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Ourense 12/01/2026

No ecuador da súa actividade, o Grupo Operativo Resfo (Resina, Fortalezas e Oportunidades de Mercado), participado por un equipo da Universidade de Vigo, avanza na avaliación do potencial da resina galega nos sectores da cosmética, perfumaría, pinturas e vernices. A iniciativa lanzouse fai un ano co obxectivo de potenciar a industria resineira galega e mellorar a competitividade do sector, tanto con melloras técnicas no proceso de destilación e caracterización como a través da apertura de novos mercados e aplicacións.

Resfo está coordinado pola empresa Foresin, especializada en xestión forestal e aproveitamento resineiro. Por parte da UVigo participa desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense o Grupo para a Análise Empresarial. Completa o panel de socios a empresa Xagoaza Pinaster, industria que transforma resinas naturais procedentes de bosques xestionados de maneira sostible; Glecex, firma biotecnolóxica especializada en extractos naturais; e a Fundación Cetemas, centro tecnolóxico e forestal da madeira de Asturias. Cóntase ademais coa colaboración de Enyiris Design Thinking Lab, dedicada ao deseño e a programación. O grupo é beneficiario das Axudas para a Execución de Proxectos Innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea de Innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común.

Traballos de campo

O equipo da Universidade de Vigo, formado por Isabel Diéguez, Ana Gueimonde e Andrés Mazaira, participa na creación de estratexias que destaquen o valor engadido da resina natural galega, coa finalidade de posicionala como un produto premium no mercado internacional. Céntrase especialmente en aspectos de análise de mercado (caracterización da resina de coníferas galegas e identificación de novos mercados potenciais) e de desenvolvemento de novos produtos de alto valor engadido (como insecticidas ou extractos aromáticos para aromaterapia). 

No marco desta liña de traballo, o equipo da UVigo e membros de Resfo participaron nos últimos meses nas principais feiras profesionais dos sectores cosmético e químico a nivel estatal, como Cosmetorium e Paint&Coatings, e nelas levaron a cabo diferentes estudos. Concretamente realizaron un traballo prospectivo para avaliar o grao de interese e viabilidade da incorporación de derivados da resina de piñeiro en formulacións cosméticas, a través dun estudo cualitativo entre profesionais do sector (formuladores, marcas, provedores e distribuidores). Tamén realizaron un estudo de campo no ámbito dos produtos químicos industriais, avaliando con fabricantes, formuladores e provedores de materias primas a aceptación, os requisitos técnicos e as barreiras normativas á introdución da resina galega como ingrediente en solucións para revestimentos e vernices. “Ambas accións forman parte da estratexia do proxecto orientada a identificar novos usos de alto valor engadido para a resina natural de Galicia, con especial atención a sectores innovadores e sensibles á sostibilidade”, comenta Andrés Mazaira. Ademais de afondar na análise de mercado, estas iniciativas permitíronlle “establecer contactos clave co sector industrial, identificar tendencias emerxentes e reforzar a estratexia de márketing que se está a desenvolver para posicionar a resina galega como un ingrediente de alta calidade, sostible e con identidade propia”.

Un produto de alta calidade

A finalidade de Resfo é aumentar a rendibilidade dos montes galegos a través da mellora do aproveitamento resineiro e posicionando a resina natural de Galicia como un produto de alta calidade. Así, centrarase na optimización do proceso de destilación da resina en envase pechado, co fin de lograr un maior rendemento e calidade no produto final. Por outro lado, ao seu abeiro determinarase a calidade da resina natural galega, levando a cabo unha caracterización exhaustiva da mesma, identificando os atributos que lle confiren un valor diferencial no mercado global. Ademais, o proxecto inclúe o deseño de estratexias de promoción específicas para dar a coñecer as vantaxes da resina que se obtén en Galicia, fomentando a súa demanda tanto no eido estatal como no internacional. O grupo contempla así mesmo o desenvolvemento de novos produtos derivados da resina, "que permitan reemprazar os derivados do petróleo en diversos sectores industriais". Neste senso, aposta por valorizar a trementina da resina no sector dos pesticidas ou como ingrediente base de aromatizantes en cosmética, “substituíndo compostos principais de orixe sintética e ofrecendo un produto 100% bio”.