Con sete proxeccións entre novembro e xaneiro, arranca este venres cun filme de Bruno Dumont
A guerra centra o ciclo de cinema de outono da Vicerreitoría
Películas de diferentes xéneros permitirán afondar nos seus efectos en múltiples eidos
Dulce bellum inexpertis, a guerra é doce para os inexpertos, é o título do novo ciclo de cinema da Vicerreitoría do campus, que afondará nos efectos das guerras a través de filmes de diferentes xéneros. Sete proxeccións entre os meses de novembro e xaneiro integran unha programación que vai máis aló do cinema bélico, co propósito de abordar as “traumáticas e devastadoras consecuencias” da guerra “desde distintos puntos de vista”, como sinala o seu coordinador, o codirector do festival Novos Cinemas Suso Novás.
Promovido coa colaboración do Concello de Pontevedra, o ciclo arranca este venres na sede da Vicerreitoría e toma o seu nome dunha frase atribuída a Erasmo de Rotterdam, que lembra que “a guerra só ten unha aura de beleza mítica” para aquelas persoas que descoñecen as súas consecuencias, lembra Novás. Deste xeito, a proposta afástase de relatos que vinculan ao conflito “ideas de valentía ou patriotismo”, para amosar “o que realmente supón” a guerra, “unha apocalipse ética e moral”. Con esa idea, este ciclo de cinema de outono, que conta coa colaboración do Instituto Francés do Cinema e o do Goethe Institut alemán, engloba tanto filmes centrados “no conflito bélico en si mesmo”, como outros que abordan nos seus “substratos de natureza económica e social” ou o que “acontece coa xente que ten que fuxir dun conflito”.
Filmes de diferentes épocas e xéneros
Con sete sesións programadas para as 19.00 horas e complementadas cun coloquio, o ciclo bota a andar este venres 7 de novembro con O imperio (2024), do cineasta francés Bruno Dumont, “unha comedia totalmente aloucada sobre unha guerra espacial” que propón á súa vez “unha crítica social, política e económica”, apunta Novás. Outra comedia, Berlín Occidente (1948), de Billy Wilder, permitirá unha semana despois reflexionar sobre “que acontece cando acaba a guerra e os que gañan deciden como van vivir os demais”.
O venres 28 proxectarase 1917 (2019) do británico Sam Mendes, un filme ambientado na Primeira Guerra Mundial que permitirá achegarse “ao que acontece nun conflito bélico”. Xa en decembro, o venres 19 poderá verse outra comedia, 1941, de Steven Spielberg, ambientada esta nos Estados Unidos durante a Segunda Guerra Mundial.
Xa en 2026, a programación retomarase o 16 de xaneiro co filme alemán Catro de infantería (1930), de Georg Wilhelm Pabst, “un dos piares fundamentais do cine antibelicista da década de 1930”, sinala Novás. Á semana seguinte, o venres 23, poderá verse La Traversée (2020), de Florence Miailhe, unha película de animación coa que abordar a situación “da xente que intenta escapar dos conflitos bélicos”. Finalmente, o 30 de xaneiro pecharase a programación con Sicario (2015), de Denis Villeneuve, unha película coa que falar das “guerras non oficializadas, pero que existen”, como sería neste caso o conflito cos carteis do narcotráfico na fronteira entre México e os Estados Unidos.
