DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizada polo investigador Pablo Campo e editado polo Servizo de Publicacións da UVigo

Unha guía busca amosar aos pacientes de párkinson como o exercicio terapéutico pode mellorar a súa calidade de vida

O libro pon de relevo o papel da fisioterapia no tratamento desta patoloxía

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 02/02/2023

O párkinson é un trastorno neurodexenerativo que afecta ao sistema nervioso de maneira crónica e progresiva, provocando tanto tremores ou problemas de equilibro, como trastornos do sono, cadros de ansiedade ou depresión, que, segundo as estimacións da Federación Española de Párkinson, afecta a máis de 160.000 persoas en España. Co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade de vida destes pacientes, o investigador Pablo Campo presenta no seu libro Fisioterapia y Enfermedad de Párkinson un conxunto de “boas prácticas”, dirixidas tanto a que poidan coñecer o que suporá para elas e eles “cada estadio da enfermidade”, como o papel do exercicio terapéutico “como elemento modificador da patoloxía” e a importancia da fisioterapia na mellora da súa calidade de vida. 

Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, o libro foi presentado este xoves na Casa das Campás, nun acto no que o investigador do grupo HealthyFit e pofesor da Facultade de Fisioterapia estivo acompañado pola vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. “É unha guía enfocada fundamentalmente a afectados e coidadores”, salientou Campo dunha publicación xurdida das súas propias “vivencias persoais”, como investigador e fisioterapeuta. De aí que, ademais de abordar tanto a diagnose, sintomatoloxía ou evolución dunha enfermidade que require dun “modelo interdisciplinar de coidados” como o papel da fisioterapia no seu tratamento, a publicación busca tamén achegar aos afectados e afectadas unha serie de “ferramentas e boas prácticas” coas que “atopen posibilidades e horizontes máis aló dos tratamentos que ata agora tiveron”.  

“Para a Universidade de Vigo é unha honra que xurdan publicacións destinadas ao público xeral, e máis cando se centran no coñecemento dunha enfermidade por parte dos propios afectados”, engadiu Lantarón. Profesora de Fisioterapia, a vicerreitora incidiu tamén nos efectos que patoloxías como o párkinson poden ter na vida social das persoas afectadas, "o que repercute gravemente na súa calidade de vida", pondo de relevo a importancia de traballos como este libro para os propios afectados e afectadas.

Traballar nun “cambio de estilos de vida”

Un dos eixos do libro é o papel que poden xogar as e os fisioterapeutas no tratamento dunha enfermidade que, como lembra Campo, “nun principio diagnosticábase como un trastorno do movemento”, o que levou a que “tradicionalmente se prestase moita máis atención” a síntomas motores como rixidez, inestabilidade postural ou tremores. Mais, “co paso dos anos viuse que os síntomas non motores” do párkinson tiñan “un grande impacto” na calidade de vida dos pacientes, xa que nestes englóbanse “casos de depresión maior, cadros de estrés ou ansiedade, alteracións do sono, dor neuropático ou alteracións do sistema nervioso”, explica. De aí que un dos propósitos do libro é non só presentar como a fisioterapia permite traballar o control postural, o equilibrio ou a prevención de caídas, senón deterse tamén en como pode axudar na abordaxe global desta enfermidade, no marco dese “modelo interdisciplinar de coidados”.

“Desde o punto de vista da fisioterapia, o que debemos traballar é nun cambio nos estilos de vida”, subliña Campo Prieto, que lembra que “cando unha persoa está deprimida, ansiosa e fatigada, o que menos quere facer é moverse”, o que nun “proceso crónico neurodexenerativo” pode supor un “bucle que vaille levar a acabar encamada”. Fronte a isto, a prescrición de exercicio terapéutico achegaralle melloras “en aspectos físicos como a forza, o equilibrio e marcha”, pero tamén noutras problemáticas derivadas desta enfermidade, dado os efectos positivos do exercicio "no manexo de cadros depresivos, de ansiedade ou de estrés”, así como na mellora dos patróns de sono ou mesmo en “alteracións gastrointenstinais”, como lembra este investigador. 

De aí que a publicación vaia máis aló dos tratamentos e terapias para pór o foco no “autocoidado”, achegando unha serie de pautas e informando aos propios pacientes, dun xeito “o máis didáctico posible”, de que é o “que lles vai ir pasando en cada estadio da enfermidade” e das ferramentas e “estratexias compensatorias” coas que fronte ás problemáticas que poidan xurdir en cada etapa.

Dar visibilidade á propia enfermidade

Finalmente, os últimos capítulos do libro teñen como obxectivo “sensibilizar sobre o fenómeno desde diferentes puntos de vista”, pondo de relevo aspectos como “o importante déficit terapéutico” que, ao xuízo deste investigador, ten a atención que se lles brinda no sistema sanitario. Neste punto, Campo puxo en valor “o importantísimo labor do movemento asociativo” nun acto que contou coa participación de representantes das asociacións de afectados de Vigo e Pontevedra. O libro, engadiu, busca tamén contribuír “a que a sociedade coñeza esta patoloxía, porque o párkinson non é só tremores”, senón que implica unha serie de problemáticas “que limitan o día a día das persoas afectadas e dos seus coidadores” e, con esa idea, a publicación pechase cunha serie de testemuños de persoas afectadas por esta patoloxía.