DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito do proxecto Candela, desenvolvido por Setga, Itelsis, Inteco, Insitu, Universidade e Gradiant

Un innovador modelo de luminaria permite a conectividade de todo o sistema de alumeado a través do internet das cousas

Fai posible medir, optimizar e actuar en tempo real sobre a iluminación pública urbana

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
DUVI 15/03/2019

Segundo o estudo Variación espacial, temporal e espectral da contaminación lumínica e as súas fontes, os estados europeos que máis cartos dedican a iluminar os seus municipios son Italia, con 987 millóns de euros (con datos de 2015), e España, con 955 millóns. Cunha inversión tan elevada de orzamento público é preciso optimizar o alumeado público camiñando cara unha xestión intelixente. Este é o obxectivo do proxecto Candela, impulsado por empresas, centros tecnolóxicos e a Universidade de Vigo, que tras tres anos de traballo presentou as súas conclusións este venres en Santiago de Compostela.

Seleccionado na convocatoria de 2015 de Conecta Peme, Candela arrancou en febreiro de 2016 como unha iniciativa innovadora para deseñar un sistema de xestión intelixente do alumeado público para as cidades. Tratábase, como explicaban os impulsores do proxecto na presentación dos resultados, de “avanzar no eido das smart cities creando un conxunto de solucións que permitan medir, modelar, optimizar e actuar en tempo real sobre todo sistema lumínico público urbano”. Para isto desenvolveron un novo modelo de luminaria, xa que cos sistemas actuais con luces convencionais non é posible a optimización das redes adaptándoas ás demandas e ao espazo urbano ao que se pretende dar servizo. Esta nova luminaria permite a conectividade participativa con toda a infraestrutura de alumeado a través dunha rede do IoT, internet das cousas (IoT) e para desenvolvela empregáronse tamén as últimas tecnoloxías dixitais como os sensores Lidar (Light Detection and Ranging), o big data e as novas tecnoloxías de LED.

O consorcio estivo formado por catro empresas galegas (Setga, que lidera o proxecto, Sistemas Audiovisuales Itelsis, Inteco Ingeniería Avanzada e Ingeniería Insitu) xunto cos grupos de Tecnoloxía Enerxética e de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo e Gradiant. O proxecto contou co financiamento da Axencia Galega de Innovación, nun 50%,  cun orzamento subvencionable de 863.442,78€.

A finalidade: reducir o custe enerxético do alumeado público

Con este proxecto, as empresas e centros de investigación conseguiron reducir o custo enerxético do alumeado público mediante a mellora da súa regulación a través de controis en-liña e automatizados, ao tempo que se mellorou tamén o mantemento das instalacións a partir de detección temperá de incidencias. Por exemplo, reduciuse o tempo de operacións durante o ciclo integral de proxecto, diminuíndo o número de horas e meses empregados de 30 meses a un mes en infraestruturas medias de 30.000 puntos de luz.

Por outra banda, os membros do consorcio traballaron na adaptación dos parámetros lumínicos da luminaria aos ritmos circadianos da poboación e os niveis de actividade urbana mediante sistemas de sensorización integrada IoT. Ao tempo, esta iniciativa permitiu desenvolver novas ferramentas e aplicacións para o coñecemento das condicións reais das instalacións de luminarias nas vilas e cidades a través da automatización do inventario e do proceso de auditoría continuada, optimizando, tamén, de forma continua o gasto enerxético da infraestrutura mediante o uso de procesos de simulación. Isto, por exemplo, permite corrixir instantaneamente as desviacións reais experimentadas polos principais parámetros luminotécnicos ata o largo da vida útil, dende o fluxo lumínico á temperatura de cor, etc.

Ademais, grazas a este estudo tamén se mellora a percepción visual que a cidadanía ten das instalacións, optimizando a súa xestión, conseguindo mellores resultados de alumeado e aumentando a seguridade viaria apostando por unha regulación da iluminación adaptativa a condicións climatolóxicas cambiantes e polo deterioro progresivo das instalacións.