DUVI

Diario da Universidade de Vigo

homenaxe escola naval

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Pontevedra 06/07/2021

Despois de catro anos, o capitán de navío Ignacio Cuartero completa nestas semanas a súa etapa á fronte da Escola Naval Militar de Marín, centro que desde hai máis de 25 anos promove conxuntamente coa Universidade de Vigo a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio e que acolle o Centro Universitario da Defensa (CUD), adscrito á institución académica. Co obxectivo de pór en valor a colaboración entre ambas institucións, a Vicerreitoría do campus organizou este martes un acto de homenaxe a Cuartero, que proximamente se incorporará ao Estado Mayor da Armada en Madrid, así como ao capitán de corbeta Antonio Vallés, quen finaliza tamén proximamente a súa etapa como secretario da cátedra. 

“Para nós é un recoñecemento obrigado”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, nun acto que no que a entrega dun recoñecemento a Cuartero e Vallés viuse precedida por unha conferencia sobre a historia da ENM do escritor e investigador naval Lino Pazos, quen foi presentado polo director da Área de Infraestuturas do campus, José María Cancela. No inicio deste acto, Soto puxo en valor tanto a colaboración da escola con sede en Marín como os valores “dunha persoa extraordinaria” como Cuartero, “que soubo comandar unha institución como a Escola Naval nuns momentos complexos como os da pandemia”. O director da ENM, pola súa banda, recoñeceu que estes catro anos foron “unha etapa moi bonita”, na que tivo a responsabilidade “non só de dirixir a formación dos alumnos que serán futuros oficiais da Armada”, senón tamén unha institución que “é un elemento importante da sociedade”. Neste eido, puxo en valor “a relación desde hai moitos anos mantemos coa Universidade de Vigo”, tanto a través do CUD como dunha cátedra “que ofreceunos unhas oportunidades extraordinarias de enriquecer a formación dos nosos alumnos e achegar tamén a nosa experiencia e vivencias a distintas facultades e escolas da Universidade”.

O acto desenvolvido na sede da Vicerreitoría contou coa asistencia, entre outros, do subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Constantino Cortés; o xeneral xefe da Brilat, Luis Cortés; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, a concelleira de Promoción Económica, Turismo e Universidade, Yoya Blanco; e o director do CUD, José Martín Davila.