DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizándose en asembleas para debater os problemas que enfronta o alumnado

Independente, galeguista e comprometido coa educación pública, o sindicato Fervenza bota a andar na UVigo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 12/01/2026

Cómpre remontarse a marzo do ano pasado para situar o nacemento de Fervenza Estudantil, un sindicato que, en palabras de Edén Alonso, “nace coa intención de encher un baleiro existente na loita sindical do estudantado galego, pois desde hai anos as poucas organizacións estudiantís de Galicia non deron en unificar un movemento ao servizo das masas estudiantís: simplemente limitáronse a velar por unha estética afín aos partidos políticos dos que beben”. 

Coa convocatoria dunha folga xeral a prol de vivenda digna para o alumnado en abril de 2025, comezaba a actividade mobilizadora de Fervenza Estudiantil, que nos meses seguintes continuou a súa expansión no sur de Galicia, nomeadamente na UVigo. “Como unha das máis grandes universidades do país, loitaremos porque nesta institución todas as aulas se impartan en galego, daquela, protexeremos os dereitos lingüísticos do alumnado galego”, explica Edén Alonso, estudante de 4º curso do Grao en Belas Artes, que apunta tamén que, “nesta sociedade corrupta pola ideoloxía ultradereitista, derrocaremos o fascismo das nosas aulas e aboliremos a precariedade na cal se mergulla a mocidade de clase traballadora por mor do sistema capitalista ao que estamos sometidos”.

Unha ferramenta política que presente unha alternativa real

A través da creación de asembleas específicas arredor dun conflito, onde a través do debate e da análise das causas, se deseñe unha liña de actuación que replique as formas clásica de loita do movemento obreiro: axitación, concienciación, concentración e manifestación, Fervenza Estudantil fíxase como obxectivo a longo prazo, “mobilizar o estudantado para, nun futuro, crear un sindicato estudantil único, galego, forte e vigoroso”. 

Independente de toda institución e partidos políticos, “as institucións académicas, cada vez máis corrompidas, e a progresiva privatización do sector educativo, obrígannos a constituírmonos como unha ferramenta política que presente unha alternativa real, combativa e implicada coa realidade social”, aseguran as e os integrantes de Fervenza Estudantil, que sinalan ademais que, “somos un sindicato que atende ás particularidades materiais do noso país, representando ao conxunto do estudantado de berce proletario”.

Ferveremos e venceremos!

As e os integrantes do sindicato reivindican a súa “marcada liña nacionalista e galeguista. Defendendo a ultranza a constitución de Galicia como unha nación política, lingüística, histórica e cultural e, verbo disto, defendemos unha educación pública galega radicalmente comprometida coa normalización de lingua de noso entre a xuventude”.

En relación coa denominación da formación sindical, Edén Alonso explica que “porque se Galicia for o país dos mil ríos, nos quixésemos ser a súa máis alta Fervenza. Porque aspiramos a agruparnos o fluír do movemento estudantil nun único cano que desemboque no máis grande dos océanos. Ferveremos e venceremos!”.