DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destacados poñentes participaron hoxe na sesión central da xornada, celebrada de xeito virtual

A innovación e o emprendemento en infraestruturas, portos e enerxías renovables mariñas centra primeira xornada universidade-empresa de Sherpa do Mar

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 29/06/2021

A dixitalización dos portos, o transporte marítimo, as plataformas loxísticas ou a eficiencia e política enerxética, son algúns dos temas que este martes se abordaron a xornada central da Xornada Universidade-Empresa. Innovación e emprendemento: infraestruturas, portos e enerxía renovables mariñas, organizada polo proxecto Sherpa do Mar. As sesións virtuais que comezaron onte e se prolongarán ata mañá, “teñen como obxectivo afondar en temas relacionados coa innovación e o emprendemento no ámbito das infraestruturas, os portos e as enerxías renovables, e tamén pór a disposición do tecido empresarial e da comunidade científica un punto de encontro no que poder establecer contactos os que detectar sinerxías e posibles vías de cooperación”, explica Andrea Ogando, xestora de innovación do grupo REDE da UVigo, que avanza a celebración doutros dous encontros máis ao longo do ano, centrados nas áreas temáticas de maior impacto e relevancia actualmente no ámbito mariño e marítimo, tanto no eido empresarial, coma no científico.

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o catedrático de Organización de Empresas de Ecobas-UVigo e investigador principal de Sherpa do Mar, Xosé Henrique Vázquez, foron os encargados esta mañá de inaugurar a xornada central do encontro, na que tomaron parte, entre outros poñentes, Tiago Moraris, responsable do Grupo Tecnoloxías para o Mar do Instituto de Ciencia e Innovación en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Industrial; Xoán Martínez, CEO de Kaleido Ideas & Logistics; Yolanda Falcón, directora de xestión de participadas en Xesgalicia SGEIC; Fabio Represas, economista e director de proxecto de Magallanes e Enrique Mallón, secretario xeral de Asime. Mentres o reitor lembrou na súa intervención o compromiso da institución académica que dirixe coa transferencia e destacou a importancia de traballar de xeito conxunto no ámbito transfronteirizo, o investigador principal de Sherpa do Mar, Xosé Henrique Vázquez, lembrou na súa intervención os inicios do proxecto no ano 2019 “porque pensamos que podía pagar a penar desde o punto de vista da transferencia poñer en marcha unha iniciativa que apaláncase proxectos que estaban en marcha. Porque podemos pintar algo se estamos xuntos”, dixo o catedrático da UVigo.

A sesión de hoxe finalizou coa exposición dalgúns dos proxectos que neste intre se están a acelerar no programa de acompañamento ao emprendemento Sherpa Journeys de Sherpa do Mar, como Basemar, centrado na fabricación e comercialización de balizas con fondeo ecolóxico para a sinalización marítima e de parques de cultivo de marisco; Kersship, que traballa na reestruturación e optimización de propulsores de proa dos buques; COBS, enfocado no desenvolvemento dun sistema de alerta, identificación, seguimento e flotación de contedores marítimos; BIMA dirixido á creación de solucións tecnolóxicas baseadas en GIS e ABZU, unha plataforma de operacións portuarias baseada en tecnoloxía blockchain. O encontro rematará mañá cunha nova sesión, como a celebrada o luns, de encontros B2B virtuais organizados en colaboración con a Enterprise Europe Network. “O obxectivo destas reunións é promover o establecemento de contactos e a transferencia bidireccional entre a universidade e a empresa na eurorrexión, de xeito que os resultados obtidos da investigación no campo mariño-marítimo se poidan transformar en produtos comerciais viables e a comunidade investigadora poida obter feedback sobre as posibles aplicacións das súas tecnoloxías ao mercado”, detalla Andrea Ogando, en relación coa actividade organizada en colaboración coa Enterprise Europe Network, a maior rede europea de apoio empresarial en materia de innovación, competitividade e internacionalización.

Encontros para promover a transferencia de coñecemento e impulsar contactos

Nacido baixo o enfoque de crecemento intelixente, apoiando o desenvolvemento económico sobre a base do coñecemento e a innovación, Sherpa do Mar promove encontros como o celebrado hoxe, e os outros dous previstos durante o que resta de ano, co obxectivo de impulsar a transferencia de coñecemento e a creación dunha rede de contactos entre o tecido empresarial do sector mariño-marítimo e a comunidade investigadora de Galicia e o norte de Portugal, a través da que se poden identificar sinerxías e novas oportunidades negocio. “As temáticas dos próximos encontros serán, por unha banda, o impacto ambiental, pondo o foco nas actividades de pesca, acuicultura e as actividades de transformación, así como cuestións relacionadas co cambio climático, economía circular e descarbonización. Por outra banda, o terceiro evento centrarase na innovación na industria vencellada ao ámbito mariño-marítimo, pondo o foco na xeración de produtos de valor engadido”, avanza Andrea Ogando. 

Dous anos despois do seu inicio, Sherpa do Mar atópase, segundo os seus responsables, “nunha fase moi avanzada”, logo de realizar un intenso traballo para desenvolver os recursos necesarios para apoiar a emprendedores e empresas no ámbito da innovación e a mellora da súa competitividade, así como un proceso de selección aberto no que se incorporaron unha ducia de proxectos emprendedores con base tecnolóxica, aos que se lle está a dar apoio a través da metodoloxía Sherpa Journeys, desenvolvida ad-hoc para o proxecto pola UVigo. “Proximamente, iniciaremos o apoio a 20 empresas xa constituídas para asesoralas de forma personalizada en materia de innovación”, explica a xestora de innovación do grupo Rede, que asegura que ata agora o balance do proxecto “está a ser moi positivo, os recursos xerados no eido de Sherpa do Mar están a permitir acadar os obxectivos marcados e xa empezan a ser palpables os progresos dos proxectos empresariais que estamos a apoiar a través da rede de Sherpa do Mar”, explica Andrea Ogando.