O evento, dirixido por Luis Liz Marzán, terá lugar o días 5 e 6 de xuño no edificio Miralles
he Thinking Institute volve en xuño para consolidarse como cita internacional do coñecemento en nanociencia
Na súa terceira edición, participarán sete especialistas de renome internacional
Crear un espazo distendido de intercambio de ideas no que discutir a ciencia cunha mente aberta. Este é un dos principais obxectivos cos que o catedrático e investigador do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, Luis Liz Marzán pon en marcha a terceira edición de The Thinking Institute, un encontro internacional que contará coa presenza de especialistas de primeiro nivel nos eidos da nanociencia, a nanomedicina ou a nanoquímica.
A cita, que conta por terceiro ano consecutivo conta co apoio do CINBIO, terá lugar os días 5 e 6 de xuño no edificio Miralles, e acollerá os relatorios de sete expertas e expertos de diferentes lugares do mundo, como Michigan, Amberes ou Liverpool, entre outros.
Liz-Marzán: "Os relatorios non se limitarán a presentacións científicas"
O centro deste debate será a actualidade da investigación arredor dos nanomateriais e as súas perspectivas de futuro. “Unha das novidades deste ano”, adianta Luis Liz-Marzán, “é que os relatorios non se limitarán a presentacións científicas, senón que tamén se incluirán temas máis transversais como a carreira científica ou a transferencia de tecnoloxía e a creación de empresas de base tecnolóxica”. Nesta terceira edición preténdese aumentar e mellorar a interacción das persoas relatoras co público asistente, e xerar así “un formato distendido onde haxa unha maior confianza e participación por parte do persoal investigador máis novo, proporcionando un espazo para charlas informais, fóra das sesións propias dos relatorios”, destaca o organizador desta iniciativa.
Nesta edición, conformarán o panel de relatores un total de sete expertos e expertas nos eidos da nanociencia, a nanomedicina e a nanoquímica: Nicholas Kotov (University of Michigan), quen tamen asitira á anterior edición do encontro, cando fora nomeado doutor honoris causa da Universidade de Vigo; Mónica Olvera de la Cruz (Northwestern University); Joerg Lahann (University of Michigan); Sara Bals (University of Antwerp); Mathias Brust (University of Liverpool); Thomas Hellweg (University of Bielefeld) e o propio Luis Liz-Marzán (CIC BiomaGUNE e CINBIO).
Concurso para promover a innovación
Outra das novidades deste ano é que o persoal investigador do CINBIO contará coa oportunidade de participar no evento a través do concurso Be innnovative, actividade que forma parte do Plan de acción en transferencia de resultados de investigación do propio centro, para fomentar o emprendemento. As persoas gañadoras presentarán os seus proxectos de investigación ou transferencia nos ámbitos dos nanomateriais e a biomedicina ao longo dos dous días que dura o encontro.
“O evento está aberto a todas aquelas persoas que teñan inquedanzas científicas”, subliña Liz-Marzán, quen engade que “será unha oportunidade única para compartir experiencias e proxectos cun contacto directo e relaxado, aberto a conversacións e discusións sen as barreiras habituais dos congresos”.
Para asistir a este encontro é necesaria inscrición previa a través da páxina web do CINBIO, onde tamén estará dispoñible o programa completo.