DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pilar Porta, responsable deste espazo no Hospital de Ferrol abriu un ciclo de conferencias virtuais

A humanización, un aspecto clave para facer das aulas hospitalarias un “oasis” de aprendizaxe

Os relatorios buscan achegar ao alumnado experiencias de educación artística

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 12/11/2020

“Unha escola hospitalaria debería supor un oasis dentro do propio proceso de enfermidade e hospitalización do menor”, salienta Pilar Porta, responsable da aula do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, un dos sete espazos dedicados a garantir a continuidade dos procesos de aprendizaxe dos e ás menores durante o seu período de hospitalización existentes en Galicia. Coñecer a realidade destas aulas e pór de relevo a importancia que, nun contexto hospitalario, teñen os proxectos de humanización e ambientación foron os dous obxectivos da conferencia virtual que Porta impartiu na tarde deste xoves a través de Campus Remoto, a primeira dun ciclo dirixido a achegar ao alumnado do grao en Educación Infantil unha serie de experiencias que amosen o “potencial da educación artística” nesta etapa.

Coordinado pola profesora da Área de Didáctica da Expresión Plástica Cristina Varela e patrocinado pola Vicerreitoría do campus, este ciclo arrincou cun coloquio dirixido a que alumnas e alumnos vivisen en primeiro termo un achegamento, “á realidade e o día a día a día destas escolares tan singulares e especiais”, como apuntou Porta. Con ese obxectivo, esta mestra, pedagoga e educadora social centrouse en primeiro termo no funcionamento dunhas escolas que atenden alumnado de diferentes etapas, desde infantil a secundaria, “dando resposta a ese principio fundamental que constitúe o dereito á educación”, mentres dura a súa hospitalización. “O labor que levamos nelas é múltiple”, sinalou Porta dun espazos que teñen como obxectivo “ofrecer un tratamento educativo integral ao alumnado, a través da prevención, o seguimento e o apoio educativo, emocional e social, respondendo ás súas necesidades individuais”.

Humanización e ambientación

O feito de que estas aulas formen parte de complexos hospitalarios fai que neles cobren especial importancia as accións de humanización, que, como sinala Porta, deben levarse a cabo desde un “enfoque multidimensional”. Partindo desa idea, a conferenciante abordou co alumnado o proxecto de ambientación artística e pedagóxica levado a cabo en dous andares do Hospital Arquitecto Marcide, baixo a dirección artística de Cristina Varela, Begoña Paz e Itziar Ezquieta, investigadoras do grupo Remoss da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Nese senso, a conferenciante puxo o acento na importancia de crear na aula, “a través dos diversos recunchos” que a compoñen, zonas educativas para cada etapa, espazos para o traballo en equipo, para o lecer ou para a lectura. O obxectivo, sinala, é xerar “contextos educativos adecuados para desenvolver procesos cognitivos, vencellados ao propio proceso de ensino-aprendizaxe”, pero tamén abordar o desenvolvemento físico, adaptándose á situación de cada menor, e social, “tentando na medida do posible crear espazos de xogo e de socialización do alumnado”. 

Máis aló da ambientación, Porta referiuse tamén á importancia daqueles procesos “que implican ás persoas, que son quen finalmente humanizan a atención á infancia hospitalizada”, a través dunha serie de exemplos de iniciativas levadas a cabo no hospital ferrolán. Concretamente, detívose nun proxecto de “de voluntariado interxeracional” con entidades de persoas maiores da contorna, e no programa Achégate a escola, levado a cabo co propio persoal médico, sanitario e de servizos do hospital, dúas iniciativas, lembrou, “neste momento adiadas” por mor da situación sanitaria.

Dúas conferencias por diante

Pór en contacto aos futuros e futuras mestres con “experiencias reais de aula e os seus protagonistas” constitúe, como sinala Varela, o obxectivo do ciclo O espazo da educación artística en educación infantil. Tras esta primeira sesión, o vindeiro xoves terá lugar a conferencia O desenvolvemento do debuxo infantil dende a óptica da arte, a cargo do artista plástico, docente e doutor en Belas Artes Cristian Gradín; completándose o 26 de novembro co relatorio Que non debemos facer/dicir os/as profes en educación infantil, a cargo do mestre e xerente da Escola Infantil Bamby, Antonio Rubio.