DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha edición especial do Itinerario formativo virtual en xénero

Igualdade lanza tres cursos formativos específicos sobre muller e ciencia

O período de matrícula está aberto ata o 31 de marzo e a docencia prolongarase ata o 8 de ma

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI 02/03/2021

Ao abeiro da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo lanzou o mes pasado unha convocatoria especial dos cursos do Itinerario formativo virtual en xénero. Os tres obradoiros ofertados, organizados arredor da temática da perspectiva de xénero no terreo científico, abranguen varias opcións temáticas: Mulleres e ciencia, Introdución da perspectiva e a análise de xénero/sexo na investigación e na innovación e Dimensión de xénero nos proxectos de I+D+I das TIC.

Estas actividades teñen como obxectivo responder á necesidade de formación en xénero da comunidade universitaria, polo que todas as persoas interesadas e pertencentes á Uvigo poden matricularse de balde ata o vindeiro 31 de marzo. O período de formación esténdese ata o 8 de maio e cada un dos cursos terá unha duración de 15 horas. 

Tres opcións “para mellorar a nosa excelencia científica” 

A responsable da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, sinala que as novas actividades constitúen unha “ferramenta formativa que pode ser moi útil para as investigadoras e investigadores, co fin de incorporar a epistemoloxía feminista na investigación e nas TIC, un requisito cada vez máis valorado nas distintas convocatorias europeas e internacionais”. Xa que outro obxectivo destacado é dar valor ás achegas das investigadoras que “hoxe e no pasado fixeron grandes contribucións científicas e desafortunadamente foron menosprezadas”, a proposta de Igualdade divídese en tres cursos, cada un coa súa área temática específica.

Baixo o título de Mulleres e ciencia, María de las Nieves Lorenzo, profesora do Departamento de Física Aplicada da UVigo, e Amelia Verdejo, que foi docente do Departamento de Matemáticas ata o ano 2018, farán fincapé, xunto á profesora da Universidade de Santiago de Compostela Encina Calvo, na invisibilidade feminina na ciencia e amosarán as dificultades que as mulleres atopan para desenvolverse profesionalmente neste ámbito. Nas sesións deste curso, o alumnado poderá aproximarse aos nomes e traxectorias das mulleres clave no éxito da misión Apolo XI. 

O curso Introdución da perspectiva e a análise de xénero/sexo na investigación e na innovación, impartido pola catedrática en socioloxía Capitolina Díaz, propón a incorporación da análise de xénero en todo o proceso de investigación, incluíndo a selección do problema, a mostra a investigar e os resultados. Díaz, que como indican desde a Unidade de Igualdade, “xa estivo na UVigo de xeito presencial dentro dos cursos de Innovación Educativa”, presentará tamén as principais cuestións sexistas que aparecen no eido da investigación. 

Pola súa banda, Soledad Torres, profesora do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, será a encargada do obradoiro Dimensión de xénero nos proxectos de I+D+I das TIC, no que explicará por que é imprescindible ter en conta a dimensión de xénero neste campo. Torres analizará os principais obstáculos e as posibles solucións, metodoloxías e ferramentas para integrar a dimensión de xénero en deseños e produtos.  

Comentando a importancia destes relatorios, a responsable da Unidade de Igualdade expón que, grazas a súa diversidade, o alumnado poderá “acceder gratuitamente a unha formación impartida por expertas moi destacadas”. Neste senso, desde a organización animan á comunidade universitaria a participar na formación porque fará “reflexionar sobre a produción de coñecemento científico cunha mirada e unha realidade tradicionalmente omitida, cega ao xénero”. Así, continúan, será posible “mellorar máis, se cabe, a nosa excelencia científica”.

Múltiples iniciativas para poñer en valor o traballo das mulleres

Arredor da pertinencia e necesidade desta edición especial, Águeda Gómez subliña que forma parte do Itinerario formativo virtual en xénero, que “é unha das iniciativas centrais de todas as políticas de igualdade, pois ten un carácter estrutural no sentido de apostar pola formación permanente sobre xénero e feminismo”. Adianta tamén que pola boa acollida das pasadas edicións, proximamente lanzarán nove cursos novos, “todos de gran calidade e con temáticas que o alumnado demandou”. 

Ademais deste plan formativo, no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 e co propósito de “impulsar e visibilizar ás mulleres no ámbito STEM e terminar co machismo dixital”, a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra acaban de entregar os galardóns GirlGeekCovid, que recoñecen a catro alumnas “que poden ser un referente para as rapazas máis novas que inician os seus estudos”. Así mesmo, a universidade conta cunha “campaña permanente máis visual a través do deseño de caretas e bolsas con imaxes de científicas paradigmáticas que sufriron o chamado Efecto Matilda”.