DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Martín Otero afondou na súa tese na importancia da formación en soporte vital básico

Unha investigación demostra o potencial da ‘gamificación’ para ensinar reanimación a menores

O estudo recóllese nas guías da American Heart Association e do European Resucitation Council

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/02/2021

As paradas cardíacas sufridas fóra dunha contorna hospitalaria constitúen a terceira causa de morte nos países industrializados, tralo cancro e as enfermidades cardiovasculares, e ante este tipo de episodios resulta vital a realización das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) por parte das persoas que se atopan no lugar, ata a chegada dos servizos sanitarios. De aí a importancia que ten a formación previa en reanimación en ámbitos como o escolar, eixo da investigación que Martín Otero desenvolveu para a súa tese de doutoramento, na que demostrou a efectividade dunha metodoloxía baseada na gamificación á hora de ensinar RCP a alumnado de secundaria. Este estudo, do que dá conta un dos tres artigos publicados en revistas científicas que integran a tese, foi recollido dentro das recomendacións en materia educativa das novas guías do European Resucitation Council e da American Heart Association, dúas organizacións que, sinala, “son os referentes mundiais en todo o que ten relación co soporte vital básico”. 

Dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e investigador principal do grupo Remoss, Roberto Barcala, a tese Influencia en la calidad de la Reanimación Cardiopulmonar en el ámbito escolar y deportivo. Estudio de diferentes factores recolle os resultados de tres investigacións dirixidas a “analizar a calidade das manobras de reanimación e soporte vital básico realizada por testemuñas no ámbito escolar e deportivo”, explica Otero Agra. Un destes estudos avalía a calidade da RCP realizada por árbitros de fútbol tras recibir formación neste eido, o segundo fai o mesmo con preto de 200 escolares e o terceiro, levado a cabo con preto de 500 estudantes de secundaria, busca coñecer o efecto sobre a calidade da reanimación de diferentes metodoloxías de aprendizaxe.

Este último estudo, publicado no Emergency Medicine Journal, é un dos citados nas novas guías da ERC como da American Heart Association. “É un orgullo tremendo poder ver os nosos nomes xunto aos de investigadores do mellor nivel”, salienta Otero, que pon o acento no feito de que o artigo sexa un dos citados, no caso da guía do Consello Europeo, no apartado que “incide na importancia de realizar formacións adaptadas ás características do estudantes”, un dos aspectos nos que afonda a súa tese. Nela o investigador colaborador do grupo Remoss e enfermeiro no Centro Príncipe Felipe pon o acento en que “a escolar é unha etapa ideal para o ensino de RCP, soporte vital básico e primeiros auxilios”, xa que os resultados desta investigación amosan que “todos os cidadáns poden salvar unha vida, incluso os máis novos”.

O xogo e a avaliación reforzan a aprendizaxe

489 estudantes de dous institutos, sen formación previa en reanimación, participaron no estudo que buscaba analizar a efectividade de diferentes metodoloxías na aprendizaxe. Divididos en catro grupos, as e os participantes recibiron unha sesión de “formación teórico-práctica” sobre RCP por parte do seu profesorado de Educación Física e, unha semana despois, avaliouse nunha simulación a calidade das súas compresións. Nun dos grupos, esta formación baseouse na gamificación e buscou que as e os estudantes aprendesen “xogando en equipo”, nunha actividade obrigatoria, pero pola que non serían avaliados, sendo esta a que acadou os mellores resultados, cunha “porcentaxe media de calidade do 90”. Uns valores similares, do 85%, rexistráronse no caso do grupo para o que esta formación, xa cunha metodoloxía habitual, tiña carácter de actividade avaliable. Mais non aconteceu o mesmo nos dous casos nos que se trababa dunha actividade complementaria, sen “incidencia na cualificación final da materia”, nun deles empregando manequíns con “retroalimentación visual” e noutro sen estes, xa que nestes dous grupos rexistráronse os “peores valores”, do 64% no caso do último grupo. “Normalmente, as formacións que se imparten na actualidade semellan ser actividades complementarias puntuais e este estudo reforza a idea de que ensinanza da RCP na escola debe ser obrigatoria e avaliable”, á vez que amosa que “a gamificación pode considerarse como estratexia para darlle un carácter máis lúdico e interesante”, salienta Otero 

A RCP en nenos e nenas

Outro dos estudos recollidos na tese levouse a cabo con preto de 200 nenos e nenas de entre 9 e 14 anos, tamén sen experiencia previa en RCP, cos que Otero buscou coñecer “as características demográficas e antropométricas” que influían na calidade das manobras realizadas. Aínda que os resultados das simulacións realizadas trala formación amosaron que esta calidade era “subóptima”, o estudo permitiu constatar tamén que o peso e a lonxitude do fémur e do antebrazo son as variables que determinaban en maior medida a profundidade das compresións e a calidade da reanimación. “Nas idades temperás, os rapaces non son capaces de facer RCP coa profundidade suficiente”, salienta o investigador. Por iso, avoga porque nestas etapas “asimilen aspectos máis cognitivos”, como saber recoñecer e actuar ante unha posible parada cardíaca, “para centrarse en facer unha RCP de calidade a partir dos 12 ou 13 anos”.

Os árbitros saben reanimar

Máis aló da poboación escolar, existen “grupos profesionais que teñen máis posibilidades de presenciar unha parada cardíaca extra hospitalaria”, como podería ser o caso, nos deportes, dos árbitros e árbitras, “unha poboación diana ideal para ser formada como primeiros intervenientes”, sinala Otero. Así o puido constatar no estudo, que levou a cabo con 35 membros do Comité Galego de Árbitros, da “categoría sénior-amateur”, dos que avaliou as súas habilidades para a realización da RCP e o uso do desfibrilador. Tras unha sesión formativa, explica, “todos os participantes conseguiron realizar unha RCP cunha calidade superior ao 70% e foron capaces de utilizar o DEA apropiadamente”.