Terá lugar o venres 20 de marzo, a partir das 20.00 horas, no Teatro Principal
O grupo Tres Pesos e as aulas e grupos do campus protagonizan o Concerto de Primavera da Vicerreitoría
As invitacións poden recollerse nas diferentes facultades e escolas e na Casa das Campás
A música tradicional galega centrará neste 2026 o Concerto de Primavera do campus, no que o grupo Tres Pesos ofrecerá un espectáculo resultado, sinalan, de “anos de recolleita de tradición das cantareiras do rural”. Esta formación estará acompañada en varias das pezas polos grupos de música e de baile tradicional do campus e a actuación verase á súa vez precedida polo ‘pre-concerto’ que ofrecerán conxuntamente as e os integrantes da aula de música tradicional do campus e da escola de música e baile tradicional do Concello da Serra de Outes. Promovido pola Vicerreitoría do campus coa colaboración do Concello de Pontevedra, o concerto terá lugar o venres 20 de marzo ás 20.30 horas no Teatro Principal, mentres que a actuación previa desenvolverase no exterior do teatro media hora antes. Aberto a toda a cidadanía, as invitacións para asistir a este evento poden recollerse nas conserxerías das diferentes facultades e escolas do campus, así como da sede da Vicerreitoría.
Como explica o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, a idea deste Concerto de Primavera é combinar cada ano a presenza “dun grupo consolidado” con proporcionarlle ás aulas e grupos que forman parte da programación cultural do campus “a posibilidade de que participen neste espectáculo”. Nese senso, a actuación previa que, “se o tempo o permite, vaise facer fóra do teatro" contará coa participación das e dos integrantes da aula permanente de música tradicional que dirixe Suso Vaamonde, conxuntamente cos da escola da Serra de Outes. Xa no marco do propio concerto, serán as e os integrantes dos grupos impulsados pola Vicerreitoría, co propósito de combinar as aulas formativas con agrupacións máis orientadas á actuación, os que compartan escenario cos Tres Pesos. Por unha banda, este trío estará acompañado en dúas das pezas polo grupo de baile tradicional, dirixido por Monste Rivera e integrado por once persoas no presente curso. Xa no treito final da actuación, chegará a quenda das e dos oito integrantes do grupo de música tradicional do campus, formación dirixida por Marina Fernández e que combina gaitas, percusión, zanfona e acordeón.
Aberto a toda a cidadanía, as invitacións para asistir a este concerto poderán recollerse ata o mércores 18 de marzo nas conserxerías dos diferentes centros do campus e na sede da Vicerreitoría. De non esgotarse, o propio día do concerto estarán dispoñibles na Casa das Campás, ata as 19.30 horas.
Cantares e contares
Felisa Segade (voz e percusións tradicionais), Xosé Antón Ferreira (gaita, clarinete, voz e percusións tradicionais) e Xoán Porto (acordeón, voz e percusións tradicionais) son os integrantes de Tres Pesos, que ofrecerá un espectáculo baseado no seu terceiro disco, Cantares e contares. Nacida en 2013, esta formación de música tradicional presentaba o pasado ano “un traballo que reivindica a importancia da transmisión oral e co que fan da escena un novo punto de encontro entre os músicos e o público, no que manter viva a nosa cultura”, sinalan.
Integrada por tres cantantes e instrumentistas que ao longo da súa traxectoria tomaron parte en proxectos musicais como Leilía, Brincadeira, Mutenrohi ou Ialma e traballaron con artistas como Cristina Pato ou Uxía, Tres Pesos presenta Cantares e contares como un espectáculo “didáctico e divertido”. Non en van, nesta actuación o trío “toca, canta e tamén conta como esas músicas foron recollidas e acabaron formando parte do seu repertorio”, presentando esta escolma de cantigas como “pequenas pílulas que conteñen ensinanzas e mensaxes e reflexións necesarias para comprender a idiosincrasia da nosa sociedade onte, hoxe e mañá”.
