DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co lema ‘Enfocando a igualdade: mulleres, ciencia e diversidade’

O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación convoca a segunda edición do seu certame de fotografía con perspectiva de xénero

O prazo de presentación de propostas remata o 30 de setembro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 14/09/2026

O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA) da Universidade de Vigo ten convocada unha nova edición, a segunda, do seu concurso fotográfico Enfocando a igualdade: mulleres, ciencia e diversidade. A iniciativa ten como obxectivo “visibilizar a importancia da igualdade de xénero nas ciencias agroecolóxicas e alimentarias, así como en todas as actividades desenvolvidas no IAA, a través de imaxes que reflictan a diversidade, o respecto e a equidade no ámbito académico, laboral e social”. 

Segundo explican os seus responsables, “o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, en liña co seu compromiso por converterse nun centro de referencia na transición cara a sistemas agroalimentarios resilientes, sostibles, seguros e circulares a través da I+D+i, promove como alicerce fundamental para a construción dunha ciencia máis xusta e equitativa a procura activa da igualdade de xénero”. Co fin de contribuír a acadar estes obxectivos e para incrementar ao seu impacto na sociedade, o IAA convoca este Concurso Fotográfico IAA 2026. Enfocando a igualdade: mulleres, ciencia e diversidade.

Alumnado e persoal do IAA

O certame está aberto á participación de estudantado e persoal pertencente ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, que ten a súa sede no edifico Campus Auga do campus de Ourense, podendo presentarse propostas ata o 30 de setembro. As fotografías que se presenten deben tratar temas relacionados coa igualdade de xénero dentro do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e a súa contorna. Algunhas ideas para estas fotografías son a igualdade de oportunidades na investigación; mulleres na ciencia, na investigación e as representacións da diversidade de xénero no IAA. Fóra do que é a actividade do centro, as imaxes tamén poden tratar sobre iniciativas ou proxectos que promovan a equidade de xénero e situacións cotiás que reflictan a igualdade. As fotografías deberán ser necesariamente orixinais e inéditas, poderán ser en cor ou en branco e negro e cada participante poderá presentar ata un máximo de dúas propostas. As obras deberán ser propiedade da persoa que as presente ao concurso e deberán ter calidade suficiente para a súa reprodución final en soportes de papel, indicándose nas bases as características precisas. 

Concederase un primeiro premio (diploma acreditativo, 250 euros e unha publicación especial da fotografía nos medios do IAA); un segundo (diploma acreditativo, 150 euros e publicación da fotografía nos medios do IAA) e dous terceiros (diploma acreditativo e 100 euros para cada un, así como publicación das fotografías nos medios do IAA). As obras gañadoras serán elixidas por un xurado composto por persoal investigador sénior, posdoutoral e predoutoral, persoal de apoio á investigación e unha persoa designada polo responsable da xestión de actividades culturais do campus de Ourense. Cada integrante do xurado cualificará as fotografías de forma individual, valorando aspectos como a creatividade, a calidade técnica e a adecuación ao tema de igualdade. O fallo do xurado comunicarase antes do 20 de outubro.

A participación no concurso implica a aceptación das súas bases e o permiso para que o IAA poida utilizar as imaxes en futuras publicacións, exposicións e redes sociais, sempre co recoñecemento explícito da autoría.