DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'Goethe. Vivir para ser inmortal' está publicado pola editorial Arpa

Helena Cortés inmortaliza e desmitifica a Goethe na primeira biografía do escritor alemán elaborada por unha autora española actual

“Aparteime do ton académico porque quero chegar a todos os públicos”, asegura a autora

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 01/03/2023

Cando a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da Universidade de Vigo Helena Cortés Gabaudan recibiu o encargo da editorial Arpa de escribir unha biografía de Johann Wolfgang Goethe decidiu a aceptar o reto, “e falo de reto porque Goethe foi tan gabado, fíxose tanta haxiografía da súa persoa e obra, que calquera cousa que se atreva un a dicir sobre el resulta, ou ben escaso, ou ben un sacrilexio”, explica a xermanista, tradutora e autora de Goethe. Vivir para ser inmortal. Non obstante, Cortés asegura que “me parece que xa  vai sendo hora de baixalo dos altares e retratalo de xeito obxectivo, cos seus moitos acertos, pero tamén cos seus erros, tanto no humano, como no científico e literario. E non se trata dun mero intento de desmitificación, porque Goethe foi realmente un gran talento e deféndese só, trátase de poder achegalo a nós e velo cara a cara desde a nosa altura”. 

Para escribir a que é a primeira biografía elaborada por unha ou un autor español actual, “Cansinos Assens incluíra en 1957 unha longa biografía ao inicio da súa tradución de Goethe para Aguilar”, aclara Cortés, de quen foi un gran vitalista, ao tempo que profundamente hipocondríaco, que rexeitou durante toda a súa existencia o que lle lembraba á enfermidade e á morte, a investigadora optou polo relato, centrándose moito máis en contar ao home Goethe de carne e óso tal como era. “Na miña introdución preséntoo como un home angustiado de xeito patolóxico pola idea da morte e que por isto pon todo o seu talento e paixón vital en acadara inmortalidade. Esa é a idea que trata de reflectir o título”, explica Helena Cortés, que na súa obra reconstrúe as etapas e episodios máis significativos da vida do autor alemán. Así, a xermanista e tradutora da UVigo recrea na súa biografía a intensa e complexa amizada de Goethe co seu mecenas, o duque de Weimar; a súa pouca convencional comprensión do erotismo e a súa relación coas mulleres; a súa tenra relación cos netos e a súa obsesión de deixar tras de si un legado; a paixón de naturalista e a súa faceta de científico diletante; os seus felices anos bohemios en Italia e as tensións políticas da Alemaña da era napoleónica e a posterior presión conservadora, que condicionaron a súa vida. 

Goethe.Vivir para ser inmortal complétase, ao final de cada capítulo e relacionados con cada un deles, con dez guías de lectura das obras máis destacadas do autor alemán, nas que a docente e investigadora da UVigo recoñece que se deixou guiar polos seus propios gustos e polo que considera máis relevante do legado de Goethe. “Dediquei unha guía a súa poesía en xeral, para facer balance deste aspecto, e tamén hai unha dedicada a Viaxe a Italia, así que non elixín só obras literarias en sentido clásico”, explica.

Debilidades, temores e inseguridades 

Compatibilizando esta tarefa con outras actividades, Helena Cortés tardou un ano en escribir a biografía de Goethe, para a que utilizou máis as fontes primarias que a literatura secundaria, el deixou unha enorme cantidade de material autobiográfico, cartas, diarios, memorias, crónicas de guerra, poemas baseados en experiencias persoais… basta lelo a el mesmo para obter xa moita información”, sinala a autora do libro. Este traballo permitiulle a Cortés descubrir cousas novas, fixarse moito máis na súas debilidades, nos seus moitos temores e inseguridades, “na súa faceta de avó cariñoso, na súa falta tamén de estrutura e de continuidade á hora de escribir, é dicir, bastante improvisación como escritor, e todo isto fíxomo máis entrañable, porque o home superdotado, seguro de si mesmo e algo arrogante xa o coñecemos todos e non sempre cae ben”.

En Goethe.Vivir para ser inmortal, Helena Cortés optou por apartarse expresamente do ton académico e puramente informativo, “en parte porque iso xa se fixo e existen biografías moi completas, e en parte porque quero chegar a todos os públicos”, aclara a escritora, que recoñece que, aínda que a obra ten moitísima documentación, elixiu un ton narrativo e literario que converte, por momentos, á biografía nunha obra case novelada. 

Un curioso insaciable que escribía obras que se saen dos moldes 

Na súa biografía, Helena Cortés reconfirma a excepcionalidade de Goethe como home e como escritor capaz de crear obras “que se saen de todos os moldes, moi orixinais, algo que non vai sempre a favor da súa calidade literaria desde parámetros tradicionais, porque cando saltas as regras e improvisas tanto, saen monstros, e iso non a todo o mundo lle vai gustar, pero indubidablemente anticipa formas de escribir máis vangardistas, demostrando unha enorme capacidade de aproveitar e asimilar lecturas, ideas, experimentos científicos, arte, todo un humus intelectual moi diverso que recicla e integra logo nas súas obras, como Fausto, Wilhelm Meister, Viaxe a Italia, o Diván, entre outras”, enumera a tradutora.

Como home, Helena Cortés destaca de Johann Wolfgang Goethe a súa curiosidade insaciable e a súa falta de pereza para aprender e investigar cousas novas. “Cada vez que tiña coñecemento dalgo novo, en ciencia ou literatura, pedía libros e empapábase a fondo”, asegura a xermanista, que cita como proba deste interese do autor alemán que en 1829 xa tiña na súa casa unha maqueta da primeira locomotora de vapor inglesa de Stephenson.