DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto H2020 coordinado polas universidades de Vigo e Autónoma de Barcelona 

Institucións de Europa e África analizarán como facer socialmente xusta a transición cara a economía circular

Liderado por Mario Pansera, comprende o deseño dun sistema de apoio á toma de decisións

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 04/06/2021

Como promover unha transición cara unha economía circular que, ademais de contribuír a conservación dos ecosistemas, sexa tamén socialmente xusta? Esta é a pregunta á que, ao longo dos próximos tres anos, buscará dar resposta o proxecto JUST2CE. A just transition of circular economy, financiado con 3,6 millóns de euros polo programa comunitario H2020 e liderado polo investigador Mario Pansera, que a comezos deste ano se incorporaba á UVigo como gañador dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Coordinado pola Universitat Autónoma de Barcelona e pola Universidade de Vigo, este proxecto reúne 14 socios de nove países europeos e africanos, tanto institucións académicas e centros de investigación como organizacións non gobernamentais, e abranguerá tamén a análise de experiencias concretas co propósito de deseñar unha aplicación que achegue recomendacións a institucións e empresas á hora de promover medidas que favorezan a implantación de novas prácticas de economía circular.

“O proxecto intenta resolver os problemas teóricos e empíricos da economía circular, tal e como a define o discurso dominante”, sinala Pansera, que subliña que este discurso fai fincapé “no desenvolvemento de tecnoloxías para a transición ecolóxica, pero esquece as cuestións políticas, sociais e de xénero”. Partindo desa análise crítica do paradigma da economía circular, JUST2CE ten como obxectivo analizar en que condicións sería posible “unha transición responsable, inclusiva e socialmente xusta” cara un novo modelo económico e estudar que factores técnicos e políticos poden permitir ou obstaculizar esta transformación. Cun orzamento de preto de 3,6 millóns, dos que a Universidade de Vigo correspóndelle preto de 200.000 euros, o proxecto, que arrancará no mes de setembro, reúne 14 entidades de España, Portugal, Italia, Grecia, Reino Unido, Suráfrica, Ghana, Etiopía e Cimbabue. 

Concretamente, entre os socios do proxecto atópanse as universidades de Sheffield, Federico II de Nápoles, Leeds, Coimbra, Cape Town e a Mekelle University de Etopía, xunto coa Agència de Residus de Catalunya e o Scientific and Industrial Research and Development Centre de Cimbabue, así como organizacións como Kumasi Hive, de Ghana, e a African Circular Economy Network. Xunto a Pansera, membro de Ecobas e que ao abeiro do proxecto Prospera, seleccionado no programa Starting Grant, liderará no campus de Pontevedra o grupo de investigación Post-growth Innovation Lab, en JUST2CE participarán tamén os investigadores da Universidade de Vigo Miguel Rodríguez Méndez, Pilar Piñeiro García, David Soto Oñate e Antonio Sartal. 

Unha nova “narración” da economía circular

“Vivimos nun mundo no que deseñamos produtos en California, imos ao Congo, onde traballan nenos en condicións absurdas, a extraer os minerais, enviámolos a China, onde se constrúe o produto que logo utilizamos nós no norte, para que finalmente eses materiais volvan a África, porque, segundo algúns estudos, o 60% dos residuos electrónicos europeos rematan en Ghana”. Deste xeito exemplifica Pansera a necesidade de que a transición cara unha economía circular teña en conta o impacto que os modelos de produción e consumo teñen nas relacións sociais e de xénero, así como nas diferencias norte-sur e na contraposición entre “economías produtivas e extractivas”. 

JUST2CE busca pór o foco nun aspecto aínda non estudado, o de “que grupos poderían clasificarse como gañadores e perdedores” no desenvolvemento do actual paradigma da economía circular e como poderían “reconfigurarse” estas relacións para lograr unha circularidade máis xusta. “Non se trata dun problema científico-técnico, senón dun problema económico e social sobre que producimos e como o producimos”, sinala Pansera, que defende que as “solucións técnicas” só implicarían “seguir vivindo cun modelo económico que crea desigualdades, desnutrición e cambio climático, mudando só a tecnoloxía e a linguaxe”. Nese senso, Pansera, que recentemente afondaba neste aspectos nun artigo publicado na revista científica Journal of Responsible Innovation, pon o acento na necesidade de articular “unha nova narración da economía circular”.

Unha aplicación para implantar cambios e melloras

Co propósito de identificar “barreiras e facilitadores para a implantación de políticas alternativas de economía circular”, JUST2CE comprende a análise de dez casos de estudo, cinco en Europa e outros cinco África. En ambos continentes estudaranse experiencias levadas a cabo en sectores estratéxicos clave, de acordo cos indicados no Plan de Acción da UE para a economía circular, “como podería ser o caso da produción e desperdicio de alimentos, a xestión da auga, as materias primas críticas e a produción nun complexo mundo global de cadeas de subministro”. 

Os resultados acadados nesta análise permitirán desenvolver un “sistema de apoio á toma de decisións”, unha aplicación que poida achegar “indicacións concretas” a empresas, cooperativas ou institucións. Como explica Pansera, a idea é deseñar unha aplicación que achegue propostas de cambios e medidas para “avanzar na economía circular”, partindo da análise dos datos que se lle proporcionen sobre xestión do persoal e provedores, fluxos de enerxía ou materias primas empregadas.

Así mesmo, os resultados destes casos de estudo posibilitarán tamén o desenvolvemento “de modelos macroeconómicos alternativos”, aspecto que centra outro dos bloques de traballo dun proxecto que conta tamén con módulos centrados no desenvolvemento de metodoloxías participativas coa sociedade e de innovación responsable.