A cita celebrouse este xoves pola tarde en Pereiro de Aguiar
Iberlongeva aborda nunha xornada os desafíos da lonxevidade saudable e da soidade non desexada
O encontro reuniu persoal investigador e representantes institucionais para abordar esta temática
O auditorio dos Gozos, no concello ourensán de Pereiro de Aguiar, acolleu este xoves pola tarde a xornada Como conseguir unha lonxevidade saudable: unha mirada dende o territorio, celebrada no marco do proxecto Iberlongeva, unha iniciativa de investigación participada pola UVigo que estuda os factores que condicionan o envellecemento saudable en diferentes contornas territoriais.
Durante a apertura, Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense, destacou a importancia da cooperación científica e da investigación sobre o envellecemento nunha comunidade como Galicia. Pola súa banda, Juan Martín, director do Centro Internacional sobre o Envellecemento (CENIE), presentou o enfoque territorial de Iberlongeva, que estuda tres contornas diferenciadas: Zamora, Ourense e Trás-os-Montes (Portugal), e subliñou a necesidade de garantir unha lonxevidade digna e autónoma.
Dúas conferencias
O primeiro relatorio correu a cargo de Mónica de la Fuente, catedrática de Biociencias da Universidad Europea de Madrid e directora científica de Iberlongeva, que abordou os mecanismos biolóxicos do envellecemento e a influencia dos hábitos de vida sobre a saúde. Durante a súa intervención, explicou a diferenza entre idade cronolóxica e idade biolóxica, partindo dunha concepción da saúde entendida como a capacidade do organismo para adaptarse aos cambios. Neste sentido, sinalou que un dos principais efectos do envellecemento é precisamente a perda progresiva desa capacidade de adaptación. Non obstante, insistiu en que nunca é tarde para adoptar decisións saudables e que as modificacións no estilo de vida poden contribuír a mellorar a calidade de vida mesmo a idades avanzadas.
A continuación, Carmen Galán, xefa de servizo da Unidade de Coordinación de Estudos do Imserso, analizou a soidade non desexada como un crecente problema de saúde pública. Galán sinalou que aproximadamente un 20% da poboación española recoñece sentirse soa e advertiu de que as súas consecuencias van máis alá do benestar emocional, ao favorecer a aparición doutros problemas de saúde e reducir os anos vividos en boas condicións. Así mesmo, destacou a estigmatización que aínda rodea a soidade, unha circunstancia que dificulta a súa identificación e a procura de solucións. A relatora prestou especial atención á transformación das relacións sociais nas contornas rurais, onde as redes tradicionais de apoio veciñal, sinalou, están a experimentar cambios semellantes aos observados nas cidades. Esta realidade, indicou, pon de manifesto a importancia de incorporar as particularidades territoriais ao estudo do envellecemento e de visibilizar a soidade para desenvolver respostas eficaces dende as institucións e as comunidades locais.
Un proxecto transfronteirizo
Iberlongeva é un proxecto transfronteirizo entre España e Portugal centrado na lonxevidade saudable e a prevención da fraxilidade e está financiado no marco do Programa Interreg VI-A España–Portugal (Poctep 2021–2027) e fondos Feder da Unión Europea cunha axuda de 1,7 millóns de euros. Está impulsado pola Universidade de Vigo, a Universidad de Salamanca e o Instituto Politécnico de Bragança e coordinado polo Centro Internacional sobre o Envellecemento (Cenie). Por parte da UVigo participa un equipo encabezado polo profesor Francisco Javier Rodríguez e formado por persoal docente e investigador da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Facultade de Dereito, a Facultade de Educación e Traballo Social e a Escola Universitaria de Enfermaría.
