DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Analiza como as floracións algais nocivas modifican os ecosistemas bentónicos dos fiordes

O investigador do CIM, Jesús Troncoso, participa nun estudo internacional sobre o impacto das mareas vermellas na Patagonia chilena

Liderado pola Universidad de Magallanes, os seus resutados poderían ter aplicación en Galicia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 14/09/2026

O investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM) e catedrático da Universidade de Vigo, Jesús Souza Troncoso, participou nun proxecto internacional liderado pola Universidade de Magallanes (Chile) que analiza como as floracións algais nocivas (FANs), coñecidas popularmente como mareas vermellas, están a modificar os ecosistemas bentónicos dos fiordes da Patagonia chilena.

O traballo, liderado polos profesores Claudia Daniela Andrade e Cristian Aldea, desenvolveuse no marco do proxecto Fondecyt Benthic HABs, coordinado polo Laboratorio de Ecoloxía Funcional da Universidade de Magallanes, e céntrase na Reserva Nacional Kawésqar, un dos ecosistemas mariños máis singulares do extremo sur de Chile. A investigación combina análises de ácidos graxos, isótopos estables e modelos de redes tróficas para comprender como flúen a enerxía e as toxinas entre as especies que habitan o fondo mariño. 

Segundo explica o equipo investigador, as floracións algais non só afectan á saúde humana ou á actividade acuícola, senón que tamén provocan unha profunda reorganización ecolóxica nas comunidades bentónicas, compostas por organismos que viven asociados ao fondo mariño. Os resultados obtidos permiten identificar áreas especialmente vulnerables e mellorar as estratexias de conservación e monitorización ambiental. Parte dos resultados foron presentados na defensa da tese de mestrado de Taryn Sepulveda, da Universidade de Magallanes, da que formou parte Troncoso.

Adaptación das especies

No marco desta investigación, Jesús Souza Troncoso participou nas campañas científicas realizadas na zona de Kawésqar e contribuíu á análise da capacidade de adaptación das especies mariñas fronte ás toxinas xeradas polas mareas vermellas. O investigador do CIM destaca que “estes organismos modifican os seus hábitos alimentarios para sobrevivir ás floracións algais nocivas”.

“A presenza das algas nocivas pode facer que cambie o recurso trófico utilizado por estes organismos. Pasa o mesmo que cos seres humanos: cando hai floracións de algas, non comes mexillóns, comes cenorias ou polo. Pois aí abaixo pasa o mesmo”, explica Souza Troncoso. 

A investigación tamén revelou a forte conectividade ecolóxica entre os ecosistemas mariños de Magallanes e a Antártida, así como a importancia das especies bentónicas para manter o equilibrio das cadeas tróficas mariñas. Ademais, o proxecto estuda posibles medidas de restauración ambiental mediante arrecifes artificiais, unha liña na que o investigador do CIM achegou experiencia previa desenvolvida en España e na Antártida. 

Aplicación potencial en Galicia

Os coñecementos xerados neste proxecto poderían ter tamén aplicación en Galicia, onde as mareas vermellas constitúen un fenómeno recorrente con grande impacto sobre o marisqueo e a acuicultura. O estudo da adaptación das comunidades bentónicas ás floracións algais nocivas, así como a análise das redes tróficas e da circulación das toxinas nos ecosistemas mariños, podería contribuír a mellorar os sistemas de seguimento ambiental e a anticipar os efectos destas perturbacións sobre os ecosistemas costeiros galegos. Neste contexto, a experiencia internacional adquirida polo persoal investigador do CIM reforza as capacidades do centro para avanzar no estudo dos impactos do cambio ambiental e da contaminación mariña nos ecosistemas atlánticos.

Os resultados deste traballo contribuirán á elaboración dun documento de recomendacións dirixido ás administracións públicas chilenas co obxectivo de mellorar a conservación dos ecosistemas mariños e a xestión das zonas acuícolas afectadas polas mareas vermellas.