Así comezan Belén Rubio e Carmen García Mateo os días previos á votación do venres 15 de maio
H2040 retoma os actos públicos, mentres Nós Universidade agarda unha por unha aclaración da Comisión Electoral
Mentres Jacobo Porteiro agradece a confianza e desexa “a mellor das sortes” ás candidatas
Cando restan catro días para que a comunidade universitaria elixa quen será a primeira reitora da historia da UVigo, as candidatas Belén Rubio e Carmen García Mateo, encaran este período continuando coa celebración de actos públicos, no caso da candidata de H2040, e á espera dunha resposta da Comisión Electoral en relación con que se pode ou non facer nos días previos á votación do 15 de maio.
Continuando cos encontros con diversos colectivos que xa celebrara durante a campaña electoral, Belén Rubio mantiña este mediodía un encontro co profesorado axudante doutor no edificio Exeria do campus de Vigo. Xa pola tarde, a candidata de H2040 reunirase no paraninfo da Escola de Enxeñaría Industrial (sede cidade) cunha representación do Programa Universitario de Maiores (PUM) de Vigo, e tamén manterá un encontro con profesorado asociado. Belén Rubio rematará a xornada reuníndose co estudantado da residencia universitaria Afundación de Pontevedra.
Pola súa banda, a candidatura de Carmen García Mateo agarda a resposta a un escrito enviado o pasado venres á Comisión Electoral no que Nós Universidade solicitara que se lles aclare que actividades se poden facer estes días que restan ata a votación do día 15, como a celebración de actos electorais e a petición expresa do voto. “Porque no calendario aprobado pola Comisión Electoral non está previsto un período de campaña na segunda volta e, de conformidade con Regulamento electoral só se pode pedir o voto dentro da campaña”, sinalan desde Nós Universidade. Á espera da resposta da Comisión, o equipo de García Mateo decidiu non realizar ningún acto, nin pedir o voto para a súa candidatura.
Non obstante, García Mateo e Rubio si coincidirán nun acto público o vindeiro mércores 13 de maio, a partir das 13.00 horas, co gallo do debate organizado por Radio Vigo (Cadena SER) no edificio Redeiras da UVigo. Un cara a cara que xa fóra acordado polas dúas candidatas á Reitoría antes da celebración da votación da primeira volta.
Non haberá debate entre candidatos á Xerencia
Despois que a semana pasada rematase coa petición por parte de Belén Rubio da celebración dun debate entre as persoas candidatas á Xerencia, este luns Carmen García Mateo reiterou a súa decisión de non facer pública a identidade deste cargo antes das eleccións.
A candidata de H2040 solicitara a celebración un debate “en prol da transparencia e para dar lugar á exposición de medidas concretas para o PTXAS, atendendo a súa demanda requerindo coñecer as persoas que poderían encargarse da Xerencia”. Belén Rubio, que presentara a Juan Carlos Porrúa como candidato ao posto de xerente antes da celebración da votación do 6 de maio sinala que “agardamos marcar unha data nos vindeiros días para celebrar ese encontro de xeito público e con acceso de toda a comunidade universitaria. Agardamos que, dende a outra candidatura, se atenda o antes posible esta solicitude”.
En resposta á demanda de H2040, Carmen García Mateo reiterou hoxe a súa decisión de “protexer profesionalmente a unha persoa que actualmente ocupa responsabilidades de alta dirección nunha organización pública”, unha decisión que, sinala “son perfectamente consciente de que pode ter un custo electoral, pero creo actuar con coherencia, é unha forma de entender a universidade”. Para a candidata de Nós Universidade “a Xerencia debe executar as políticas definidas polo equipo reitoral e os órganos de goberno” e “os grandes problemas da UVigo destes anos non se explican pola 'personalidade' de ningunha xerencia concreta”.
Agradecemento e “a mellor das sortes para as candidatas” de parte de ConSenso
Pola súa banda, o candidato de ConSenso, logo de quedar fóra da segunda volta das eleccións a Reitoría, trasladou este luns, a través dun correo electrónico enviado á comunidade, o seu agradecemento “a todas as persoas que confiastes no noso proxecto, nas nosas ideas, nas nosas propostas e, sobre todo, no noso equipo”. No seu escrito, Jacobo Porteiro recoñece que “os resultados do pasado 6 de maio non foron os que agardábamos, e asumímolos con humildade e respecto” e felicita a Carmen García Mateo e a Belén Rubio ás que lles desexa “a mellor das sortes nesta nova etapa. Agardamos que a segunda volta manteña o mesmo espírito limpo, respectuoso e construtivo que marcou esta primeira fase da campaña”.
Porteiro remata co desexo de que “a decisión final do día 15 de maio sexa a mellor para toda a comunidade”.
