Nunhas xornadas celebradas este mércores no campus
O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais estreita relacións co tecido industrial
Coa participación de empresas que traballan con tecnoloxías de vangarda
A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración dunha xornada que baixo o título Ciclo Enxeñaría Dixital reuniu a representantes de empresas e persoal investigador da UVigo para “coñecer e debater unha visión actual do uso de solucións dixitais en ámbitos industriais”.
O acto estivo organizado polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da Universidade de Vigo, que ten a súa sede no campus de Ourense, e contou coa participación desde o eido industrial de Navantia, Reganosa e Sertogal. O acto estivo coordinado polo membro do citado instituto Francisco Javier Rodríguez, que na inauguración apuntou que este ciclo, que nace con vocación de continuidade, constitúe “unha oportunidade de ter unha visión de distintas industrias, desde a enerxía ao naval, onde se empregan tecnoloxías e ferramentas tecnolóxicas de última xeración”.
Pola súa banda, Ángel Paredes, director do Ifcae, lembrou na inauguración da xornada que este instituto, que arrancou a súa actividade o pasado ano, xurdiu coa idea de “vertebrar capacidades científicas e tecnolóxicas que hai neste campus”, contando na actualidade con arredor de medio centenar de investigadoras e investigadores de diferentes disciplinas. Concretamente, a misión do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais é converterse e posicionarse como un centro de investigación de excelencia e transferencia de I+D sectorial de referencia nos campos da física, os sistemas aeroespaciais e outras disciplinas relacionadas. No marco da actividade do Ifcae, indicou o seu responsable, estas xornadas xorden coa idea de que contribúan a estreitar relacións entre este tecido investigador e o sector empresarial que traballa con tecnoloxías punteiras.
Do sector enerxético ao naval
A programación Ciclo Enxeñaría Dixital, que contou co apoio da Xunta de Galicia, arrancou cunha conferencia sobre a optimización de sistemas enerxéticos a través de solucións dixitais, a cargo de Jorge Leira, investigador do equipo de Dixitalización e Eficiencia Enerxética de Reganosa. Desta mesma empresa tamén houbo unha conferencia sobre investigación de técnicas de produción de hidróxeno verde. Pola súa banda, Bruno Sánchez, responsable do Departamento BIM de Sertogal, falou sobre modelos BIM en enxeñaría, e Miguel Vilar, responsable de Arquitectura Dixital de Navantia, interveu sobre X-Realities para a construción naval. O acto rematou cunha mesa redonda sobre visións e tendencias de futuro.