A exposición ‘Pontevedra Debuxada’ pode visitarse desde este xoves na sede da Vicerreitoría
Ilustradoras e escolares reinterpretan o rueiro de Pontevedra
A mostra céntrase na vertente didáctica deste proxecto
Desenvolvido polo Concello de Pontevedra, Taller Abierto e as profesoras da UVigo Begoña Paz, Iciar Ezquieta e María Covadonga Barreiro, o proxecto Pontevedra Debuxada deu como resultado tres mapas ilustrados, nos que Natalia Umpiérrez, Aida Alonso e Paula Chesire propoñen unha reinterpretación artística do rueiro da cidade. O proceso de traballo que deu lugar a estes planos e os resultados dos talleres realizados no marco desta iniciativa centran a exposición que deste este xoves pode visitarse na sede da Vicerreitoría do campus. Organizada polas docentes das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes, presenta unha unha serie de pezas que permiten achegarse á elaboración destes planos artísticos, xunto a unha selección dos traballos realizados por máis de 40 nenas e nenos en tres obradoiros centrados nos procesos de traballo das ilustradoras.
A tenente de Alcaldía, Eva Vilaverde, e o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, participan na tarde deste xoves na inauguración dunha exposición que poderá visitarse ata o 26 de marzo na Casa das Campás. A mostra, sinalan as súas promotoras, “permite descubrir diferentes aspectos do proceso creativo”, reunido “probas, técnicas, materiais e reflexións que explican como se constrúe unha cartografía emocional da cidade”.
“Relatos visuais que combinan arte, identidade e memoria”
Dirixida a afondar na “metodoloxía e no traballo que fixo posible a reinterpretación artística do rueiro pontevedrés”, a exposición presenta ás tres ilustradoras nuns soportes cos seus retratos e biografías e nos que é posible ver e coller un destes planos, dispoñibles tamén na caseta de turismo municipal. Alén do resultado final, a mostra detense no proceso, presentando unha serie de materiais previos de Alonso e Umpiérrez, xa que o traballo de Chesire é dixital, así como un vídeo no que as artistas falan do seu proxecto.
Este, sinalan as responsables desta exposición, convidaba ás ilustradoras a reflectir unha “lectura persoal de Pontevedra”, de tal xeito que os resultados non fosen “simples mapas funcionais”, senón “relatos visuais que combinan arte, identidade e memoria urbana, destacando espazos emblemáticos, escenas cotiás e elementos simbólicos da cidade”. Así, Umpiérrez apostou por unha vista panorámica de Pontevedra, mentres que Alonso centrouse no vínculo afectivo coa cidade que se xerou na súa etapa como estudante de Belas Artes, nunha peza construída coa técnica de recortes de papel. Chesire, pola súa banda, reflectiu unha historia persoal sobre os lugares nos que se criou combinando a idea de mapa coa banda deseñada.
As visións de máis de 40 nenos e nenas
Outro dos eixes do proxecto é a vertente didáctica do proxecto, reflectida nunha selección das obras realizadas por nenos e nenas de entre 6 e 12 anos en tres obradoiros impartidos por Taller Abierto. Tratábase, como explica Barreiro, de tres talleres monográficos “baseados nos procesos de creativos de cada artista”, nos que rapaces e rapazas experimentaron coas técnicas empregadas polas ilustradoras, ao tempo que “se lles convidaba a pensar sobre o espazo urbano”.
Xunto ás súas obras, preséntanse tamén os retratos que realizaron de Umpiérrez, Alonso e Chesire, completándose a exposición cunha mesa que reúne unha serie de materiais, dirixidos a presentar “os obxectivos de cada taller e outros resultados que non están na exposición”, sinala Paz.
