Esta publicación da serie ‘En tránsito’ reúne as entrevistas seis artistas formadas na facultade
As identidades diverxentes centran o novo libro que Belas Artes dedica os seus titulados e tituladas
O volume busca achegar as súas traxectorias o actual alumnado
Formadas na Facultade de Belas Artes, Deebo Barreiro, Lois Búa, Mónica Cabo, Teresa Búa e as integrantes do Colectivo Lag, Lara Buyo e Ana Corujo, son as protagonistas da nova publicación da serie En tránsito, coa que este centro busca achegar o actual alumnado aos proxectos, procesos de traballo e traxectorias de diferentes egresadas e egresados. Baixo o título de Identidades diverxentes, esta publicación reúne as entrevistas en profundidade realizadas a un grupo de artistas que, “desde liñas plásticas e conceptuais diversas, propoñen cos seus traballos unha revisión das cuestións de xénero e identidade”, como sinala a tamén egresada e xestora cultural Sara Donoso, responsable de realizar as entrevistas recollidas nos diferentes volumes desta serie.
Desenvolvido co selo de autoedicións da facultade Error es Bien, En tránsito é unha serie impulsada en 2021 que presenta en cada número unha escolma de entrevistas a artistas conectados por un fío condutor, como é desta volta “a investigación sobre o xénero, o feminismo ou a ruptura cos patróns establecidos”, sinala Donoso. En cada entrega, a escolla das persoas entrevistadas realízase coa participación dun ou dunha docente, que neste caso foi o tamén decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, que avogou por centrala en artistas que abordan, “desde unha perspectiva ampla”, temáticas relacionadas co colectivo LGBTIQA+. “Pensei que podía ser interesante escoitar a perspectiva de diferentes artistas que traballan neste campo ou noutros afíns” e que abordan diferentes cuestións relacionadas “coas identidades e a igualdade de dereitos”, sinala Buxán. Trátase, destaca, dunha “ollada necesaria”, tendo en conta ademais “que no contexto internacional no que estamos, semella que segue sendo necesario reflexionar” sobre as identidades de xénero e a “protección de dereitos”.
Do paso pola facultade ao papel social da arte
Continuando a liña de anteriores entregas, a publicación busca afondar nos traballos, intereses e procesos creativos destas artistas, mais tamén na pegada que deixou nas súa straxectorias o seu paso por Belas Artes. “Permítenos coñecer a orixe do traballo e comprender como se foi redirixindo, entender os procesos de formación e as diferentes etapas profesionais dos artistas”, recoñece Donoso. Do mesmo xeito, “nas entrevistas fálase do control sobre o corpo, da construción do xénero, do papel da sociedade e dos medios de comunicación neste aspecto...”, engade dunha publicación que tamén aborda cuestións como “o uso das tecnoloxías, o papel da arte como motor do cambio social, o feminismo ou a necesidade de subverter as normas establecidas”.
A ruptura dos estereotipos de xénero, por exemplo, é unha das cuestións abordadas con Deebo Barreiro, que ademais de ter participado en múltiples exposicións colectivas, en 2021 foi seleccionada para participar en Descubrimientos PhotoEspaña. Outra das entrevistas céntrase na traxectoria como artista, deseñadora de son e drag de Lois Búa (Mourae), que en 2018 gañou o premio Novos Valores da Deputación de Pontevedra e traballou nos últimos anos na creación de espazos sonoros para pezas de danza contemporánea. Tamén gañadora do premio Novos Valores, na traxectoria de Teresa Búa combínanse as artes plásticas, a fotografía e o deseño téxtil, o que levouna a protagonizar exposicións, performances, residencias artísticas e proxectos como Wom@arts, liderado polo Auditorio de Galicia.
Outra das protagonistas deste libro é Mónica Cabo, cuxa obra nútrese “da revisión dos hábitos, as identidades e a mriada cara o cotián”, salienta Donoso, e que en 2012 foi recoñecida co Premio Arte Joven do Principado de Asturias. A publicación complétase coa entrevista á Lara Buyo e Ana Corujo, que impulsaron na súa etapa na facultade o Colectivo Lag, centrado nos proxectos de arte de acción “baixo unha liña que reivindica a igualdade na súa totalidade”,ademais de pór en marcha posteriormente unha tenda de deseño, tras seren seleccionadas en 2016 no programa Incuvi Emprende da UVigo.
Deseñado por Marta Suárez e Manuel Balsas, coa coordinación de Marcos Covelo, Identidades diverxentes foi concibido inicialmente para un formato dixital, aínda que tamén se editará en papel. Nese obxectivo de “xerar un amplo arquivo de entrevistas a artistas, profesionais do deseño, da xestión cultural ou da educación” que teñen en común o seu paso por Belas Artes, Donoso traballa xa na seguinte entrega desta serie xunto coa profesora Chelo Matesanz. Esta terá como eixe a abordaxe “da cuestión do territorio desde diferentes puntos de vista”.