DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Novo estudo de inserción laboral do Observatorio de Persoas Tituladas para o período 1990-2015

Dos idiomas ás novas tecnoloxías… en que necesitaron especializarse as egresadas e egresados da UVigo?

O informe inclúe unha ficha con información académica e socio-laboral dun cento de titulacións

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 21/12/2020

Idiomas, informática, matemáticas, novas tecnoloxías, prácticas en empresas, formación e orientación laboral…  Estas son algunhas das habilidades de especialización profesional máis demandadas polo colectivo de egresadas e egresados da Universidade de Vigo. Así se determina no último informe publicado polo Observatorio de Persoas Tituladas, un estudo co que se culmina o ciclo iniciado en 2017 coa publicación de 71.487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015). Evolución da oferta académica e que continuou en 2018 con Estudo sobre a situación profesional das persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015), libros nos que se recollían os resultados dunha macro enquisa sobre inserción laboral aplicada aos antigos estudantes da Universidade de Vigo entre 1990 e 2015.

A nova publicación titúlase 100 titulacións da Universidade de Vigo (1990-2015). Formación complementaria e especialización profesional das persoas tituladas e nela abórdanse dúas temáticas: dunha banda, as necesidades formativas complementarias de especialización profesional demandadas polas persoas tituladas na súa incorporación ao mercado de traballo e, da outra, as materias en que están especializadas as persoas tituladas polas súas experiencias profesionais e que poden ser susceptibles de transmisión á docencia universitaria. “Trátase dunha obra  de consulta que axuda a identificar de modo directo as materias nas que a Universidade debería ofertar unha maior ou máis ampla formación para satisfacer as necesidades de especialización profesional do antigo alumnado”, explica o director do observatorio, Luis Espada, autor do estudo xunto con Víctor Manuel Martínez Cacharrón. “Ademais, este novo volume tamén permite coñecer os aspectos que estas persoas egresadas dominan no seu ámbito profesional e que poderían trasladar, como colaboración docente coa súa participación en cursos, conferencias e/ou seminarios”, recalca Espada.

“Estamos ante a fotografía en tempo real do que está a pasar cos egresados da UVigo”, salienta pola súa banda Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, entidade que colaborou na posta en marcha do estudo. Pedrosa fai fincapé en que nesta nova entrega do observatorio “ensínasenos o lado ata agora máis descoñecido da Universidade, o que amosa ese universo propio e común que conforman os que decidiron atravesar a porta da UVigo para saír ao mundo”.

Máis de 10.000 particicpantes, 517 páxinas e 98 anexos

O estudo recolle para cada unha das 100 titulacións impartidas pola UVigo entre 1990 e 2015, os resultados globais, por xéneros e por quinquenios das dúas variables analizadas –información académica e situación socio-laboral-e a maiores, incorpora unha ficha de cada titulación, aglutinando informacións que estaban dispersas nos estudos anteriores.

En total participaron na enquisa 10.748 persoas  e a análise de toda a información que achegaron é desenvolvida ao longo de 517páxinas e 98 anexos.  “Cada ficha inclúe información estruturada sobre información académica, situación socio-laboral e tipo de emprego”, explica Víctor Manuel Martínez Cacharrón, ao que engade que tamén se inclúe a relación existente entre o posto de traballo actual e os estudos realizados, así como entre as esixencias deste e o nivel académico adquirido na UVigo.

Titulación a titulación

Segundo os resultados do informe, as persoas que necesitaron nunha proporción elevada formación complementaria en orientación laboral logo de realizaren os seus estudos na UVigo foron os graduados/as en Tradución e Interpretación Galego-Inglés (46,2%) e en Belas Artes (29,2%). Mentres que, no outro lado da balanza, os que menos precisaron formación nesta materia realizaron estudos en Enxeñaría Técnica Industrial (0,4%) e en Ciencias Económicas e Empresariais- sección Empresariais e Enxeñaría Industrial (1.1%).

No caso dos idiomas, buscaron mellorar os seus coñecementos neste eido os diplomados/as en Turismo (45,9%) e os graduados en Enxeñaría e Tecnoloxías Industriais (42,9%) e, en informática, especializáronse, sobre todo os titulados no grao en Consultaría e Xestión da Información (33,3%) e Enxeñaría Agraría (20%). No caso das novas tecnoloxías as persoas tituladas que amosaron máis procura formativa realizaron estudos nas licenciaturas en Historia (17,9%) e en Filoloxía Inglesa (17,5%) e, no caso das matemáticas foron os titulados no Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación (26,7%) e Bioloxía (12,2% os máis implicados).

Por outra banda as persoas tituladas que máis sentiron a necesidade de realizar prácticas en empresas foron os graduados en Química (44,4%) e en Consultaría e Xestión da Información (33,3%), mentres que en Dereito (1%) e en Enxeñaría Informática (1,3%) apenas se detectou esta necesidade. En canto ás habilidades referidas á administración de empresas ampliaron estudos neste eido os titulados de Enxeñaría de Organización Industrial e Enxeñaría en Química Industrial (33,3%, en ambos).

Entre as habilidades técnicas complementarias destacan cuestións como a corrección e edición de textos na licenciatura en Tradución e Interpretación e biotecnoloxía, bromatoloxía, química e tecnoloxía alimentaria no Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Xestión ambiental e no Grao en Ciencias Ambientais. Xa no ámbito tecnolóxico destacan cuestións como Electrotenia no Grao en Enxeñaría Eléctrica e en Enxeñaría en Automática e Electrónica Industrial; sistemas electrónicos en Enxeñaría en Automática e Electrónica Industrial ou software CAD no Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos. No ámbito xurídico-social as persoas egresadas do Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos demandan máis formación en xestión dos recursos humanos e dereito do traballo, e no caso do Grao en Administración e Dirección de Empresas en contabilidade.